
A comezos de febreiro, que veu frío de máis, deixounos o pintor Anxo Lamas, monxe cósmico da Chaira. Celebramos o enterro e a fermosura! Xentes de tantos lugares que acudiron, xentes sinxelas, agradecidas pola súa xenerosidade
Cantas casas da Chaira agocharán unha táboa pintada por Anxo? Fixo miles delas e agasallou milleiros.Imaxe peto
Apoucado, visitámolo no Nadal e, por vez primeira, vímolo vencido. Loitou contra cinco cancros, contaba coma pirata vitorioso trala volta dun mar de bravos temporais. Acabouse amigos, levade os reis, que se cadra non estou o ano que vén! Sabía que chegaba a hora, mais con serenidade e valentía! Que tipo tan grande! Sen discursos, sen ego, sen cobiza, que todo daba, pois nada tiña de seu.
Agora é Pascua e leo na noitiña que os seguidores de Xesús distínguense cando se enfrontan á morte, para eles non é unha derrota, pois xa morreron na batalla do ego. E teño para min que en Anxo non foi derrota, senón vitoria. Non buscaba gabanzas nin recensións gloriosas, vivía no silencio, coidando do amigo Antonio, e non tiña máis preocupación. Era un místico con carraxe, auténtico na austeridade, libre ante os cartos e os poderes.
Teño un retablo na casa, con táboas de Anxo Lamas: o Xesús crucificado, a nosa Señora e un san Francisco, ou san Bieito, ou san Bernaldo, que vale para todos
Quizais sexa S. Juan de la Cruz dicindo aquilo: Estando a miña casa sosegada. Teño tamén un breviario escrito por Anxo: Tebras. E leo:
Eu son amigo teu, xesta florida,
e teu tamén, toxo picudo.
Amigo son, da auga e do fogo,
da bolboreta con cores chispeantes,
do ratiño do campo, bulideiro.
Coma vosoutros estou feito de terra,
feito de po, de lama, de follas secas;
e, coma vós, cando me chegue o día,
vaidoso serei de volver a ela.
BOA E GRAN PASCUA, AMIGO ANXO LAMAS!!!