Morrer na praia de Miño
Xiz, Xulio - miércoles, 29 de agosto de 2007
Na praia de Miño, o 25 de agosto, morreu un home.
Darredor do accidentado arremuiñáronse máis de cen persoas, algunhas con gañas de axudar; as máis, para saber, coa curiosidade morbosa que produce a dor alléa.
Os mozos e mozas da Cruz Bermella corrían con botellas de osíxeno, material vario e boa vontade. A xente, arredor, estorbando, comentando, curioseando, ata levando os nenos ver que pasaba.
Bo anaco despois, chegou unha ambulancia. Para daquela xa nos dixeran que o bañista morrera, e observabamos o corpo cuberto cunha tela metalizada que convertiu a praia en improvisado tanatorio.
Á beira do morto choraban a muller e a filla. O morbo segue, e coa dispersión dos curiosos a nova corre como un regueiro de pólvora.
Os servicios da praia funcionaron correctamente. A morte foi máis rápida que a ambulancia, quizais porque chegou polo mar.
Eu estaba a pouco menos de cen metros a ler, e seguín lendo. Agora critico ós que se achegaron alí. É mellor a miña postura?. A miña única virtude foi que non estorbei.
Cousas así evidencian a nosa extrema fraxilidade. Nin siquiera nun lugar de lecer a morte é allea.
Morrer na praia parece significar morrer en público, aínda que o acto de morrer sexa de suprema soidade. Pero tamén na praia multitudinaria, en hora de baño, en agosto, se pode morrer absolutamente só. A pesar de estar roedado por unha ociosa, curiosa, morbosa, insultante multitude.

Xiz, Xulio
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora