Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Por espazo de dous ou tres credos

lunes, 05 de marzo de 2018
Se hai un lugar que a un veciño de Baños de Molgas lle ocupa todo o seu pensamento, ese non é outro que a Burga; máis incluso que o balneario (quizais por aquilo de que é privado) e o mesmo santuario dos Milagres, que é moito dicir.

Pero a Burga, ai a Burga! Aí estaba máis de media vida dunha persoa molguesa. Polo que se visitaba, polo que se dicía alí. Ademais, nunca seca, sempre bota a mesma cantidade de auga e á mesma temperatura. É dicir, unha máquina de manar auga quente. Non obstante, non todos saben que si houbo unha vez que secou; foi o día 1 de novembro de 1755, cando ás dez da mañá e durante uns sete ou oito minutos houbo un tremor de terra nada menos que en Lisboa e que fixo mover as casas e igrexas durante un curto período de tempo.

Logo, inmediatamente, subseguiu outro que durou case un carto de hora e no que tamén os templos, as cruces, as casas e os terreos bailaron ó son do terremoto. E contan as crónicas que en Baños de Molgas parou a Burga sen botar auga algunha “por espazo de dous ou tres credos” (entre minuto e medio e dous minutos, máis ou menos), e despois empezou a botala da cor do aceiro con demasiada abundancia e con dúas porcións máis das que acostumaba e non só polo cano senón polo corpo do mesmo. Semella que non volveu á normalidade ata o cabo de vinte e catro horas.

Tamén a zona do baño que estaba ó seu carón saía do seu natural levantándose en ondas como se fora a mar cando está embravecida, cando está picada. Ós habitantes da vila entroulles, como non, un chisco de temor e espanto. Nas dúas noites seguintes houbo máis réplicas, pero xa non con tanta intensidade, que incluso algúns xa nin se decataron. Durante un longo período de tempo non se falou doutra cousa nos parladoiros que acontecían, precisamente, ó lado da Burga ou na mesma Burga, cando as mulleres baixaban a lavar as súas roupas e os homes a buscar os caldeiros de auga quente. Nunca máis volveu secar a Burga.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania