Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O tabú na traslenda de Isidro Novo

lunes, 09 de abril de 2018
A última novela do autor relata a vida dunha parroquia galega, Amarelle, e a dos seus parroquianos en relación con Amado e coa Moura, fíos conductores da narración. Estamos diante da convivencia de seres sobrenaturais e terrenais que teñen as mesmas ambicións e procuras, mais sabéndose aquiles superiores, non deixan de axudar aos que viven na aldea.

Hai reminiscencias de Pedro Páramo de Juan Rulfo ao longo de toda a obra, pero coa novidade de que aquí non están todos mortos, senón que vivos e mortos conviven xuntos nun tríptico temporal e amatorio:

1º.- A Moura ancestral que representa un pasado remoto.

2º.- “O Elegante”, Amado Trasancos, que amosa e evoca aos mortos que aínda fai pouco chegaron ao mundo sobrenatural da Moura e representa o pasado próximo.

3º.- Os parroquianos que reproducen o presente, a realidade implícita ás vivencias actuais.

O sobrenatural e o surrealismo sobrevén a miúdo ao longo de toda a obra, como por exemplo aquel carballo que cambiaba de sitio cando lle petaba, chámabano Landriña e fora plantado o mesmo día que nacera Remixio da Cabana, afillado de Amado. O Landriña non abandonaba os límites da parroquia e era moi amigo de ver bailar, e nas festas patronais aparecía sempre no campo da festa.

Na obra, hai un tratamento maxistral dos olores e das fragancias, parece como se houbese unha loa aos perfumes e aos olores simples que se poden percibir. A un personaxe chamado Arístides Andrade, o perfume cúralle a súa saúde mental; Arístides pai, cría que fora que se atopara cunha meiga e levouno a analizar a un laboratorio aquel líquido transparente que resultou ser auga purísima e destilada. Os perfumes invaden a obra e as fragancias recórdannos a Gabriel Miró en obras como “El Obispo Leproso” ou “Nuestro padre San Daniel”

Se Cunqueiro non morrera, a prosa e o asunto, atraveriamonos a dicir que é do mesmo Cunqueiro que vén do trasmundo anunciándonos a Pena da Moura, onde vive ese ser “A Moura” lendaria da nosa Galiza, na parroquia de Amarelle, que representa a todas as parroquias da nosa terra.

Non hai un argumento lineal, á usanza, onde os sucesos se incardinen como elos da cadea argumentativa, senón que máis ben semella a presenza dun personaxe colectivo que é o pobo de Amarelle unido pola Moura e polo seu Amado Trasancos xunguidos polo amor; amor que tamén conforma un tríptico, pois a Moura chámase Amara e ao que ama chámase Amado Trasancos e por riba de todo viven no pobo de Amarelle. Como vemos, a obra representa tamén un canto ao amor entre o natural e o sobrenatural e para darlle máis realidade, encadea personaxes irreais como o licántropo Roque ou o Masiño dos Mirabeis coa realidade, por exemplo, do filólogo Aníbal Otero, entre outros.

Amigo Isidro, sabemos que esta novela é o teu derradeiro fillo novelado, e nel déixasnos recordos do que sempre che gustou, o viño, os olores, o mundo mítico . . ., en definitiva a Galiza dos teus amores e pola que sempre loitaches.

Fagamos lembranza de Isidro Novo e leamos esta novela que, ben seguro, chegará ao máis profundo de nós mesmos porque nós tamén formamos parte de Amarelle.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES