Operación 'Foz'
Fernández, Suso - lunes, 02 de abril de 2018
A finais do ano 1948 chegaba a Mondoñedo un xove veterinario, atraído pola soa das feiras das San Lucas, disposto e iniciar a súa vida profesional. Os altibaixos das estradas que preludian o val; as variadas tonalidades do verde da paisaxe; a choiva pertinaz e a humidade; a bruma coa que o mar próximo envolve a cidade, en contraste coa Castela chá, seca e luminosa da que procede, producen tal desacougo nel que lle fai pensar en voltar para a casa.
O casual encontro cun vello coñecido e o consello deste en perseverar no lugar fan que Anxel García Sanz tal é o nome desista da idea: así o fai e non tarda en caer nas redes feiticeiras da vella cidade na que se integra de cheo, e de contado pasa a ser un popular e activo membro da súa veciñanza. O exercicio da profesión lévao a percorrer a cotío o rural, tripando cada día as corredoiras da bisbarra. A pesares da dura orografía, Ánxel atopa a cada intre novos alicerces no coñecemento da paisaxe e a paisanaxe, a retranca, e a hospitalidade que con tanta galanura relata no libro Aventuras de un veterinario.
O amor á natureza e á profesión, fan que profundice na investigación sanitaria do gando, achegando notorios avances. Os traballos e pesquisas permiten que descubra a solución cirúrxica para o prolapso de vaxina ( o popular botar as madres nas vacas) incidente que ata entón non tiña unha solución definitiva.
Estudada polo miúdo a operación, o facultativo pecisa levala á práctica, labor non doada , pois ata daquela os intentos, por métodos coñecidos, deran resultados pouco alentadores; e foron dous gandeiros de Foz, os que se prestaron á experiencia: Angelito de Nicasio, de San Martiño e Redondo de Vilaxoane que puxeron dúas das súas vacas, chamadas Pinta e Fabiola, en mans do sanitario que realizou a operación,confirmando o acerto da mesma.
Anxel publicou un libro, con prólogo de Alvaro Cunqueiro, espallando entre os colegas de todo o país a novidade crirúrxica; divulgación , á que foi parello o nome do noso pobo, pois na portada do mesmo, figura este enunciado: Solución quirúrgica al prolapso de vagina en bóvidos. Operación Foz.
Anxel é autor de outras obras, entre as que se atopa Curanderismo, en dous tomos. No segundo dos mesmos ofrece a relación dos curandeiros que exerceron nos concellos da Mariña. Polo que atinxe ó concello de Foz, foron: Estebo de Xinzo, Castiñeira de San Martiño, Acea de Santa Cilla, O Fidalgo de Fazouro e o seu fillo Cándido, tamén chamado Pillarratos. De todos e cada un deles fai unha semblanza, humana e profesional.
(Suso Fernández é Cronista oficial e Fillo Predilecto de Foz)

Fernández, Suso
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora