Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Raúl Río, o Trapeiro de Honra 2018

jueves, 12 de abril de 2018
Ei!, compañeiro. GRACIÑAS, RAÚL.

Ti sempre aí,
presente,
en pé de loita e de combate.
Contigo hai esperanza de futuro.

As masas transfórmanse grazas a un fermento
que colle todo el nun puño pechado.

Lémbroo ben desde neno, MOI NENO.
- "Vaille pedir prestado o "formento" a tía Manuela que nós estamos sen el".
Cando volvía polo camiño, entre as ganas de comer e a curiosidade,
metía na boca un belisco daquela cousa.

E aquela cousa,
que mal sabía!
Pero ela era capaz de transformar unha artesa de masa
que superaba en miles o seu volume.

E en dúas ou tres horas,
despois da amasada,
aquilo estaba moi medrado e con calor.
Había vida!

E daba unha fornada de pan para unha familia de dez ou máis panceiros.
Para oito ou doce días.
Eincluso para parceiros naqueles anos de fame.
Porque había que ser solidarios
e cumprían as parcerías.
Xa que todos iamos no mesmo carro.

Raúl, non canses. Ti es "esa cousa": Un fermento transformador.

Se os trapeiros, uns poucos, levaron Os Vilares e "Parga" polo mundo,
con moita honra,
e eu son testemuña directa por velos en terras de Mondoñedo, Valadouro,
Viveiro, etc.
Todos nós faremos o mesmo coa fala e a cultura.

Unha agulla que deixamos aquí, un dedal alí, un espelliño acolá, etc.
Sempre tecendo ganduxos,creando vencellos.
Non damos puntada sen fío.
"E dime o corazón que algún día VENCEREMOS NÓS".

Que marabilla lerte e escoitarte.
Pero aínda máis terte de amigo.
Contigo renace a esperanza.

Saúdos aos teus. deXaquín Campo Freire dos de Xaquín de Roca.

A RAÚL RÍO, TRAPEIRO MAIOR 2018

Ai querido "trapeiro" de honores e de honra! Se eu che contase! Teño unhas lembranzas e memoria deses rapsodos que se movían polo mundo enteiro en tempos de pobreza e miseria. Cantas alegrías teñen levado sabendo escoitar, contando cousas, levando e traendo os aires saudosos e ventureiros dunha vida que tanto necesitaba de azos e ánimos. Eles, sabendo valorar o que xa non valía, ían deixando a cambio, por troco, algo tan sinxelo coma agullas de diversos usos que aquelas xentes non tiñan, nin tampouco cartos para mercalas. E solucionaban vida e sementaban vida e facían rir. Eran grandes contadores e creadores de fábulas e mesmo andrómenas que logo eran citados durante moito tempo.

Cando estiven nas montañas do Valadouro, ao saberme das Terras de Parga, foron eles quen me abriron as portas das casas porque coñecían a este trapeiro ou aquel outro. Foron os meus valedores. Porque os trapeiros, nós témolo moi claro, eran maioritariamente de Os Vilares. Pero traspasadas as fronteiras da nosa bisbarra todos eran de Parga, no dicir popular. Por iso eu lles son debedor porque, grazas á súa bonhomía, a min abríronse portas, por asociación, en sitios por onde andei e a moita honra. Nunca deixei de recoñecerme neles. Ao contrario, sentinme querido e honrado. Eu tamén son de familia sinxela e de necesidades. Por iso quero agradecer en ti o que non tiven oportunidade de facer con esas persoas concretas que non coñecín ou mesmo nunca tiven a oportunidade de falar con elas.

Non esquezamos a nosa historia e sintámonos moi honrados coa nosa boa xente. Parabéns!, meu camarada. Xa teño outro vínculo máis de afectividade contigo e síntome ben honrado. Hai moitas historias e testemuños pequenos, coma o meu, que, se non se recollen, pérdense.

E non podemos perder nada do noso. É emocionante encontrarse hoxe con graduados universitarios e grandes profesionais nas diversas artes e oficios que, grazas a estes "industriais" corre-camiños, foron promotores de novas xeracións situadas no máis avanzado da vida de hoxe.

Vaia responsabilidade que che botaron encima: recoller a vida de toda unha historia, parte dela coñecida. Outra, xa terás que loitar por xuntarnos e facermos tertulias onde cada un poña esa pequena peciña que cada un coñece, para facermos entre todos ese mosaico marabilloso. Ti, que soubeches, a tempo, facer ese busto do poeta Díaz Castro, terías que facer este outro busto literario, histórico, anecdótico, poético, etc. Parabéns!

Raúl Río. Eu de ti aprendín algo moi importante e marabilloso que quero salientar hoxe aquí: “OÍR LUAR”. Así o usas ti no enderezo electrónico.É o teu nome de dereita á esquerdaque é como debe lerse o sentido da vida, como de xeito maxistral,de LuZ a LúA, nos ensina a benquerida labradesa Luz Campello no Inventario do prohibido: Sempre ás avesas: Pero eu non vou casar, mamá! Ou cando canta a radical independencia feminina e que vén excelentemente ben acaída ao caso que estamos a celebrarmos: a dignidade dunhas xentes e dun oficio, que tamén exerceron as mulleres, por veces con moito sufrimento ou mesmo abusos: “Que eu teña alma de trapeira non te autoriza a tratarme coma un trapo. Porque eu vallo. E coa miña alma fago e desfago. Esténdoa e víroa do revés. Coa miña alma exorcizo todos os medos. Incluso aqueles que nos desposúen, cando se respiran demasiado tempo.
Por iso che pido que me desprehendas para xuntos minguar as fendas de vello, coma unha débeda a sandar, e, xuntos, medrar unha talla máis”. Graciñas, Luz.

A vocación de trapeiro foi sempre saír adiante na vida con dignidade persoal, familiar e social.

Raúl Río, OÍR LUAR: Ti representas de forma eximia todos eses valores.
O luar non é a lúa. É o resplandor. A clareira da lúa. O lueiro que leva consigo pantasmas e mesmo ciclos fecundadores.
Pois eu aprendín de ti a OÍR O LUAR. E iso xa é para enciclopedia de grao superior.

Teño varias matinacións escritas sobre estas meditacións que ti me motivaches. Pero iso é para outra xeira.

Querido Trapeiro Maior, grazas por todo. Nos días de tristura e nas noites de esperanza, botareime fóra, e como profetizou Xosé María Díaz Castro: «Quero morrer nunha tarde de pinos / sen sentir o martelo dun recordo no sangue, / e caer, a modiño, na sombra / como a lúa enterra as súas cornas tras de Arxán».

Pero esa lúa, no devalo,deixou detrás de sí esa inmensa luarada que guiou tantas veces aos nosos trapeiros polo mundo adiante, cheíños de soños e morriñas, de cantares e contos de fadas por eles vividas e inventadas.

Eu contigo aprendín na miña vida a OÍR O LUAR e ben que cho agradezo.
GRACIÑAS, MEU BEN. GRACIÑAS, RAÚL. GRACIÑAS A TODOS VÓS.

(Palabras de Xaquín Campo Freire-Xaquín de Roca, na entrega do TRAPEIRO DE HONRA a Raúl Río, na igrexa de Os Vilares-Guitiriz, o 7 de abril de 2018)
Campo Freire, Xaquín
Campo Freire, Xaquín


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES