Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Literatura ecoguerreira

Requeixo, Armando - viernes, 06 de abril de 2018
Teño escrito nalgunha outra ocasión que a gran literatura infantoxuvenil portuguesa converxe en João Manuel Ribeiro polos catro puntos cardinais. Poeta, narrador, filósofo, conferenciante, antólogo, ensaísta, tradutor, profesor universitario e animador cultural, este crossover da escrita lusa ten sido traducido a diferentes linguas e atesoura no seu haber varias ducias de libros entre os cales se encontran títulos referenciais da literatura para o lectorado novo do país veciño.

Literatura ecoguerreiraAfortunadamente, tamén en galego se teñen vertido textos de Ribeiro. Recentemente anosouse O meu avó, rei das pequenas cousas e agora ve luz O señor Pésimo é o Máximo, relato publicado novamente pola editorial Hércules e outra volta trasladado pola tamén escritora e tradutora Ánxela Gracián.

Este mes de novembro cumpríronse tres lustros dende o mouro afundimento do Prestige. Moita foi a literatura que aquel aciago accidente fixo correr entre os autores galegos, mais tamén fóra das nosas fronteiras houbo voces solidarias que ficcionaron sobre o feito tentando exorcizar o fantasma de futuros desastres, uníndose cordialmente ao noso “nunca máis”.

Entre eses creadores de sensibilidade comprobada atópase Ribeiro, quen principia a historia do seu señor Pésimo na Costa da Morte, onde el e a súa familia veñen de vacacións no outono do 2002 e acaban por vivir, en primeira persoa, a terrible traxedia do asfaltado das nosas praias.

Pésimo, de primeiras, é un tipo un tanto despreocupado, sumido no seu traballo e pouco empático cos que o rodean. Mais o drama do Prestige acaba por desarmalo e prodúcese nel unha transformación que o levará a tomar conciencia da vertixe destrutiva que os humanos exercemos sobre o planeta e, logo de pasar todas as vacacións exercendo como voluntario recolledor de chapapote, regresa a Portugal cambiado e comeza a ler sobre ecoloxía, sostibilidade e respecto ao Medio e decide mudar o rumbo da súa vida e da da súa familia converténdose nun “ecoguerreiro” que pon en práctica todo aquilo que entende vai facer dos seus días unha convivencia harmónica coa natureza e os seus seres.

Pésimo convence pouco a pouco a súa muller e os seus dous fillos para que aposten polo aforro enerxético, que acollan animais desamparados, que se animen a cultivar os seus propios alimentos ou que coiden xardíns, campos e arboredos. Noutras palabras: acaba por metamorfosealos nunha familia modélica no respecto polo contorno e o aproveitamento sostible dos seus recursos, o que explica a mudanza superlativa do protagonista de Pésimo intratable a Máximo admirable.

Todo o anterior é relatado por Ribeiro con grandes doses de sensibilidade e humor, cunha prosa dúctil, tremendamente versátil nos diálogos e descricións, na que non faltan acaídas referencias mitolóxicas, filosóficas ou literarias que, porén, son procesadas con intelixencia para conseguir facelas accesibles ao máis diverso público, sen necesidade de que este se ache familiarizado previamente con elas.

O señor Pésimo é o Máximo lese en galego cunha plasticidade plausible, un labor de adaptación no que moi fino traballou o buril de Ánxela Gracián, unha das nosas mellores tradutoras, que deixa aquí unha mostra da súa boa man. Mágoa que non a acompañen en excelencia as ilustracións do interior que asina Bolota e que non lle fai xustiza á óptima edición de Hércules.

Cómpre tomar nota desta lectura, que moito ben ha facer a aqueles que a ela se acheguen, por amena e instrutiva, tanto que sería intelixente prescribila nas escolas ao pé doutras obras nas que a educación emocional nos aprende a reconciliarnos coa vida e a natureza, coa raíz e o lar planetario, que ben fariamos en coidar, pois é o noso único fogar.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES