O Himno Galego fala de Raul. Falamos de Raul cando cantamos Os bos e xenerosos a nosa voz entenden, e con arroubo atenden o noso rouco son. Os bos e xenerosos
moito se ten xogado verbalmente con este concepto, moitas veces se ten dito en vano... moitas veces se ten referido a xente que non o merecía
pero vós sabedes, eu sei, que o noso himno fala de Raul

Porque do mesmo xeito que os santos aos que lles temos devoción andan entre nós, e fan pequenas cousas cotiáns a favor dos demais, os bos e xenerosos sono en primeiro lugar coa súa familia, logo cos seus amigos, co seu pobo, coa súa terra, sempre se darse importancia, con naturalidade, sen pedir nada a cambio, mesmo sen pensar que son útiles a unha terra e a unha xente.
Raul é deses, dos bos e xenerosos cotiáns, de a pé, de axudar sen facerse notar, de ser útil para todos os que o precisan, de empregar os seus talentos a prol de todos nós.
Por iso estamos aquí arredor del. E de Gloria, a súa dona, porque non se pode ser bo e xeneroso se ao teu lado non hai unha boa e xenerosa que comprende, axuda, soporta, comparte
por iso estamos aquí os seus

amigos, porque ademais de que o himno fale de Raul, tamén falamos nós
e aínda que non falemos, ollamos, escoitamos, sintonizamos, agradecemos a presencia útil desta dupla que sempre está, sempre están, sempre contamos con eles, sempre acompañan e apoian.
Eu souben dos trapeiros dos Vilares de Parga supoño que no momento no que aprendín a andar, porque miña nai, que nacera e pasara a mocidade á beira do monte Caxado, no Freixo de As Pontes de García Rodríguez, entón un país lonxano, falábame dos trapeiros dos Vilares. E na miña nenez vilalbesa, sen saber que os Vilares estaban case á beira da miña casa, aprendín que os trapeiros vilaregos ían polos montrs do Freixo cada inverno, ganando a vida en tempos difíciles para todos.
E velaquí que, parodiando ao rockeiro, os vellos trapeiros nunca morren, porque deles quedou semente, e nos Vilares a lembranza dos heroes daquel esforzado oficio crea vida, reforza a memoria, prestixia a unha xente que revive en toda a parroquia e os trapeiros son hoxe unha institución viva que mira arredor de si e escolle os exemplos máis sobranceiros de dignidade, de entrega e de vida e fainos trapeiros de honra, que é a distinción máis cordial -cordial, de corazón- que poden entregar.
Eu, que teño que marchar deseguida, non sei se ao final ides cantar o himno, ese canto patriótico que fala de Raul; que fala dos Raules que polo mundo andan
o que si sei é que con actos coma este, con honras coma esta a Raul e Gloria, honrando aos bos e xenerosos que están entre nós, contribuímos a que sexa verdade o que di o himno, e que despertará do seu sono este Fogar de Breogán.
(Palabras de Xulio Xiz no acto de entrega do Trapeiro de Honra a Raul Río, nos Vilares, o 7 de abril de 2018).