Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Pataca inmortal

domingo, 18 de marzo de 2018
O tempo corre e estamos case na entrada da Semana Santa, pois o próximo domingo é xa Domingo de Ramos.

Entre tanto, seguimos a profundar no sentido e na práctica da conversión á que nos animaba a liturxia do Mércores de Cinza ó comezo da Coresma, cando se nos dicía: “Convértete e cre no Evanxeo”, é dicir na boa, na alegre nova de Xesús.

Porque é xustamente a grandeza da boa mensaxe de Xesús a que nos fornecerá forzas e bo ánimo para levarmos a nosa cruz, a cruz de cada un, seguindo a el que vai diante nosa levando a súa, sempre meirande cá nosa. Porque, por el e nel sabemos que trala cruz está sempre a Resurrección e o Deus da felicidade plena, é dicir, non rebaixada nin desvirtuada.

Cóntanos hoxe Xoán que había uns crentes de relixión xudía mais de orixe grega que querían ver Xesús. En certo modo, cando pola nosa parte dicimos que nos gustaría sabelo todo ou telo todo, estamos a dicir tamén que nos gustaría ver Xesús, se é que o consideramos como a manifestación visible de Deus. Os filósofos gregos falaban moito sobre Deus, mais iso de que Deus se fixera un de nós e que nos prometera a resurrección non lles cabía na cabeza. Por iso despediron, como sabemos, o apóstolo Paulo -iso si de boas maneiras ou cortesmente- cando lles empezou a falar deste tema. Estes crentes gregos que buscaban a maneira de veren a Deus na súa manifestación en Xesús eran, polo tanto, gregos dunha caste diferente.

Hai unha lenda que di algo así coma isto. Unha vez un rei convocou tódolos magos, sabios e sacerdotes do seu reino. Ameazounos cos castigos máis terríbeis se non lle amosaban a Deus. Inquedos e desesperados, andaban de aquí para alá, sen saberen que facer. Mais velaquí que chega un pastor que lles di que el era capaz de lle dar unha solución ó problema. Correron presentarllo ó rei. O pastor levou entón o rei a unha terraza e sinaloulle o sol, dicíndolle ó mesmo tempo: Mírao! No mesmo intre o rei baixou os ollos berrando: Queres deixarme cego. Entón díxolle o pastor ó rei: Señor, o sol é só unha cativa criatura do Creador, unha pequena muxica do seu esplendor... Como podes pensar en poñeres os teus ollos sobre el en persoa?

Os crentes de nación grega, bos sabedores de que Deus non podía caber nas nosas mentes, sabían tamén, e quizais polos propios apóstolos de Xesús, que este dixera algunha vez que quen o vía a el vía tamén o Pai, é dicir, a Deus mesmo. Pois dáse a casualidade de que Xoán nos fala (no evanxeo de hoxe) do apóstolo Filipe como o primeiro do que botaron man os crentes gregos para que os presentase a Xesús e o visen. E seguramente lembrades que foi xustamente a Filipe a quen se dirixiu unha vez Xesús dicíndolle: “Filipe, quen me ve a min, ve o Pai”. Os crentes gregos saberían polo tanto que Xesús se presentaba como a verdadeira imaxe, viva e humana, do que é Deus, do que é Deus Pai. Deste xeito viña Xesús actuar -cabería dicir- á maneira desa lente escura, humana, coa que podemos observar unha eclipse solar sen que o sol nos estrague a vista.

Mais aínda así, é dicir, aínda sabendo que por medio de Xesús podemos coñecer como é Deus e, en consecuencia, como debemos comportarnos nas nosas vidas, o tema non resulta doado. Non chega toda unha vida, por longa que sexa, para profundar na grandeza e no misterio de Xesús e da realidade toda da que formamos parte.

No evanxeo deste domingo apela Xesús tamén á realidade natural para nos aprender como é el realmente. Hoxe en día, moitas persoas, xa desde a nenez, están pouco acostumadas a conviviren coa natureza. Non teñen experiencia directa e repetida do que ocorre cando se sementa e nace unha pataca, ou do que lle pasa a un gran de millo ou de trigo desde que se sementa, e así en relación con moitas máis cousas da natureza... Teño anécdotas moi curiosas sobre este descoñecemento que vos farían pensar e tamén rir moito.

Coido que non é nada bo esta ausencia de contacto tranquilo e longo coa natureza. Entre outras razóns, porque a través da natureza se expresa tamén Deus, se é verdade que é Deus o autor dela. Quizais por iso a xente sinxela, en contacto continuado coa natureza, non poucas veces entende mellor a mensaxe de Xesús ca aqueles ós que lles dá noxo enzoufarse coa lama da terra.

Sobre isto velaquí unha anécdota que lin algunha vez e que ten bastante que ver co que hoxe se nos di no evanxeo. Nun funeral, para presentar dun xeito algo plástico á xente a vida e a resurrección despois da morte, como se estaba no tempo da sementeira das patacas, ocorréuselle a un párroco falar da pataca, que se bota no rego, que podrece e que xustamente desa podremia sae a planta. Suponse que a xente entendeu a cousa. Pero de alí a poucos días, noutro funeral, antes de empezar, un da familia do novo defunto entrou na sancristía e díxolle ó párroco: “Señor cura, eu víñalle pedir que, se fai o favor, non me lles fale das patacas...”.

Ben. Pois aínda que poida parecer pouco fino e ata algo ofensivo iso de falar das patacas en relación cun defunto e coa resurrección, cómpre lembrar que Xesús empregou comparacións semellantes para falarnos destes temas fondos e importantes. Concretamente para falar da súa morte, da súa resurrección e tamén da nosa. Na pasaxe do evanxeo de Xoán de hoxe dísenos: Se o gran de trigo cae na terra mais non morre, quedará el só; mais se morre, dará froito abondoso. Quen ama a súa vida, pérdea; mais quen aborrece a súa vida neste mundo, poñeraa a salvo para unha vida eterna.

Se aquí se nos fala da “morte” do gran de trigo, é lóxico que tamén se puidese empregar a comparanza coa pataca, se naquel tempo fose alí coñecido este saboroso tubérculo. Mais naquel tempo e no lado de acá do Atlántico non se sabía aínda o que era unha pataca, pois –como ben sabedes- as patacas só foron coñecidas fóra de América despois do descubrimento do continente americano.

Cómpre, pois, ollarmos amodo e con calma cara á natureza. Seranos así máis doado albiscar o significado da vida, da morte e da resurrección de Xesús e, en consecuencia, o grandioso e inmortal sentido da nosa vida.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES