Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Galicia. Raíces e compromiso

martes, 06 de marzo de 2018
Convidástesme a vir aquí a Xinzo para un encontro amigábel sobre o tema eterno de Galicia, aproveitando que publiquei hai un par de anos sobre o tema un escrito co título de “Galicia. Raíces e compromiso”. Con esta iniciativa vosa –sabéndoo ou sen o saberdes- viñestes facerlle algo de caso quizais ó que escribía Andrés Torres Queiruga nunha xenerosa recensión súa na revista “Encrucillada”, que remataba deste xeito: Galicia. Raíces e compromiso“Persoalmente, non só polo cariño de amigo –que tamén–, senón por estrita xustiza intelectual, non dubido en afirmar que estamos ante unha obra que merecería ser texto de estudantes e manual de cantos queremos alimentar o coñecemento das nosas raíces e animar o compromiso por unha terra que merece un destino mellor”. Grazas, Andrés, e espero que leves razón...

Ben. Ese texto chegou felizmente ó seu termo grazas a amigos que un ten, como Bieito Ledo e Xelasio Suárez Santiso (aquí presentes), que seguen a levar adiante con agarimo e competencia Ir Indo Edicións. Este é o paraugas que protexe e dignifica as miñas modestas reflexións sobre Galicia. Tamén se sumaron ó tema outros dous ourensáns eminentes, como o artista Antón Pulido (autor da portada) e mais o ben coñecido de todos e incomparábel Xosé Luis Méndez Ferrín cun prólogo moi xeneroso, intelixente e clarividente.

O escrito, pois, aí está e –se vos digo a verdade- a min non me vai moito volver sobre cousas escritas con anterioridade. “O escrito escrito estᔠ-dixo alguén- e quen queira botarlle unha ollada é ben libre de facelo, de discutilo ou de prolongalo nun ou noutro sentido. O que si quería dicirvos ou comentarvos é que eu non son unha persoa dedicada á historia, polo menos á historia política, nin á literatura (por moito que me guste escribir cunha certa decencia e desexo de empatía cos lectores sobre moi diversos temas), nin tampouco me dedico a outras diversas “especialidades” (entre comiñas) concretas nas que adoitamos normalmente dividir o saber. A miña querenza foi desde os comezos, antes ca nada, pola filosofía e, no seo desta, por aquilo que se podería considerar como a súa cerna ou o seu cumio: a metafísica... Nada máis ou nada menos. Ese é o océano no que a gusto me mergullei e me mergullo. Aínda que a metafísica hai que entendela, non como un perderse en conceptos abstractos, senón como un fondo afondar no concreto. Pois o concreto –polo menos tal como o entendía o filósofo Hegel- é o que “crece con”, é dicir, a totalidade da realidade que somos ou na que estamos.

Neste sentido, e concretando agora algo tamén, direivos que levei a cabo os estudos de doutoramento en filosofía na universidade de Múnic, tras catro anos de teoloxía en Austria. Tanto neste último país como despois en Alemaña tiven a sorte de me atopar co famoso filósofo-teólogo Karl Rahner, que tivo a ben dirixir a miña tese de doutoramento sobre un ata entón algo descoñecido filósofo e pedagogo, chamado Gustav Siewerth. Daquela Rahner era profesor na Facultade de Filosofía de Múnic, non -como se podería pensar- na de Teoloxía (que tamén a había, claro). Eran en España tempos franquistas e nestes outros países europeos puiden gozar da liberdade de pensamento e de vida que tan importantes son para profundar nos problemas teóricos e prácticos. Naqueles tempos, para min Galicia non existía nin eu tiña noticia algunha sobre os problemas, inxustizas ou, aínda menos, sobre os asasinatos sufridos tamén polos galeguistas nesa infausta época. Así e todo, lémbrome de que foi alá, na universidade bávara de Múnic, onde por primeira vez puiden informarme sobre o que era a miña lingua natal asistindo, case por curiosidade, a unhas clases que impartía sobre o “galego-portugués” o profesor Hans Rheinfelder. Tan lonxe había que ir para poder aprender algo que pagase a pena sobre a miña propia lingua nativa!

Cando volvín de Alemaña (no ano 1969) e empecei a miña docencia en Madrid, primeiro na Universidade Comillas e algúns anos despois tamén na Complutense, faltaban aínda algo máis de seis anos para que rematase a ditadura. Así e todo, a miña visión filosófica, “metafísica”, da realidade non me impediu albiscar xa Galicia, aínda que fose a unha determinada distancia, como algo co que tería que empezar a clarificarme.

Efectivamente, desde as miñas estadías por Europa (sete anos en total), aprendera, de maneira práctica e directa, a ver e a decatarme de que hai países, culturas e linguas, diferentes das que un porta emocionalmente consigo. Realidades que hai que respectar, amar e tamén asumir persoalmente cando un se atopa no seu ámbito, coa clara conciencia de que só tal actitude é a correcta.

Xa por entón empecei a darme conta de que desde as limitadas experiencias da miña curta existencia algo non funcionara como é debido en min desde cativo. Fixérame, por exemplo, sufrir no fondo da alma a ruptura que en min supuxo ter que abandonar, cando só tiña dez anos, a lingua (con todo o que esta leva consigo) da miña aldea natal pontevedresa de Sabucedo para substituíla por outra (o castelán) que nunca eu utilizara no falar. ¿Por que a miña lingua ficaba alá na aldea e alí, no novo colexio, situado na aba do Monte de Santa Trega da Guarda, a só uns cen quilómetros de Sabucedo, non me era permitida? Para iso nin tiña eu resposta nin estaba en situación de que alguén mo explicase. A represión militar en Galicia contra esquerdistas e galeguistas tiña aínda data recente.

Todo isto acrecentóuseme cando en anos posteriores proseguín estudos, xa fóra de Galicia, na provincia de Palencia ou en Salamanca e Santander. O galego levábao comigo mais non me servía para nada. Era mellor incluso agachalo. Porque ademais ríanse benevolamente un pouco dun ou ollábante case cunha certa compaixón ou estraña curiosidade... Falo das miñas experiencias, que non teñen por que coincidir coas doutros. Son en calquera caso experiencias acaecidas nun tempo e nuns espazos concretos.

Metafísica si, mais non só dese pan vive o home... Hai efectivamente cousas ou acontecementos non programados ou previsíbeis, que non veñen propiamente dun senón doutros. Cando levaba algúns anos de docencia na mencionada Universidade Comillas de Madrid, un rebolo deu entre as pólas arbóreas da miña Metafísica e causou en min unha pequena (ou non tan pequena) inquedanza. A inesperada intromisión na miña árbore benquerida procedía da Facultade de Filosofía da Universidade Complutense. Insistíaseme en que me animase a ter algo de docencia tamén alá. Tras moito pensalo, alá me fun. Mais como a docencia de temas metafísicos estaba xa cuberta e eu –á fin e ó cabo- era un adventicio, un “ninguén” coma quen di, tiven que me contentar con temáticas relacionadas coa psicoloxía e mais coa antropoloxía. Foi, paseniñamente, isto da antropoloxía o que lle puxo en certo modo pés e unha nova visión ás miñas querenzas metafísicas. No meu cóctel interior unha e outra (metafísica e antropoloxía) comezaron a se fortaleceren mutuamente. Desde aquela o afondamento nos diversos modos de ser e de se comportar dos diversos países e culturas –tal como nolo aprende a antropoloxía cultural- axudou a que a metafísica se tornase aínda más concreta do que ela en principio xa debería ser.

Velaquí, pois, como en paralelo con estudos e escritos relacionados co eido metafísico van xurdir aquí e alá desde entón -movida a miña pluma pola necesidade de aclararme a min mesmo e de lles aclarar ó tempo a outros- publicacións relacionadas con temas sobre a cultura (antropoloxicamente entendida) do noso país. Así, por exemplo, en 1992 entre diversas obras dedicadas a filósofos alemáns, sae á luz un volume que leva por título A Rapa das bestas de Sabucedo. Historia e antropoloxía dunha tradición, que pretendía ser unha historia antropolóxica dun lugar e dun acontecemento festivo, ben concretos, do noso país. Sería este o meu primeiro contacto coa actividade editora de Bieito Ledo (aquí presente). Ou tamén, algún anos despois, ó lado tamén doutros estudos filosóficos, outro para min moi querido estudo titulado Paixón poética e militancia galeguista, que pescuda desde a case absoluta desinformación reinante na vida e obra dun destacado galeguista, fundador xunto con outros do Partido Galeguista en 1931. Chamábase Xosé Manuel Cabada Vázquez, tío meu (irmán de meu pai) que finou no ano 1936, cando eu só tiña 5 meses. E, falando de libros, tamén se podería engadir a estes títulos O Padre Seixas desde dentro. Unha aposta progresista, galeguista e universalista, publicado hai só poucos anos, cando eu estaba xa en Vigo, só dous anos antes de “Galicia. Raíces e compromiso”.

Verbo desta última publicación, que é a que motiva este noso encontro, sabedes seguramente vós xa máis ca min, porque a min xa me vai fallando en moitas cousas a memoria. A idade é seguramente culpábel nesta deficiencia, mais está aí tamén o feito de eu ter cruzado moitas veces o voso río Limia, ida e volta, ó longo dos corenta anos que residín en Madrid e, queiras ou non, o vello mito sobre a perda da memoria algo de razón terá.

De tódolos xeitos, e en liña coa miña preocupación constante de conxuntar “metafísica” con “física”, quero dicir, de atender á conxunción de reflexión xeral e realidade concreta do vivir galego, coido que algo podería eu dicir en relación coa publicación de “Galicia. Raíces e compromiso”. Pretendín, efectivamente, realizar un estudo de conxunto, xeral (nun determinado sentido), sobre o problema de Galicia, abranguendo sucesivamente os específicos modos culturais de comportármonos, o substrato social e político como país ou “nación” que estes implican e, finalmente, a plasmación ou expresión concreta desta realidade humana nunha lingua que con toda razón e dereito denominamos “propia” e que vén sendo o meirande sinal e garantía da nosa especificidade cultural.

Esas veñen ser tamén as tres grandes partes das que consta o libro. Tanto é así que ese era o título que en principio ía levar: “Unha cultura, un país, unha lingua”, engadíndose como subtítulo o de “Galicia como herdo e tarefa”. Mais como este subtítulo semellaba lembrar demasiado unha publicación anterior de Valentín Paz Andrade que levaba como título “Galicia como tarea”, cambiouse, por acertada suxestión do editor, o proxectado subtítulo polo de “Raíces e compromiso” colocando “Galicia” en primeiro lugar. Sen dúbida é un bo título e espero tamén nese sentido que sexa verdade o que me escribía Bieito Ledo hai só un par de días: “O teu libro seguirá vivo por moito tempo”. Ogallá sexa así, para ben –espero- de Galicia e de cantos buscamos xustiza, humanidade e dignidade.

En realidade alá no fondo o que ocorría, cando poñía sobre o papel informacións e pensamentos dirixidos a futuros e descoñecidos lectores, era –antes ca nada- que eu mesmo quería aclararme a min mesmo sobre algo que rebulía no meu interior, mais que non acababa de se reflectir practicamente nin en min nin en boa parte daqueles cos que convivía. Nin no modo de pensar nin nos xeitos de procedermos.

O resultado, dito de maneira sintética, é que cheguei á conclusión de que estaba ou estabamos vivindo desde esquemas mentais e de comportamento que outros -alleos ós nosos xustos intereses e á nosa propia cultura- inocularan historicamente en nós. Cumpría, pois, desvelar, clarificar, analizar, pór ó descuberto tal situación. E, ademais, de maneira proporcionada ó esquecemento sobre nós mesmos que outros induciran ou provocaran en nós. Dito aínda de maneira más concreta. Era necesario que nos contásemos a nós mesmos a nosa propia historia e que deixásemos de nos guiar pola historia que outros argallaron e continúan aínda a argallar, dunha ou doutra forma, para a súa propia autocompracencia e para o noso obediente e servizal autoconsumo.

E cando aquí falo de “historia” non me refiro só ó que normalmente entendemos por tal cousa, senón sobre todo ós efectos que tal historia e os seus relatos foron producindo en nós, no seo da sociedade galega e dos individuos particulares, e que pesan aínda sobre nós. Trátase do efecto ou resultado ó que en definitiva se refería dalgunha maneira Rosalía cando dicía que se sentía “estranxeira na súa patria”. Era preciso, pois, pensar e analizar tamén os modos de sermos e procedermos. Aquilo que os antropólogos culturais ou sociais denominan “cultura” dun determinado grupo social ou país e que non se identifica sen máis co grao de saberes simplemente técnicos ou científicos dos que un grupo humano poida dispoñer. Trátase daquela “cultura” que lles proporciona cohesión e mutuo entendemento ós que dela participan, que os diferencia dos que participan doutra cultura distinta e que ten a súa manifestación máis evidente na propia lingua.

Por iso, os percorridos históricos, as anécdotas, as análises, as reflexións, as críticas, etc., por moi sinteticamente que todo iso reciba forma ó longo da exposición escrita en “Galicia. Raíces e compromiso”, camiñan intencionadamente cara a unha meta concreta. A de acadar conciencia, tanto individual coma social e política, de nós mesmos. Esta conciencia non se chega a adquirir se un prefire vivir alleo ó coñecemento de si mesmo e daqueles cos que convive. Aínda que disto, por outra banda, non se é sempre e necesariamente culpábel ou responsábel, pois é esa mesma situación de dependencia a que obstaculiza de mil xeitos calquera actitude crítica respecto das violencias e inxustizas do pasado e do presente.

Hai agora xa case vinte anos, nun breve discurso lido na Universidade de Santiago, propuña Xaime Isla Couto para o noso país estas tres tarefas: “Repensar Galicia, proxectar Galicia, facer Galicia”. De modo que: pensar ou tomar conciencia e actuar, “facer”. Vén sendo algo semellante ó formulado no título “Galicia. Raíces e compromiso”. É dicir, toma de conciencia das raíces que dan vida ó nosa existir e consecuente “compromiso” cun país, cunha cultura, cunha lingua que precisan dos nosos esforzos individuais e colectivos para se converter en realidade concreta e palpábel.

(Palabras de Manuel Cabada Castro, en Xinzo de Limia, o 2 de marzo de 2018, na presentación do seu libro “Galicia. Raíces e compromiso”)
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES