Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Un señorial domingo

domingo, 01 de abril de 2018
O ano litúrxico vainos levando, pouco a pouco, polas diversas experiencias cristiás da nosa fe. Vainos poñendo en contacto co Xesús que nace coma nós, aínda que moito máis pobremente, no Nadal. Na Coresma preparabámonos pra sentirmos con Xesús as súas tentacións, as súas renuncias e a súa vida adulta de anuncio -especialmente ós máis necesitados e marxinados- da boa nova. E, agora, nestes días pasados viviamos con dor e compaixón os padecementos e a morte de Xesús.

Mais tamén sabiamos que tras este aparente fracaso da súa vida, deste afundirse o sol no horizonte e na noite, ía acontecer un novo rexurdimento. Un aparecer de Xesús resucitado, que non morrerá xa máis. Xesús converteuse así nun sol radiante, que non volverá ter máis solpores. Segundo o texto de Xoán dísenos hoxe que a Magdalena foi ó sepulcro moi cedo, “cando aínda era escuro”. Cousa que podemos entender tamén simbolicamente. A Magdalena, e con ela en certo modo todos nós, corremos cara á Luz do Resucitado, porque a escuridade non nos vai. Somos todos como bolboretas inquedas que, sen se poderen resistir, voan cara á luz na noite escura.

Non hai cousa que máis ardentemente queiramos cá luz e a vida. E isto querémolo, ademais, para sempre, sen que endexamais remate. Deus puxo esta querenza no noso corazón e coa resurrección do seu Fillo e irmán noso esta nosa fonda querenza atopa xustamente o que busca. A luz e a vida aquí e agora e tamén alén da morte están así en boas e seguras mans. Por que? Porque Xesús resucitou e se converteu en “Señor” de todo.

Este é o significado da Resurrección. Xesús e con el a humanidade toda estamos destinados, máis alá das nosas particulares mortes, a vivirmos para sempre. Morreremos, si, mais para non volvermos experimentar nunca máis angustias mortais. A nosa morte coincidirá co comezo dun novo e definitivo vivir para sempre. De xeito que a vida nunca rompe consigo, pois sucederase a si mesma, aínda que dunha forma incomparabelmente máis viva. Por iso, os primeiros cristiáns loaban a Deus, ó celebraren a Resurrección, cantando “aleluia”, como tamén fixemos nós despois da Primeira Lectura. Pois “aleluia” quere dicir xustamente iso: “loado sexa Deus”.

“Loado sexa Deus” pola súa incomparábel grandeza, polos seus grandes plans sobre nós. Deus sempre fai as cousas ó seu propio e señorial estilo. Porque os pequenos ou grandes padecementos da nosa vida son en definitiva pouca cousa en comparanza con ese grandioso destino que nos espera.

Por iso debería ser a alegría o sentimento normal e estábel na vivencia da nosa fe. Desta nosa fe, que ten os seus alicerces principais no acontecemento da Resurrección do Señor. O domingo de Resurrección é así o modelo do que copian tódolos domingos do ano litúrxico. Pois “domingo” quere dicir, como ben sabemos, o día do “Señor”, é dicir, do que “domina” sobre todo. “Señor” en latín dise “Dominus”. Coa súa resurrección converteuse, polo tanto, Xesús en “Señor” de toda a creación, de todo canto existiu, existe e existirá.

En Xesús, o “Señor”, ten firme alicerce a nosa confianza, pois el é o noso poderoso irmán maior. Desta súa Resurrección provén, pois, a nosa alegría. Como repite a liturxia pascual: “Este é o día que fixo o Señor. Alegrémonos e relouquemos nel”. Da súa resurrección derívase a nosa resurrección. Esta é tamén, en último termo, a razón do dito popular de estar alguén alegre “como unhas pascuas”...

Agora ben, se os discípulos creron porque “viron”, a nosa crenza en Xesús resucitado terá que basearse na nosa “fe”, non na nosa “visión”. Trátase dunha fe que, pola súa parte, está baseada no testemuño dos apóstolos e da igrexa que nace con eles. Pero, pola nosa parte, podemos dicir tamén que, como compensación de non termos gozado daquela forte experiencia dos discípulos de Xesús, podemos en cambio sentir a alegría das palabras que dalgunha maneira nos dirixe Xesús a todos nós: “Benia os que creron sen veren!”.

Cómpre tamén ter presente que a alegría que sentiron os discípulos pola resurrección de Xesús non era unha alegría intimista, que cada un deles gardaría en certo modo para si mesmo, para o seu propio consumo particular. Non. Era unha alegría comunitaria, compartida. Da mesma maneira que Xesús non se pechara endexamais en si mesmo, senón que vivira sempre para os demais, facéndonos partícipes incluso da súa resurrección, os seus discípulos non podían proceder doutra forma. En consecuencia, estaban intensamente pendentes dos problemas e das necesidades dos demais. Pois a todos viña dirixida a grandiosa mensaxe de Xesús de sermos todos, xunto con el, fillos dun mesmo Pai e destinados, máis alá dos límites da nosa existencia particular, a unha resurrección definitiva.

Todo isto ten aplicación non só a nós, os que formalmente nos confesamos cristiáns, senón á humanidade toda, porque en Xesús resucitado quixo e decidiu Deus Pai dar vida para sempre, máis alá da morte, a todos. Os cristiáns estamos así chamados a encher o mundo enteiro da esperanza de vida que nos vén de Xesús.

Isto é o que fixeron cantos tiveron a experiencia inmediata de Xesús resucitado. En primeiro lugar as mulleres, que foron moi cedo a visitar o sepulcro do Señor. Volven axiña para lles anunciar ós apóstolos a resurrección do Señor. O mesmo fan os diversos apóstolos e discípulos comunicándose mutuamente as diversas aparicións ou experiencias que van tendo de Xesús resucitado.

Ó longo dos tempos e dos séculos, fomos nós recibindo tamén, a través do anuncio do evanxeo, esta grande e boa nova da resurrección de Xesús e, consecuentemente, da resurrección que nos espera tamén a todos.

Por iso os que recibimos esta gran nova temos que anunciala coa nosa palabra e co noso comportamento a cantos non oíron falar dela ou quizais incluso non son capaces de crer nela por ser precisamente a resurrección algo tan incríbel e marabilloso. Pois a resurrección ten que ser necesariamente algo moi grandioso precisamente por provir directamente do infinito poder e amor de Deus. E Deus é sempre meirande ca canto poidamos imaxinar del.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES