Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Valleinclanesca

lunes, 19 de marzo de 2018
A primeira noticia que tiven de Beatriz Maceda Abeleira foi a través do álbum ilustrado Man. O alemán de Camelle, unha aproximación á figura do xenuíno Manfred Gnädinger que publicou Galebook hai un lustro. Tempo despois chegou o seu primeiro volume narrativo, O álbum de Garrincha, entrañable historia sobre a superación das barreiras sociais e a integración co ludismo do mundo futbolístico de fondo.

ValleinclanescaCoa publicación de Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán Maceda Abeleira dá un paso máis no seu camiñar literario. Esta novela xuvenil, publicada polo selo coruñés Trifolium que tan atinadamente dirixe Xan Arias, resulta un ameno relato no que o peso do metaliterario ten un papel decisivo, pois en moitos sentidos esta narración é un diálogo coa propia escrita valleinclanesca, particularmente coa súa memorable Luces de Bohemia.

Dacabalo entre o territorio do real e o ficcional, a novela preséntanos un adolescente que no seu derradeiro ano de bacharelato, a piques de examinarse de Selectividade, descobre un segredo familiar que ata entón lle fora vedado: o seu bisavó era, nada máis e nada menos, que Ramón María del Valle-Inclán. A partir dese momento sucédese unha intriga na que a procura da propia identidade, o herdo da escrita e o complexo mapa oculto de relacións de parentesco van gañando forza segundo avanza a historia.

Do exposto é doado deducir que este Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán ten moito de bildungsroman, novela de iniciación na que o protagonista se enfronta ao difícil transo do paso da adolescencia á idade adulta, reto no que o axudarán a amizade e o amor e no que pesarán na súa contra certas inseguridades propias da mocidade e moito do seu pasado descoñecido que, dunha ou doutra maneira, o condiciona.

Escrita cunha prosa fluída na que o peso do diálogo é evidente, esta novela curta de Maceda Abeleira ten a virtude de introducir os menos versados no mundo de Valle dun xeito agradable, de tal modo que ao tempo que o rapaz protagonista vai iluminando as néboas dos devanceiros os lectores van tamén coñecendo moito dese universo xenial que conseguiu crear un dos mellores escritores das literaturas hispánicas do século XX.

A Arousa e Madrid ―en moita menor medida París― son os escenarios nos que se moven os personaxes desta narración, que esvara cun ritmo rápido e amosa unha estrutura na que tamén se homenaxea a Valle, pois varios dos capítulos levan por título as estacións do ano, á maneira das célebres sonatas do escritor.

Mais ese entretecido metaliterario vai alén e engade aínda outras voces, poño por caso a presenza como personaxe dun poeta galego facilmente recoñecible, que andaba entre Madrid e Galicia a fins do 1981 e que é presentado como “un home dunha delgadeza esquelética. Levaba posta unha zamarra, como a dos estibadores, na que cabían catro máis coma el (…) Fumaba moito (…) Non soltaba a copa da man”.

A vida estudantil, a forte presenza do mundo musical da movida madrileña e a centralidade na historia dun John Lennon que acababa de ser asasinado, o contraste entre a España que padeceu o desastre do 98 e a que se abría aos novos tempos da Transición e, sobre todo, o decisivo papel do tríade amor, amizade e familia son as fías coas que se cose este Cando John Lennon coñeceu a Valle-Inclán, un libro que mostra unha Beatriz Maceira Abeleira en plena progresión autorial e á que haberá que seguir os pasos.
Requeixo, Armando
Requeixo, Armando


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES