Sen poder baixar a garda
Bravos, Marisol - martes, 20 de marzo de 2018
Hoxe, aproveito esta plataforma para falar de temas que, do contrario, pasarían máis desapercibidos. Refírome a dous titulares de prensa de hai uns días:
1.- Quiero sacar el carné, pero en las autoescuelas no hay coche adaptado. Eran palabras dunha rapaza de Ferrol.
2.- O outro titular, resposta a este, era: Una autoescuela de Lugo ofrece su coche adaptado, durante un mes, para las prácticas de una ferrolana.
Rapidamente pensei que hai persoas que nunca poden baixar a garda. Outra desvantaxe máis para as persoas con diversidade funcional pola falta de autoescolas con vehículos adaptados. Ademais de afrontar unhas prácticas máis caras vense obrigadas a adaptar o coche propio e costear os mandos para o profesor ou desprazarse a outras localidades.
Sabemos que as autoescolas non pasaron polo seu mellor momento a causa da folga. Ademais os coches son máis costosos e ao parecer a normativa non lles permite telos compartidos. Por iso a miña noraboa polo detalle a Autoescola Europa. Tenta solucionar o problema e aporta así o seu grao de area á unha inclusión social máis completa. Esta autoescola dispón dun coche con multiadaptacións, único en toda a provincia. Antes había que desprazarse a Coruña.
Como cambian as cousas comparando co meu carné alá polo ano 1975. Fíxense que me chamaron do antigo Serem. O Serem (Servizo Recuperación Minusválidos) foi a primeira oficina que houbo en Lugo relacionada coas persoas minusválidas que, curiosamente, estaba nun primeiro piso sen ascensor. Dicía que me chamaron para pedirme se me prestaba a sacar o carné en plan experimento. Nese caso unha autoescola de Lugo, Autoescola Dina, prepararía un coche. Nin que dicir ten que me prestei a tal experimento, o que cambiou radicalmente as posibilidades da miña vida. Por iso comprendo perfectamente as pretensións da rapaza e non comprendo que pasados máis de 40 anos aínda queden temas tan básicos sen normalizar.

Bravos, Marisol
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora