Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sentenzas, Fías e Ruadas (15)

martes, 10 de abril de 2018
Sentenzas, Fas e Ruadas (15)
.../...
Fías e fiandóns ou fiadeiros

¿Quen se atrevería a casarse cunha muller que non soubese fiar, e de aí para adiante, ou para arriba? Xa o dicía o refrán: "¡A que non sabe fiar, non é de fiar!". Pero unha cousa era a la, materia que dominaban as nenas, xa antes de pisar unha escola, e outra diferente traballa-lo liño. Requiría botarlle peito: ¡cuspirlle, mollalo, abrandalo, retorcelo, domealo! É unha fibra dura, leñosa, rebelde; pode dicirse que, imperecedoira, xa que se teñen atopado tecidos, restos do liño, no Algarve, en Almería, etcétera, de máis de dous mil anos, así que, por moito que se gramase, a doma final non era para nenas, ¡e nin case para vellas!

Para buscarlle a antigüidade ao liño, e por tanto á súa fía, que por certo retorcíase simplemente á man antes de inventarse o fuso, o fuso cónico, que aínda o podemos atopar nalgunha feira, hai que darse unha volta pola Biblia. Teño á vista a de SEPT, edición de 1989, na que atopei o seguinte, ¡e máis que haberá, de seguir buscando! Éxodo 9 -31,32: "O liño e a cebada arruináronse, porque esta tiña xa espigas, e aquel estaba na flor. Pero non se perderon o trigo e o centeo, por seren más serodios". (Pax. 68).

Vindo ao presente, ou case; onte, século XX: Non había ruadas sen fías, nin fías que de por si non constituísen unha ruada. O traballo de fiar, a título individual, resultaba monocorde, canso, e logo que precisa/precisaba unha atención/dedicación plena, sendo incompatible con calquera ocupación que non fose contemplativa. O traballo da la permitía, e pedía, darlle á "sen óso", pero non así o liño, que esixía a presenza da xerra, fose de auga ou de viño. Nunha palabra, o liño, a diferenza da la, era un traballo, un quefacer, de mozas, sempre, ou case sempre, en plural; ¡séxase, en ruada!

Nesta bisbarra, incluído o seu circundo (Castro de Rei, Corgo, Pol, Meira...), non teño coñecemento de que chegase a xeneralizarse a roda de afiar, fose á man ou a pedal. Tanto a roca coma o fuso eran artes de torneiro, preferiblemente en buxo, pois a roca precisaba duns rodetes para suxeitar, para atar, as febras; e o fuso, outro tanto, na súa base cónica, para facilitar o xiro da torsión.

O ritual era o seguinte: As mozas chegaban á casa da fiadeira despois da parva; quere dicirse, que deixaban a súa casa arranxada: a limpeza, e maila primeira comida do gando e das persoas. O liño xa llelo tiñan a punto, ¡tantas fases polas que pasara, empezando pola semente da liñaza, pero isto daría para escribir un libro, outro!, así que só necesitaban levar a roca e mailo fuso; ¡ah, e tamén un mantelo cumprido pois o liño solta fiaños e po, a esgalla! O lume atopábano aceso, sempre, e por tanto, tiñan a calefacción das pernas e das mans asegurada. Non ocorría outro tanto coa luz, maiormente nas cociñas escuras, que case todas o eran; para iso, e por iso, de ser moitas as fiadoras colgábanse lucernas onde tal se puidese e fixese falta; de non haber carburo, candís de petróleo, pois o aceite das lámpadas precisábase, ¡e non chegaba, que o había que complementar con manteiga de vaca!, amén das luces da igrexa parroquial onde cada casa das podentes tiña a súa ofrenda, a súa "lampadiña" dedicada ao Santísimo, ¡polos defuntos da casa!

Á media mañá detíñanse os fusos, paraban de danzar, que a esa hora cumpría "remollar a palabra", que era tanto como dicir, darlle ao corpo unha remoída de queixo e pan, "quentada" cun copazo de "país", augardente esgrevia. O queixo "da facenda", leite de ovella e/ou de cabra, mesturado co das vacas, daba unha masa exquisita, e a medio curar sabía tan ben, ou mellor, cás noces. A partir dese momento, o ambiente caldeábase, e o fuso vibraba, ¡tanto, que mesmo cantaba! Pola súa parte, a ama da casa, bulindo por entre aquelas artistas, ía preparando as potas: O caldiño de verzas, con fabas por suposto, e cun bo torresmo, que de non levalo había que acudir ao unto, unto vello, curado ao fume, que era o que mellor untaba ás mozas naquel consumo enerxético, febril e fabril. De paralelo, a pota dos cachelos; touciño, chourizos, e un curto, ou largo, etcétera, pois iso dependía da estación e/ou da largueza e/ou da potencialidade das casas. No tempo das fías aínda quedaban castañas, fose na uceira ou no caínzo, así que, o postre, a sobremesa, estaba asegurada: bullós con leite, ou simplemente asadas; ¡todo recente e quentiño!

Para xantar, unha nova recollida, que había que apartarse para baixar a mesa de levante, e achegar os tallos á mesma. Daquela entraban, viñan, os homes, fose de atende-lo gando ou doutros quefaceres específicos, na corte, na eira ou na palleira. A conversa remontábase, e o ambiente caldeábase, ¡máis aínda! ¿Que distinto todo iso dos individualismos, febrís e feroces, daquelas cidades incipientes! Unha roga, unha fía, unha sega, unha malla..., sempre foron un batido de conversas e de xolda, de esforzos e de divertimentos, en auténtica camaradería, en calorosa veciñanza.

Neste país non se volvía ás merendas ata despois da Pascua, así que, na invernía, no tempo das fías, ¡merenda-cea! Tampouco era cousa de retrasala xa que, caída a noite e diminuída a luz, chegarían as visitas, paulatinamente, fosen do lugar ou alleas, particularmente os mozos, os ruantes, ¡previamente concertados! ¿Ou logo, cómo ía formarse, completarse, unha fía sen ruada, ou unha ruada sen mozos? Adoitaba cocerse de vésperas, ou incluso no mesmo día, de toda intención, conchabando datas, para así presentar aquelas untuosas empanadas, tamañas da roda dun carro. De mexunxe, nelas: unhas febras, adobadas con roxóns; e de conservarse, mazás, ¡pero mellor, aspariegas!, ou peras, das pardas, que de ben fritidas con cebola fan unha empanada de..., ¡ía dicir, de Cardeal, pero como todo por aquí que chegasen ao cardealado só tivemos ao Cardeal García y Gil, aquel de Montecubeiro, direi, de Crego, ou de Frade, que tamén era unha categoría!

Os "pecados", a "ruada" propiamente dita, que tantas filípicas recibían dos eclesiásticos, empezaban co relato das novas da bisbarra, e con anécdotas da veciñanza, pasando ás cantigas e aos contos imaxinativos, que, se non había "roupa tendida", sempre acababan en "punto verde". Para pasar ao baile, se había gaita, ou requinto, caixa ou pandeiro, ¡o que fose, con tal de sacarlle ritmo!, era preciso dar por rematada a tarefa da fía, pasar do fuso á parafusa, e recoller os novelos nunha cesta, daquelas de talas, tan multiusos! De chegados a este punto, nin que dicir ten que as mozas atagallaban a última rocada, non faltando algún mozo que lles retirase as rocas para extraerlles as últimas febras, e coa mesma..., ¡ao lume! O liño restante, que non a roca, por suposto! Os mozos, entón, buscaban o xeito de desatarlles o mantelo, e de paso, co achegamento, un belisco ou unha caricia, pero se algún se pasaba nesta manipulación, nada impedía que fose correspondido cunha xostrada da propia roca, ¡de buxo, peores que un látego de coiro!, nas súas costelas, cousa, broma, aparente defensa ou refuse, sempre aplaudida..., ¡menos polos interesados!

En canto ás cantigas e demais coplas, de lugar en lugar cambiaba a letra, pero non a música, as tonadas ou sons, que as ían adaptando dunhas cantigas para outras. E dos "pecados", qué? ¡Só fai falta acudir aos arquivos da Igrexa para atopar unha variedade de amoestacións, fosen do prelado ou do prior. Para mostra, a seguinte filípica, ¡una de tantas! No ano 1782 o cardeal Andrés Sobrino Taboada advertiu e ameazou aos veciños de Saiar (Caldas de Reis, Pontevedra), esixíndolle ao seu Cura, en castelán por suposto, que, "...exhorte a sus feligreses con la mayor persuasiva y mayormente a los padres de familia o cabezas de casa, para que eviten por todos los medios las congregaciones y juntas de jóvenes de ambos sexos, que son muy comunes en esa parroquia con motivo de hiladas de lino y lana y frecuentes las malas funestas consecuencias, secuela de semejantes juntas y que se mantienen no sólo de día sino hasta la mayor parte de toda la noche, en la que facilitan su descanso las personas mayores, pero lo resisten los jóvenes de ambos sexos, mezclados con la libertad que quieren, en danzas y juegos y en una palabra en lo que se les antoja, como que no tienen freno... Que el cura rector se ponga de acuerdo con el señor juez secular de ese coto, cobren y exijan tres ducados de multa al dueño de la casa en que se haga la hilada, y un ducado a cada persona que la presencie...".

¡Viva a Pepa, que ía sendo hora de que chegase algo de liberdade, cousa ben distinta do libertinaxe, a este país do "pau e tente teso"!

Cantigas ou ditos

¡Quen queira sabe-las cousas
vaia á forxa do ferreiro,
dea a volta polo forno,
e pásese polo fiadeiro!
...
Cando saen do fiadeiro
os mociños desta terra
botan moitos aturuxos
como é costume galega.

¿Que? Saía caro vestirse, en tódolos aspectos, ademais das multas e da penitencia...; pero era divertido, non si? Se cadra por iso, polo de caro e incómodo, abandonamos a riqueza do noso liño pasándonos ás fibras sintéticas, maiormente ás chinas, que así pecan outros, ¡pero quedámonos sen o divertimento daquelas RUADAS, tan abondosas que foron neste país ata mediados do século XX, onte mesmo! ¿Onte? Contestando con outra pregunta: ¿Non me digan que seus avós non lles teñen falado delas...? ¡En todo caso, aquí vos queda esta lembranza, que non vos molestará moito xa que é reducida, sintetizada! ¿Verdade que os nosos vellos eran máis traballadores do que pensabades, e máis divertidos do que testemuñan as súas engurras? ¡O que tal non crea, que mo demostre!
-.-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES