Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Sentenzas, Fías e Ruadas (13)

martes, 27 de marzo de 2018
Sentenzas, Fas e Ruadas (13)
Sermón na Corrida do Campo do Val

Citan a Berenguer en presente, e como o seu Goberno caeu o 16-2-1931, esta contemporaneidade serve para datar esta Corrida con certa aproximación.

El

¡Boas! Desexo lles vaia ben - a toda esa familia.
Por aló, gracias a Dios, - comer comen de perilla.

Ela

Has de contar a verdá: - comían ben se tiveran,
quiste ano a debilidá - deulles moita faterna.

El

¿Xa preguntais de onde son? - Mui pronto volo direi:
Son da provincia de Lugo, - nativo de Castro do Rei.

Ela

¡Eso é o que ti dis, trampán! - Non seas un canalla,
que ti naciches tras da pota, - aló cerca de Baralla.


A muller, enrabechada coas mentiras do seu home, descúbrenos, ou desoriéntanos, adrede por suposto, aludindo a unha orixe de campamento xitano.

El

Eu vinme moi comprometido - cando me foron chamar,
que tiña dado palabra - para ese pueblo de Ansemar.


Nos sermóns, en todos xeralmente, a "muller" adoitaba facer o papel de sincera e de moderadora do home. Esta apreciación lévanos a considerar que, se ten habido un machismo considerable nesta bisbarra, tamén é certo que á muller sempre se lle deu e recoñeceu unha gran dignidade.

Ela

Nunca naide te chamou, - non te fagas de rogar,
que xa o contaron por aló - os veciños do lugar.

El

Ó saír de Castro de Rei - encontrei dous compañeiros
para facerme compañía - hastra chegar a Torneiros.

Ela

Eso si que foi verdá. - Atrancándolle o camiño,
hastra chegar a Torneiros - viñéronvos dous pollinos.

El

Desde que saín de Torneiros - hastra os muíños de Pol,
non vos puiden descansar: - a pé, e ó lombo, co fol.

Ela

Alí estaban dúas mozas, - e tamén o muiñeiro;
e xa quedaban dicindo - ¡Aí vai o carbueiro!

El

En Pol alquilei un faco, - por certo aquí o vedes,
que alí teño un amigo - donde xa parei máis veces.

Ela

O amigo iba cargado de trapos - que o levaba un trapeiro;
limpiache de diante os ollos, - e sin parar hasta Mosteiro.

El

Chegueivos logo a Mosteiro - e ordenei de xantar
alí na casa de José. - ¡Que gran sitio pra parar!

Ela

Foivos certo que alí xantou: - ¡A mochila traina il,
que atopou un año morto - aí para acó de Ramil!


As gargalladas, naquel ambiente, deberon ser sonadas.

El

Despois montei dacabalo; - por certo que ía ben ledo,
e perdémonos no camiño - aló xunto do Porto de Rielo.

Ela

Salíulle alí unha muller - e pegoulle unha turrada,
que a sentiu aqui en Sarille - ise cesteiro da Graña.


Veño insistindo en que o Autor/es destes "parlamentos" non daban puntada sen fío; calquera cousa que dixesen, obviamente escribindo tal e como falaban, e á viceversa, por intranscendente que nos pareza hoxe en día, naquelas datas era unha velada alusión a algo ou por algo inmediato, de "vox populi". Nisto da "turrada" está claro: No Porto Rielo, nunha casiña illada, da que xa nin sei se quedarán os cimentos, pero eu cheguei a vela en pé, vivía unha señora de mala nota, á que chamaban "A Cabrona do Porto Rielo"; ¡a cabra, a "Cabrona", debeulle dar unha "turrada" que se oíu nada menos que en Sarille!

El

Cando cheguei a Sarille - vínvos cousas moi extrañas:
¡As cabras estaban na ouriceira - coméndolles as castañas!

Ela

Eso si que foi verdá. - Unhas tres fanegas de castañas
en menos de dous minutos - coméronllelas nove cabras.

El

Tamén os homes de Sarille - úsanvos da sua libertá.
Preguntaban unhos os outros - ¿Iste de onde será?


Chéirame que esta estrofa tamén ten máis retranca da que hoxe podamos percibir.

Ela

Algún deles quedaba dicindo: - Debe de ser un cereiro
que vai dar conferencias - aí a Montecubeiro.


¡Un cereiro, despectivamente, como indicando que as podía dar, ou que as daba, un iletrado calquera! Algunha pícara alusión habería nisto.

El

En casa do Capitán - queda un home moi formal,
que me puxo no camiño - aquí pro Campo do Val.


Chamábanlle Capitán, "Capitán" de Maxide porque era fillo dun Capitán que estivera na guerra de Cuba. Era un home moi xeneroso, pero arruinouse. Daquela tíñase por formal porque aínda non se desacreditara utilizando unha romana con un pirlo (pesa) falso para compra-los xamóns polas casas, de porta en porta. Desde aquel descubrimento, os veciños vendíanlle a mercadoría..., ¡despois de recortada e pesada por eles mesmos!, así que acabou arruinándose.

Ela

O mismo me dixo a min: - Colla por aquil carreiro,
que diante de vostede - tamén lle vai un trapeiro.

El

Agora que estou aquí - no medio desta familia,
vóuvos logo desengañar - das tonterías da vida.

Ela

No que vos diga iste home - eu non vos aconsello crer:
¡Se lle enchedes ben a andorga - non marcha daquí nun mes!

El

Has de mirar o que dices - non me veñas ensultando,
que se che brinco nas plumas - déixote tiritando.

Ela

Tomás, eso agora xa pasou. Non seas tan picadiño,
e trai esa bota pra acó, - non sea que verta o viño.

El

Pola bota non hai caso - se te arrimas ó meu lado;
pero eu tamén quería - que me deras un cigarro.

Ela

Dios cho pague compañeiro, - nunca tu perdas as mañas;
toma ahora un tabaco - que che é dises de Canarias.


Daquela viña tabaco de Canarias, pero despois da Guerra Civil estivo rigorosamente racionado, así que mozos e vellos fumaban follas de tróqueles secas, séxase, "dixitalina" pura, pouco menos nociva cá cicuta, planta que, curiosamente, instintivamente, nunca a comían as vacas.

El

Agora que tomei un vaso - e xa me puxen contento,
vamos falar das rapazas - que se está indo o tempo.

Ela

As verdades diste home - non debedes desprecialas:
Son verdades coma potes, - que xa o dicen as rapazas.

El

As que cortaron o pelo - vénsevos ben apuradas,
que agora vai de moda - eso das guedellas largas.

Ela

É coma as bestas vellas, - que se lles pon a quina larga;
cando as deixan entre os ollos - logo parecen aloucadas.

El

As que recortaron as sayas - ogano víronas perras;
como estivo o inverno malo, - enfriábanselles as pernas.
Se queredes ter, rapaces, - choios cas mozas solteiras,
habeis tratar de meterlles - o sinal nas faltriqueiras.

Ela

Pra que non se queixen - non lles diremos mais nada;
vamos agora cos mozuelos, - que tamén é boa canalla.
Os de vintecinco para arriba - sonvos peores cas cabras,
que logo se dan unha volta - polas partes reservadas.
Cos que se van a Nova York, - mociñas tede cuidado,
que iste ano na parroquia - fixeron moito destrago.


Posible alusión a algún fillo de moza, sabido ou esperado.

Ela

Dises de tanta papilla, - mozas, tedes que desconfiar;
se volven pro outro ano - non vos deixedes engañar.

El

Vou deixar estas cousas - que ben contritos estades.
Todo o tempo que me queda - vou pegar cos oficiales.

Ela

Dos oficiales de agora - xa non me quero acordar;
de ben cheos e ben folgados - non queren traballar.

El

O oficio das costureiras - ben vedes que é moi nombrado,
que lles chaman "apañapulgas" - aló desque vén o vrao.
Tamén hai costureiras - que non dan xeito a un xustillo;
empézanse a escostrexar - porque o corpo pídelles marido.

Ela

Non hei de olvidar os xastres, - que algo lles teño que dicir,
que cos retales que rouban - xúntanche para se vestir.

El

De quen é esa canalla - tamén teño eu que contar;
se non lles poñen dous ovos - non queren traballar.

Ela

Os taberneiros de agora - non vos levan bon camiño;
han de sudar no inferno - a auga que botan ó viño.
E despois da moita auga - ¡xa encheran ben a medida!
Aínda ben non chega a escuma - xa dicen que vertía.

El

Os poucos ferreiros que hai - non che son boa canalla,
que cobran un par de pesos - por che facer unha aixada.

Ela

Ises tamén han de pagar - desque vaian pra outra vida,
que co carbón que lles sobre - hanlles quentar a barriga.

El

Dos zoqueiros de hoxe en día - muito traigo que contar;
por unhas zocas de pau podre - once reás che han levar.
e se os chamas pra casa - encóntraste ben jodido,
que che cobran nove reás, - ¡e media cuarta de viño!

Ela

Máis mal vai cos carpinteiros. - ¡Non hai canalla na vida!
Se os traedes para a casa - non merecen a comida.
Se lle encargais na casa, - ¡a madeira vai fendida!,
e despois vides contentos - que cha tapan con masilla.

El

Deixarei os oficiales - que se está marchando o tempo;
solo vos quero explicar - un proieuto do Gobierno.
Agora o Gobierno novo - vésevos ben comprometido
coas vellas de setenta anos, - ¡que lle piden marido!
Berenguer compadecido - prometeulles unha cousa:
¡Xuntar tódalas vellas - un domingo nunha chousa!
E se non quixese acetar -por ahí algunha patrona,
vaina mandar cos carneiros - este ano pra Zaragoza.


Alusión aos embarques da facenda miúda desde a estación de Ferrocarril de Lugo.

El

Quero que dispenseis - se algún quedase ofendido;
naide se debe extrañar - que estas son cousas do viño.

Ela

E si alguén quedase errado - diste bon predicador,
¡ten dereito a reclar - ó maiestro herrador!


Figura literaria xogando coa fonética. Lembranza daquel dito do Servizo Militar: "¡Las reclamaciones, al Maestro Armero!". Obsérvase algún castrapo, que considero intencionado pois había que ridiculizar a figura dos Preciadores.
-o-
Gómez Vilabella, Xosé M.
Gómez Vilabella, Xosé M.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES