Viva San Ramón
Xiz, Xulio - lunes, 27 de agosto de 2007
Pasa a Banda
Desde tempo inmemorial, Vilalba ten como patrón ó Santo Ramón que veu de terras catalanas para conquistar os nosos corazóns festeiros, e hoxe é tan vilalbés coma calquera de nós, e nas súa honra tódolos agostos queimamos pólvora e ilusións, obtendo a cambio a satisfacción precisa para afrontar con ledicia o outono que comeza.
As festas da miña nenez, na Porta de Cima, comezaban coa Banda municipal de Lugo que desfilaba tocando marcial ritmos festeiros. Viña no sentido habitual das procesións e desfiles que remataban na Praza da Igrexa, como chamando a seguir as comitivas ata o seu remate.
Desde o balcón da miña casa divisábaa á altura da Taberna, e admirábame contemplar o desfile daqueles músicos donos dunha marcialidade case militar que completaba as súas indudables virtudes musicais.
Un dos músicos asemellábase moito ó meu tio Paco que daquela estaba en Venezuela. E cada ano miña nai e máis eu pasábamos revista á Banda, divisándoo cando pasaba diante das casas do Fulgencio e da Antonia da Queixa, para logo perderse no concerto coral uniformado.
Festivales na Praza
A mediados dos sesenta, as festas deron un pulo importante coa inclusión dos Festivales de España que se celebraban na Praza. Lembro a primeira vez, coa praza chea de sillas para a actuación do Ballet Gallego Rey de Viana.
Á Praza, acotada en tódolos seus accesos, só podían acceder os que tivesen entrada con asento asegurado. Por non ter entrada, non puiden ver o comezo do festival, pero unha choiva igualitaria orixinou unha total desbandada que permitíu que todos puidesemos presenciar parcialmente o espectáculo.
Por alí andaba o Ministro Fraga no exercizo do seu cargo, dispoñendo supoño que solucións de urxencia para remediar o que a tormenta de verán alterara, e José Manuel Rey de Viana, cabeza visible do espectáculo, que razonaba con Fraga sobre a situación.
Vilalba, polas xestións do Ministro Fraga, titular da carteira de Información y Turismo, que promovía aqueles novedosos Festivales de España, comezaba a figurar con letras destacadas na actualidade española. Ós Festivales seguiría o Parador, a Cidade Cultural, e o protagonismo informativo vencellado a Don Manuel durante máis de corenta anos, que obrigou ós medios informativos a distinguir entre Villalba de Madrid e Villalba de Lugo para referirse ó noso pobo, non faltando un titular no Faro de Vigo que falaba de Villalba de Fraga. Comezaría daquela o fetichismo en relación cos persoeiros públicos e de actualidade, porque lembro como se fose hoxe a señora que presumía alborozada de terlle tocado a Fraga Iribarne.
Cando entrei a traballar en Información y Turismo en Lugo, o entón crego vilalbés, Adolfo Pato Bernárdez, preguntábame que sentido tiña un ministerio que non era productor como os de Agricultura e Industria ou recaudador como o de Hacienda. Fraga encargaríase de que o Turismo fose productor ben decisivo para a economía española á vez que revolucionador de costumes dun xeito que abrumaría ó crego ferrolano-vilalbés.
San Ramón e San Froilán
Levo en Lugo corenta e tres anos. E desde entón, o patrón San Froilán nado no lucense Regueiro dos Hortos, ten en min admirador devoto, tanto que publiquei un libro pretendendo pescudar na súa persoa e nos seus misterios, e as súas festas Cunqueiro afirma que o Domingo das Mozas é A festa máis fermosa do outono galego- téñenme conquistado desde o primeiro momento.
Na miña Vilalba natal presento, desde hai máis de trinta anos, o acto do Certame Literario e Pregón das festas, pero hai catro ou cinco tiven un lapsus, e no canto de mencionar San Ramón saíume San Froilán, co que a gargallada dos presentes resoa aínda nos meus oídos.
De seguido confesei que o erro viña da miña doble nacionalidade vilalbesa e lucense, que me fixera caer nun renuncio imperdoable xa que os santos teñen que ter e teñen delimitada a súa área de influencia, e máis no tempo da súa festa. Os aplausos indicáronme que o lapsus se toleraba. Pero desde entón, cada vez que subo ó escenario do Auditorio Carmen Estévez, poño Santo Ramón atención especial, para evitar que un erro así volva a producirse.

Xiz, Xulio