Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Máster en rufianismo

sábado, 14 de abril de 2018
Xa que tan de moda están os "master" -mestrados, en versión autóctona-, ó fío do que acabo de ver no telexornal e aproveitando que hoxe todo quisque anda repasando o seu "curriculum vitae", vénseme a min á idea que algunha das 82 universidades que funcionan en España se poña a deseñar de contado o currículo formativo preciso para ofertar de forma presencial no ámbito da clase política nacional, autonómica e mesmo municipal, un "master en rufianismo" porque me dá que existe demanda abondo, logo de ter aberto tamaña vía o inefable congresista Rufián.

Acabamos de xantar acompañados dun parlamentario galego (tan soso na oposición como cando tivo responsabilidades autonómicas no ámbito da xestión cultural) rompendo no púlpito do hemiciclo do Hórreo unha fotografía de Felipe de Borbón o do xefe do Estado, como a eles lle gusta bautizalo.

Se quere que lle diga a verdade, máis alá dos dous ou tres segundos efectistas -ou de gloria- nos que transcorre a imaxe, nin me molestei en saber cales eran os argumentos previos que amparaban tal pose. Como tampouco perdín o tempo en saber cales utilizou como apoio o seu interlocutor do partido de goberno para romper outra foto, neste caso, seica, a de varios membros do BNG -partido do fendedor de fotos- acompañados dun nome de infausto recordo cando no País Vasco abrollaban, de cando en vez, dolorosos mananciais vermellos serpenteando macabramente por entre as gabias da sociedade.

Pero antes, coido, o mesmo hemiciclo compostelán xa dera mostras sobradas por parte do voceiro doutra formación opositora, de que o país está pedindo a berros unha titulación oficial sobre como ferir con máis inquina ó rival, ó aproveitar o ruxe ruxe dunha serie de televisión para tratar de desprestixiar a un vello que xa cumpriu os 100 anos e que, por máis que no seu momento fose presidente da Xunta, hoxe o único que debe inspirar -coma os seus avós, se é que lle viven- é simpatía, afecto, tenrura e cordialidade.

Supoño que cando calquera remata o periplo político non lle ha resultar nada doado reincorporarse á súa antiga función laboral. No caso deste maxistrado metido a azoutador oficial, dáme a min que ademais dun master, neste caso real, vai ter que facer un curso de postgrado en honorabilidade institucional e de recuperación do respecto que se lle presume a un togado, máis longo no tempo có seu propio paso polo Parlamento.

En fin... Que, xa que o tal Rufián, ó ter cruzado tódolos límites posibles, tanto con xestos coma con palabras que poden facer máis dano cás pistolas, ten colocado o listón tan alto para converter a barrabasada en noticia política de alcance, que o poñan de director do master, xa, e que algunha universidade -aínda que sexa privada- se anime, pois alumnos avezados non lle van faltar.
Piñeiro, Antonio
Piñeiro, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES