Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Fóisenos ás Américas o Vindel

martes, 13 de marzo de 2018
Antes de que se me fose, alá me fun...

Un bichoquiño roíame moi dentro por non telo aínda visitado. Preguizas do demo que a un lle dan, pois no fondo ben de ganas que tiña de me ver con el e de lle dar un biquiño, aínda que fose coma darllo á miña nai defunta sobre o vidro impávido da morte de séculos que nos separaran. Séculos que nos illaron non sei ben por culpa de quen. Ollara nos xornais, tamén en internet... A foto del alí estaba, tiña cores nas letras –negros, vermellos e azuis tamén algúns- e un recendo imaxinado a pergameos vellos de avós e devanceiros que, no seu sagrado segredo, un moito quere...

Dicían que non se lle podía tocar –e iso que era meu, moi meu...!- porque viña de lonxe e non sei que mercadores doutros continentes o levaran consigo, e a eles xa que logo lles pertencía. Pobre bíblico Xosé vendido polos seus irmáns! Mais non! Non fomos nós! Como podiamos vender nós o noso irmán, ... a nosa nai!

E veña! -dálle que dálle- e nunca arrincaba. Mais xa ben que me urxía... Os xornais mañanceiros informábannos de que nun par de días remataba a festa. A festa, si. Porque eran cantos e emocións conxeladas no tempo os que o pergamiño Vindel agachaba en si. Música e todo había nel!

Arriaba esa mañá desde as comportas do ceo e a terra enchoupábase de choros acaecidos, presaxiando despedidas ingratas. Si, si, o día 5 deste mes deixaríanos Martín Códax e volvería ás Américas, dicíanme! Talmente coma un máis daqueles seus descendentes que virían ó mundo moito tempo despois del.

Mais non! Martín Códax viviu aquí, connosco, na súa terra, no seu fogar. Aquí viviu e finou. Cantaba, folgaba, bailaba e traballaba. E amaba. Alleo a calquera sospeita de auto-odio que nos seus descendentes inocularían, séculos despois, xentes alleas a nós. Non era el un ninguén. Falaba e cantaba ante reis –que os houbo e nosos- e ante labregos, plebeos ou peixeiras. Na súa lingua, que é tamén a nosa de hoxe! Ollade, se non, o que escribe e como escribe e sentirás que “como un irmán nos fala”... Hai sentimento e emoción, hai fondura coma a dos mares que el leva no seu ollar e no seu rítmico dicir...

En chegando ó Museo do Mar vigués, fun descendendo amodo ata o pequeno belén, agachado, onde lucía o pergamiño, quente e aberto coma un Neno Xesús. Biqueino demoradamente cos meus ollos. Inmortal e firme el desde a urna transparente que alberga eternidade. Ou era ela máis ben cova mansa, coviña, que ampara un berce convidando a nacer?

Amigas e amigos, évos tempo xa pra nacermos dunha vez e de verdade á nosa lingua secular e a nós mesmos!
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES