Sentenzas, Fías e Ruadas (14)
Gómez Vilabella, Xosé M. - martes, 03 de abril de 2018
.../...
Sermón das Pontes de Veiga, Pascua do ano 1936
El
Muita salú lles desexo - a toda esta reunión;
i atendan ca boca aberta - para oír ben o sermón.
Ela
Non digas así Tomás, - San Quijote che dé acerto;
has de ser ben faladiño, - que non vimos perder o tempo.
El
Se preguntais de donde somos, - dígovolo sin recelo:
Somos de abaixo de Lugo - do pueblo de Cacabelos.
Ela
Podeisllo crer e mais ben, - meu Tomás non vos engaña;
o pobriño é moito bon, - ¡non merece máis que sarna!
Esta contraposición conceptual era propia do falar retranqueiro da xente da nosa bisbarra.
El
Cando me foron chamar, - xa pensei que non lles viña,
pois queixábaseme a muller - dun dolor de barriga.
Ela
¿Non sabes por qué cho dixen? - Mais eso non era certo;
foi por vir sempre da cabalo - e tu da pé, moi contento.
El
Ó salir por alí adiante, - esto non vos foi mentira,
o faquete deu en brincar - e tirouna pernas arriba.
Ela
A poñerme eu da cabalo -o faquete xa peidaba,
e Tomás que viña chamando - pensou que me tiraba.
El
Cando pasamos por Lugo - estaba alí un gran señorete;
oimos que era un cacique - dises que hai en Castroverde.
Ainda se atreveu a decirnos, - co seu bigote de mico:
¡Se van pra Montecubeiro - alí téñovos un amigo!
Ela
I eu que quixen ser curiosa, - pregunteille sutilmente:
¿Logo vostede moito daño - lles ten feito a esa xente?
Trampas todas cantas puiden, - pensando que no no entendían,
¡i o víspera das eleuciós - alí foivos unha montería!
Os "Puchos", os de Montecubeiro, aínda sangraban polas vellas feridas de cando deixaran de ser Axuntamento para agregalos ao de Castroverde.
El
Hasta alí a Granda da Murín - viñemos andando ben,
pero enfermounos o faco - sin poder saber o que ten.
Ela
Tomás púxose a rexistralo, - que a min facíame rir;
e despois levantándolle o rabo - poñíase a ulir.
El
Acordouse despois Mingas: - Resulte por donde queira,
Tomás, méxalle os fuciños, - que esto parece unha meiga.
Ela
Despois xa te convenciches - que era certo o que eu dicia;
pra poñerse o faco dereito - non houbo mellor medicina.
El
Deseguida puxémonos da cabalo, - eu e mais a tía Mingas,
i o pasar pola Meda - roncábanlle o faco as tripas.
Ela
Vaite garolán de xudas, - e non lle cargues as culpas;
era il mesmo que a cada pouco - viña soltando as plumas.
El
Dician alí duas mozas: -¡Mirai que rapaz tan guapo.
Quizais olvide aqueloutra; - vamos aló dicirlle algo!".
Ela
Tomás, ti xa non as ves. - ¡San Baco sexa contigo!
¡Dician de correrte a pedras, - se non viñeras conmigo!
El
O chegar alí a Carazo, - para invitarnos a xantar,
leáronse duas vellas, - que ambas nos querían levar.
Ela
¿E ti non sabes por qué reñía - aquela das pernas mouras?
¡Era porque as pitas da veciña - coméranlle as coles todas!
El
Así que non fixemos caso. - Viñemos logo hasta Suegos
i en casa de Lavandeira - comemos muito ben e bebemos.
Ela
Despois, cando lle pagaches, - díxonos con nmoita gracia:
"¡A carne era da morralla, - éillela dar mais barata!"
El
Viñamos da cabalo - os dous, con muita alegría,
e aí enfrente da Valiña, - a egua tirou ca cría.
...
El
O subir por alí arriba - o faquete xa se cansaba;
hasta volveu a soltar aire - e a Mingas se asustaba.
Ela
O Tomás díxome a min: - Aquí hai que ter pacencia.
Tu tíralle do ramal - i eu por tras eille dar cuerda.
El
Agora fomos chegando. - Por certo que vimos contentos:
Vamos falar de moitas cousas, - e tamén dos casamentos.
Ela
Iste ano evos moi pequeno, - dicen agora os rapaces;
¡calquera che trai muller, - que para comer somos bastantes!
Dicían aí abaixo unhas viudas, - falando do marido:
"Anque el era algo roñón - de noite quitaba o frío".
Eu por min o reconozo, que dicen a verdá pura;
e despois, que tamén fan - as veces a lebre escura.
El
Casádevos rapaciños; - teide das mozas compasión;
escollei desas trintenas, - que xa lles pasa a sazón.
Ela
A vista de tanta xente - non has de ser desenfrenado,
cas pobres dalles vergonza. - ¡Xa se casarán pro ano!
El
Xa se me acaba a pacencia. - Deixemos estas cousiñas,
que hai que botarlle un cigarro, - e ti descansa, Mingas.
Ela
Se non perdes ese vicio, - has de empeñar hastra as medias.
Todo o día fumando, - ¡que te fumen sete centellas!
El
Mingas, déixame fumar; - non empeces cas de sempre-
Ben sabes que é unha vergonza - reñer á vista da xente.
Ela
Mentras que tu fumas, logo, - nai que perder ocasións:
teño prisa dista estopa - pra mendar os meus calzós.
El
Agora que vou contento - tamén lles hei de contar
cousas das rapazas daquí - que non se poden calar.
Ela
Se segues falando mal das rapazas - éiche de proba-lo lombo,
i esta noite has dormir solo. - ¡Hache de salir caro o conto!
El
Todas elas dicen de marcharse - i arrenegan desta terra:
¡Non se marchaba a primeira - se houbese quen as quixera!
Ela
Vaite trangallán de Xudas - pois para ti sempre houbo poucas;
se non te quere Minguiñas - ti quedabas regañando as moas.
El
Pro goberno dunha casa - poucas hai que valian nada:
¡un fato de folgazanas, - non valen mais que pra cama!
Ela
Aunque o fagan elas todo - nin Xudas os ten contentos.
Iles marchan pra taberna - a botar copas e netos.
El
A culpa téñena as vellas - das fillas ser folgazanas:
¡salen elas o traballo - e deixan na casa as rapazas!
Ela
Se as veces quedan na casa, - non che quedan por folgar;
quedan dando unha puntada - e así de paso fan o xantar.
El
Desde cos amos se marchan - póñense a facer monadas
para ver se engañan os mozos - estando limpas e guapas.
¿Será posible que o Autor lese, tal que na biblioteca circulante da Unión de Montecubeiro, aquel romance de Riello (León): "Pa Misa diva un galán, ..., non diva por oir Misa, nin por estar atento a ella, que diva para ver las mozas, las que van guapas y frescas..."? Doutro xeito non me cadra a expresión destes pés cos falares de entón.
Ela
O que tes ti é envidia; - sei eu moi ben por que falas:
Se a ti te chamaran elas - leve o demo si palabra dabas.
El
As da fangueliña corta, - e mais da media calada,
refrescóuselles o corpiño - iste inverno ca xeada.
Ela
Se sigues falando mal - eu vouche tomar outra guía;
non son tempos pasados: - ¡divórciocheme enseguida!
El
Divórciate cando queiras, - que por eso estou contento,
que xa lle botei o ollo - a unha monxa do convento.
Aquí volve o Autor a espigar ideas das súas, probables, lecturas; neste caso sería unha referencia, unha evocación, á dona Inés do Tenorio. ¡Nin ao máis imaxinativo da bisbarra se lle ocorrería de propio pensamento semellante picardía!
Ela
Desque tal Ley se aprobou, - se quixera estar casada,
nono digo por chufar, - eu funche ben solicitada.
El
Deixemos logo estas cousiñas, - e falemos dos rapaces,
que eu a ti quéroche moito, Minguiñas non te enfades.
Ela
Dises rapazolos de agora, - ¡ca risa fanme mexar!,
desque teñen quince anos - xa falan de se casar.
E se algún distes maiores - algunha vez os reprende,
empézanseche a algarufar, e xa se teñen por xente.
Dises que son perros vellos - non vos deixedes engañar
porque eles sábenche moi ben - a agulla de marear.
É unha figura literaria de dobre senso, que tanto se pode referir ao compás náutico como a ter pico, agulla; ser un mareante.
El
Deixaremos os mozuelos, - que temos que irnos axiña;
falemos dos oficiales - pois non son de boa familia.
Ela
A calquera abren os ollos - hoxe en día os oficiales;
¡polo xornal que cepillan, - i o trato que hai que darlles!
El
O oficio das costureiras, - non pensedes que é unha broma,
o caldo failles queimuras, - e hai que darlles cousa boa.
Ela
O non comeren o caldo, non hai que estrañarse nada,
porque fai moita barriga, - ¡i a xente logo che fala!
El
Os xastriños doxe en día - van polo mesmo camiño;
e se non lles dan cousa boa - tamén torcen o fuciño.
Facendo que cantaruxan - i arrimados as ventanas,
así van botando o día, - atusmándolles ás rapazas.
Ela
Os zapateiros de agora - évos familia da calma:
¡Non fan unhos zapatos - que non collan a auga!
E se lles levais a arreglar - por aí algún calzado,
para que fagais outros novos - dicen que non teñen amaño.
El
Se queredes moitas trampas - ide a xunto dos zoqueiros,
que mendan iles mais zocas - que potes os zarralleiros.
Ela
As das trampas i enteirizas - márchanas vender á feira,
e dícenlles logo ós paisanos - que son do pé da bidueira.
El
Os carpinteiros dagora - tampouco é xente legal;
non merecen a comida - para canto máis o xornal.
Ela
Vai calquera a xunto diles - séntanse a facer cigarros;
¡o xornal córrenos o mesmo, - para que vamos apurarnos!
.../...
O manuscrito do que tirei esta transcrición remata aquí, e non conseguín outro, así que nos quedaremos sen o remate, sen a despedida, que igual non a levaban escrita para que improvisasen a saída, a despedida, segundo visen oportuno. Non é probable que se cansase a xente de escoitalos se xesticulaban con humor e o tiñan ben memorizado.
-o-

Gómez Vilabella, Xosé M.