Mudar os contos
Santalla, Iago - miércoles, 28 de marzo de 2018
Esta semana andiven indagando sobre diversos aspectos de recreación cultural. Entón, apareceu unha versión en catalán de carapuchiña vermella cunha clara intención de fomentar a igualdade de xénero, reflexionando entre outras cuestións sobre o feito de ter liberdade de movemento e poder ir soa pola rúa sen ningún tipo de risco.
Calquera cunha mínima apertura de mente no mundo actual pode considerar esta liberdade de movemento unha obviedade; non en tanto, os feitos que sufrimos no día a día tenden a limitar dita liberdade que polo tanto lonxe de ser obvia deixa de existir. De novo, na base do problema temos unha cuestión educacional e ten que ver con todo o que fomos deixando como espazo de transversalidade sen convertelo en materia por medo a que esa materia se convertese nun elemento ideoloxizador.
O resultado de todo isto é que agroma o que estaba subxacente e a sociedade que subxace estaba tan lonxe da democracia como da igualdade de xénero. Entón, toda a cultura que nos lega dita sociedade debe constituir un fondo documental dos valores dos que fomos evolucionando como membros dunha realidade.
A partir de aquí e sen perder os produtos culturais legados, temos que xerar novos produtos e recrear os legados de xeito acorde coa evolución da nosa escala de valores. Neste sentido, resulta fundamental ver de onde vimos para non retroceder e, ao mesmo tempo, recrear sobre a base popular contos e cancións que nos sirvan para afianzar os valores fundamentais desta sociedade.
Recrear a cultura implica adecuala á escala de valores asumida pola sociedade en cada momento histórico e supón legar ferramentas educativas para manter dita escala. Polo tanto, é unha labor fundamental que non só a fai pervivir senón que tece un vínculo emocional coa persoa ao implicarse nos problemas ou debates sociais propios da súa realidade e do seu tempo.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora