Contradictio in adiecto
García Penas, Fernando - miércoles, 14 de marzo de 2018
Nestas últimas semanas estivemos vendo como en cada xornal, estatal ou autonómico, se falaba da recollida de sinaturas contra a derrogación da lei que permite a cadea perpetua revisable. Ben é certo que esta petición estaba encabezada por pais que sufriron directamente a terrible dor de perder en desgraza violenta as súas fillas. Supoño que non debe haber dor máis grande que poida anegar o corazón dunha persoa. Inimaxinable.
Tema e idea que se retoma con maior énfase tras a desgraza violenta que sufriu este rapaz, Gabriel, na provincia de Almería. E outros moitos casos que acontecen nos que os medios de comunicación non centraron os seus obxectivos. Toda desgraza violenta contra calquera persoa é execrable, inconcibible, pero máis aínda contra rapazas e rapaces que pagan as baixezas e ruindades, a mesquindade dalgúns maiores cos que teñen a mala sorte de convivir ou toparse. O máis sagrado que temos son as nosas criaturas, os nosos e as nosas adolescentes, mozos e mozas. Quen atenta contra a súa vida, física e psicoloxicamente, ten de ser enfrontado á xustiza. Pero a que xustiza?
Dá medo escoitar a persoas pregoar gratuitamente o que eles din farían a estes xa condenados criminais. Calquera nai ou pai, eu talvez o primeiro, reaccionaría instintivamente tentando poñer o pé por riba de quen ousase tocar os fillos. O xenio cego, a ate dos heroes homéricos (cegueira mental pasaxeira, preto da tolemia, insuflada normalmente por unha divindade), é case inevitable e fai que sexamos capaces de facer o que non fariamos nun estado normal e ata xuizoso da cabeza. Cegouno, ou cegoume, o xenio, acostumamos a dicir.
En que momento abandona o ser humano o adxectivo humano e en que momento o retoma? Que significa o adxectivo humano? Que é un ser humano? Cal é a xustiza humana? Matar a quen mata? Sacar un ollo a quen sacou un ollo a outro? Se existise Deus... Se non fora por Deus... Que deus? O propio, o creado por eles, ou o de todos...? Talvez tamén o de quen cometeu semellantes crimes? Se me deixaran a min...! Ou as Erinias (divindades vingadoras) coa cabeza de Medusa (petrificaba ela a quen lle cadrase mirala)? Dan medo.
Son cousas diferentes o xenio cego e a xustiza que unha sociedade humana, razoadamente, debe impartir. Se nós quitamos a vida a quen a quita, aínda que as circunstancias non sexan as mesmas, e quizais aínda por iso peor, non estamos sendo coma eles? Creo dar comprendido o estado interior dunha nai ou dun pai aos que lles quitaron o máis prezado, os fillos, tamén a eles lles quitan a vida. O que non comprendo é a ausencia de reflexión crítica que afonde na raíz das causas e facilmente se cargue unha persoa de razón xusticeira, en quente, dando solucións exemplares.
Mesmo os profesionais do dereito e expertos en cuestións xudiciais, en xeral, están en contra da devandita lei, que por estar máis tempo no cárcere non vai haber menos individuos dispostos a atentar contra a vida dos demais. Descende o número de atentados ou asasinos en Estados Unidos por estar presente en algúns estados a pena de morte?
É doado deixarse ir pola ira. É o máis fácil. E será o máis atinado? Se somos humanos, temos que actuar como humanos; se non, non o somos. Quen cometeu tales crimes deixou de selo. A sociedade tamén ten que deixar de selo? Que sociedade desexamos, a humana, ou a inhumana? Os trazos que caracterizan unha e outra todos os temos claros, non hai cousa máis clara ca a verdade, todo o mundo a coñece. Nun momento dado calquera pode verse iluminado pola ate, xenio cego, aínda que non sexa o desexable nin o correcto; mais axiña a razón e a crítica deben presentarse. Malo da sociedade que, aínda que só sexa un intre, se vexa iluminada pola cegueira mental.
Sófocles, na súa obra Antígona, escribiu o seguinte verso: Moitas son as marabillas, pero a máis grande marabilla é o ser humano. Eu tamén o creo.

García Penas, Fernando