
O sábado celebramos o itinerante cabodano do Manuel, organizado pola Fundación Manuel María: Desde Vilalba á Santa Sabela en Outeiro de Rei.
O Introito foi á beira do Muíño do Rañego, no Paseo dos Soños, onde inauguramos un hectómetro literario (pedra con gaiola) polos trinta anos de Os soños na Gaiola en portugués.
A Oración dos Fieis, celebrámola na casa da Cultura de Vilalba, onde David Otero dirixiu os pregos, e rezaron Concha Blanco, María Xosé Lamas, Paula San Vicente, Carlos Quiroga e Paco Martín.
A Ofrenda foi no Restaurante Río Ladra, en Gaioso, á mesma beira do río, benzoando á Nai Terra por proporcionarnos tan purísimos productos.
A Consagración, nas Penas de Rodas, onde moitos de nós lanzamos ó aire verdades inmorrentes feitas poemas pola pruma do Manuel. O maior dos consagrantes, Alba, rapaza vilalbesa de 9 anos; o máis novo, o histórico Avelino Pousa Antelo, de 93.
O Oficio dos Defuntos rezámolo no cemiterio de Outeiro de Rei, diante a tumba, onde de novo lanzamos poemas ó aire e cantamos (tres, co puño en alto) o Himno.
A Comunión foi na Santa Isabel, baixo as especies de pan, viño, queixo e figos, despois de entregarlle A Navalla do Manuel a Darío Xohán Cabana.
O Ite missa est puñérono as cancións de Antón Valcarce, Miro Casabella e A Quenlla. Confortados, volvemos cada quen ó seu recanto, ledos de ter participado nun oficio fúnebre tan asisado e persoal. Amén