Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Suso Lista, de percebeiro a escritor

viernes, 23 de marzo de 2018
“Estou moi nervioso”, foi o saúdo co que se presentou ante o propietario do café El Cercano e ante un servidor o escritor e actor Suso Lista. Eu quedei abraiado, alucinado ante as súas palabras, e ó mesmo tempo, xa lle comentaba: “que digas ti iso...”, en clara referencia á súa vocación cinematográfica, teatral e literaria. Porque Suso Lista ía presentar no café citado o seu terceiro libro, logo de batallar xa co público con “Salseiros”, no 2014, e con “Xeixos”, un ano máis tarde. É dicir, que entre as presentacións literarias e as actuacións cinematográficas xa debería ter certa veteranía para quitar de seu eses medos. Claro que tamén é verdade que, a todo actor que se prece, sempre lle oín aquilo do “medo escénico”, moito antes de que o Santiago Bernabéu se apoderase desa expresión. E sei de actores moi veteranos (tanto por traballo como por idade) que chegan incluso a vomitar uns minutos antes de subirse ós escenarios. Como digo eu: o medo é libre.
Suso Lista, de percebeiro a escritor
E ó mellor foron os nervios (vai ti saber!), pero o caso é que nunca nos rimos tantos nunha presentación literaria ante as ocorrencias e a forma de destripar os relatos do seu libro. En cada frase que soltaba, en cada anécdota que contaba dos seus veciños, da súa vida, zas, argalladas ó canto. O recanto do café, ateigado de xente, converteuse nunha festa amena, nunha presentación entrañable sobre un libro cheo de relatos que daban e que dan para nadar nel.

Suso Lista presentouse en El Cercano o pasado 25 de outubro para descubrirnos “Charamuscas”, terceiro libro da triloxía sobre os tres grandes elementos (auga, terra e lume), composto por 21 relatos breves -aínda que dous deles teñen unhas 30 páxinas- moi fáciles de ler e con protagonistas, practicamente todos eles, reais. Eses personaxes, baixo a pluma do autor, dan a impresión de surrealistas. Adoita plantarlle cara á morte en plan fanfurriñeiro (quizais para vencer aquel medo, aquel susto que se levou un día cando andaba de percebeiro e unha onda estivo a piques de mandalo ó mundo do máis alá) e así o reflicte na maioría dos seus relatos. Tipo divertido, tanto no persoal (xa digo que escachamos coa risa) como na ficción, na escritura. Os seus relatos amosan todo ese humor característico da Costa da Morte.

É actor e é escritor, pero non sei se saberá que a súa vida dá para unha película ou para unha novela abondo voluminosa. Suso Lista naceu como Jesús Lista Neira en Corme o 2 de abril de 1962. Pasou a súa infancia entre a aldea e a Universidade Laboral de Cheste, en Valencia, para estudar a EXB. Con 16 anos embarcou como mariño mercante para percorrer toda Europa e o norte de África. A esta idade foi cando empezou realmente a ler neses ratos que ás veces deixa o mar, o traballo no mar.

Ós 25 anos deixou de aboiar sobre o Atlántico para emprender, agora si, unha agónica e impresionante loita contra as súas augas, contra esas ondas que rompen unha e outra vez no Roncudo, ese recanto da Costa da Morte, onde cada pedra ten o seu nome. Meteuse percebeiro para rabuñar unha e mil veces nese Roncudo que o engaiolou sempre, pero, como tamén xa dixen, insufloulle un respecto tremendo. Mellor dito: medo, así de sinxelo. “Porque respecto só llo teño a meu pai”.

Foise apartando desas ondas traidoras e empezou a meterse en personaxes de ficción de toda índole. Participou como actor secundario en máis de 40 capítulos da famosa “Mareas vivas”, onde se relacionaba co mesmo xuíz de Portozás, don Luis Tosar. Con este coincidiría unha vez máis entre as reixas desa moi boa “Cela 211”.

Ó mesmo tempo participaba en películas para outras televisións e rodaba máis de 50 curtametraxes entre Galicia e León. Foi guionista de curtas e tamén actor e guionista do documental “Ida e volta”, que o preseleccionaron para os Premios Mestre Mateo de 2007.

Pero as inquedanzas de Suso Lista ían máis alá da actuación. Así é que no ano 2005 empezou dálle que dálle a unha bitácora que axiña se converteu en algo así como unha enciclopedia da súa contorna. En Radio Roncudo dirixiu un programa cultural chamado “O Embigho da Fin do Mundo”. O título creo que xa o di todo. O éxito da bitácora e os empurróns agarimosos dos veciños foron os que lle deron pé para que plasmase en libros moitos deses escritos, desas vivencias. Así é que colleu os elementos auga (“Salseiros”), terra (“Xeixos”) e lume (“Charamuscas”) e espallounos por todas as librarías e bibliotecas para que o lector descubra a un autor demasiado expresivo, quizais algo surrealista, pero con moito humor e un cariño inmenso, enorme cara ós seus personaxes, moitos deles, veciños.

O 9 de outubro de 2015 rematei de ler o libro “Salseiros” e isto foi o que subín ó feisbuq: “Xenial!!! Lino practicamente todo polo recinto do Campus Universitario e non esaxero se digo que tiven varias apuradas con el, porque en algúns relatos ría a cachón e tiña medo que me viran. Que forma de escribir!!!” Grazas, Suso. E con isto creo que queda todo dito.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES