Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Tenros soños

jueves, 22 de marzo de 2018
Petaron á porta da casa dúas ben xeitosas obras de poesía infantil e, como Cunqueiro á rula, saudeinas dicíndolles: “pasen, miñas señoras”. E é o caso que elas viñan moi postas, amosando xa dende as cubertas títulos de atractivo: Soños de nenos (Edicións Embora) e mais Versos e bolboretas (Edicións Fervenza). Vestíranse para a ocasión coas mellores galas, inzadas de ilustracións que engadaban os ollos e un andar de prelo fino que moito prestaba aloumiñar nas mans.

¿E el como resistir? Boteime a ler a Mónica Inés Varela Gestoso.

O que descubrín pronto foi unha poética lizgaira, sensorialista, chea de resonancias musicais e moi plástica nas imaxes e eufonías. Un ir verso a verso ganduxando as palabras coma quen prende contas a un sutil fío dourado.

A poesía de Varela Gestoso dinos dos soños das nenas e nenos, convida a que lean, que gocen da natureza, das estacións, dos xogos, do baile e, xaora, do mar, da súa beleza, a súa inmensidade, o seu misterio. Son, estes, poemas nos que o amor entre nais, pais e fillas e fillos agurgulla en cada recanto, onde todo o sobrevoan as miradas garimosas, as bolboretas delicadas, os bicos afectuosos, os silencios reveladores.

Na escrita desta arousá de nacenza e estradense de adopción as olladas falan sen palabras, os pensamentos florean e as gaivotas acompasan os latexos. Unha aura de tenrura estende o seu velo dondo sobre os seres e o vitalismo e o amor gobérnano todo.

Mais se hai un selo propio nesta poética ese é, a non dubidalo, a súa musicalidade, o cadoiro de asonancias en versos ora curtos ora longos, tradeados de paralelismos cruzados, de anáforas e sintagmas encadeados que procuran ás estrofas unha sonoridade ben característica, que pide abrirse camiño en alta voz.

Abondaría tal arquitectura harmónica e a positiva luz destes poemas para que as propostas da autora fosen máis que recomendables. Pero aínda debe sumarse outro reclamo non pequeno: as fantásticas ilustracións que acompañan ambos os dous volumes. No caso de Soños de nenos da man de María Brenn, delgado trazo de perfecta definición, mesturando bases fotográficas e debuxos tratados por ordenador con asombrosa limpidez. Tamén si, o festival de imaxes que achegan a Versos e bolboretas Alba Lugo, Amalia López Brea ‘Luchi’, Anabel Montouto, Diego Porto, Francisco Alén ‘Picho’, Iago Castro, Juan Liñares, Manuel Fragoso, Marcela Santorun, María Armada e Ramiro Cimadevila, estilos diversos e complementarios, que se serven tanto da acuarela coma das ceras ou témperas, nunha explosión de cor que envolve de lirismo plástico os textos.

E non esquezan tampouco deixarse guiar polos acaídos prologuistas destas obras, que deseñan o marco necesario para comprender e degustar con fruición as súas páxinas. Xosé Luna en Versos e bolboretas e Luís Reimóndez en Soños de nenos dan coa clave interpretativa da corda do corazón na que vibran as poesías, transmitindo nos seus comentarios toda a vida que leva dentro esta escrita, os tenros soños que espella.

A poesía infantil galega está de en hora boa. Non só polo seu brillante presente -velaí, poño por caso, o recente Premio Nacional a Antonio García Teixeiro por Poemar o mar, libro, por certo, que no seu día tamén comentei nestas páxinas-, senón pola confirmación de voces moi prometedoras que agora nacen, como esta de Mónica Inés Varela Gestoso, quen se descobre con estes dous interesantes poemarios e que, de seguro, continuará dándonos alegrías.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania