Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Horror, Bouzas, María

lunes, 16 de abril de 2018
Que horror, María, na bouza que te metiches na noite dos Mestre Mateo, e mira que é difícil que a bouza na que unha protagonista se meta sexa máis mesta que a propia bouza que os premios presentan.

Os óscar, sempre de actualidade, teñen a culpa de todo. Impuxeron unha estética, e agora todos nos acomodamos a esa alfombra vermella, a ese pase de modelos, a ese escenario onde pode aparecer calquera cousa, a ese anunciar os nominados, a recibir o premio o galardoado, e ao espiche conseguinte.

Pode non haber moitas máis fórmulas por non perseguilas ou intentalas. Pero os óscar, modestos, minúsculos no 1928, inmensos noventa anos despois, que poden ter erros garrafales como o pasado ano, que consagran a quen os recibe, e ás veces destacan por non recibilos algúns grandes, marcan estilo e historia.

Despois dos oscar americanos, en España inventáronse os Goya, cabezóns para galardoar con todo o seu peso ás glorias nacionais. E repiten fórmula: alfombra, pousado, actuacións, humor, presunto humor o deste ano, nominados, premiados, emocionados, agradecidos. E en Galicia, os mestre Mateo, porque Mateo foi o máis grande, gloria.

E volvemos repetir –infame copia infumable- que soportamos co horror das peores películas B que un tal Franco – o cineasta- tivo a ben facer para compensar aos grandes da séptima arte.

E reivindicación insensata do feminismo mal entendido, e tremenda gala que Conselleiro e Director de Agadic soportaron con estoicismo, e actuacións intermedias insoportables. Meu Deus, se iso é representación do audiovisual galego, que o deus íncubo das artes de Galicia nos colla confesados.

E chegou María, á bouza. Xa a bouza era inextricable, infumable, impresentable, irreproducible, infame. E chegou María, á que eu teño por gran actriz, que agora deixa moi alto o pavillón galego aló por Celavella. E que recibe un Mestre Mateo por toda unha vida dedicada á escea. E chega en loor de multitudes. E eu, primeiro axiónllome mentalmente, e logo dispóñome a escoitar con devoción as súas palabras que seguro son como o Ciprianillo das excelencias artísticas, a caixa de Pandora que abrirá os ollos aos centos de artista alí presentes.

E María Bouzas – ai, Compañía de María- perdeuse polo Ulla e os seus xenerais antroideiros, e perdeuse polas palabras sen control, polo que tachou da folla que levaba, polo que non leu da folla que quedaba… que horror, María, a bouza na que te metiches. Que horror, María, lograr unha bouza máis mesta que a bouza dos Mestre Mateo.

En dez minutos que pareceron dúas horas María Bouzas destrozou a imaxe grande que eu me fixera dela. Xa se sabe que un ás veces ve xigantes onde só hai muíños. E logo, cando eses muiños perden as aspas, atópase só no medio da bouza – diante da Bouzas- e sente/pensa por sí mesmo, por ela, polo espectáculo, pola festa…

Os gañadores falaron de Meira, pequena, entrañable, vizosa vila da provincia de Lugo, como lugar onde atoparon acollida para a súa película. Estou convencido que se Meira organiza unha festa para celebrar esa película sería mellor ca a festa dos Oscar, moito mellor que os Goya, e infinitamente mellor ca a dos Mestre Mateo. Que horror de bouza, María.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania