Miscelánea Focense: San Martiño no Camiño
Fernández, Suso - lunes, 03 de septiembre de 2007
A mindoniense Asociación Abrindo Camiño, de amigos do Camiño Norte de Santiago, que lidera Xosé Luis Fernández Ansedes, está a realizar unha meritoria labor no laudable empeño de promocionar esta vella senda que conduce ó sepulcro do Apóstolo, parcialmente esquecida no organigrama oficial e un tanto absorbida pola supremacía da coñecida por Camiño Francés, que é sen dúbida a estrela dos Camiños.
O entusiasta e permanente traballo de Xosé Luis vai logrando, paseniñamente, a implicación de entes e autoridades a distintos niveis e daquelas persoas incluso de estamentos europeos que teñen moito que ver na vida e potenciación dos Camiños a Compostela, nos que hai que incluir esta ruta ancestral de extraordinario interese social, cultural e económico, como é, por exemplo, Caminos de Europa AEIE (Agrupación Europea de Intereses Económicos).
Un fito importante no Camiño Norte é a catedral ovetense de O Salvador e ahora o empeño é o de recuperar a tradición medieval de visitar aquéla, á ida ou á volta de Compostela, pois dí unha cantiga francesa que quen vai a Santiago e non vai ó Salvador visita ó criado e deixa ó Señor.
Trátase en definitiva de romper unha lanza en favor do Camiño Norte e poñer en valor dende o punto de vista relixioso, cultural e turístico este vello traxecto das peregrinacións, revitalizando este feito histórico, que afecta á nosa bisbarra; nesa liña está a intencionalidade da Asociación Cultural O Mundo de Galea que acaba de promover un importante concurso fotográfico, precisamente baixo o epígrafe A Ruta Pardo de Cela no Camiño Norte ó que concurriron 18 fotógrafos presentando un total de 160 fotografías, que achegan un valiosos material para posteriores iniciativas tendentes a divulgar o interese histórico, cultural, etnográfico e paisaxístico da nosa bisbarra no entorno do Camiño, e ó que os focegos aportamos a xoia da basílica de San Martiño porque é evidente, con independencia de apreciacións oficiais, que o lugar non só foi paso de peregrinos senon que tivo tamén hospital para atención ós mesmos.
No noso arquivo persoal contamos coa fotocopia dun documento que así o testemuña, no que incruso figura unha relación nominal de viaxeiros, parte deles extranxeiros, que foron atendidos nel, así como algúns dos que morreron e foron enterrados alí mesmo. Está documentada a presencia de peregrinos en San Martiño dende 1531, pero sábese que a construcción do hospital é anterior.
O estudioso deste tema é o historiador focego Juan Ramón Fernández Pacios que, dende o rigor da profesionalidade, demostrou a existencia dunha ruta que enlazaba Ribadeo con Viveiro, procedente de Asturias, que se uniría ó camiño inglés que chegaba polo mar.
Resultas das investigacións realizadas, o experto descrebe o hospital como unha casa de dous andares; na planta baixa estaría a cociña, forno e cuadras, e no superior un coarto ó que se accedía pola cociña, onde estaría un dormitorio principal, un mais cativo para mulleres e unha pequena capela de San Sebastián, separada do coarto principal por unha rexa de madeira; contaba asemesmo con varias fincas.
O pasado sábado, Abrindo Camiño organizou unha peregrinación -é a sétima etapa no percorrido Santiago-Oviedo- dende Gontán a Mondoñedo, que continuou a San Martiño. Mais de 350 persoas participaron no mesmo que contou ademais coa presencia dos Bispos de Ourense e Mondoñedo, a coral Solpor de Celanova e o grupo folclórico Lembranza, en concomitancia coa celebración dunha xornada do Ano Xubilar Rosendiano, con nutrida excursión chegada de Celanova, e a visita ó que foi o espacio mais transcendental na vida do ilustre santo: a antiga catedral de San Martiño de Mondoñedo. De seguido os excursionistas fixeron un percorrido turístico por Foz e arredores.
Esta xornada, que resultou tan exitosa, enmárcase no programa O Camiño Norte de Volta ó Salvador. A organización contou co apoio técnico e de persoal da Delegación de Cultura do concello de Foz.

Fernández, Suso