Con vinte anos, naquel lonxano 1967, asomeime ao mundo da radio precipitándome naquel abismo insondable do que aínda agora medio

século despois- non din atopado o fondo.
Chegou Radio Popular de Lugo como un vento fresco e sonoro, e dominou esta terra aínda non de todo consciente de vivir unha longa noite de pedra. E na radio vivimos o maio francés tamén o compostelano- para situarnos no mundo e na terra
e vimos nacer a Nova Canción Galega e pasar os Planes de Desarrollo
asistimos polas ondas ao atentado que costou a vida a Carrero Blanco, Presidente do Goberno
o franquismo esmorecía pero aínda non podíamos facer outra información que a municipal e sen pasarse
Vivimos en Radio Popular os estertores do franquismo, a agonía de Franco, a tímida chegada da monarquía
as mulleres e os mozos tomaron conciencia do seu papel social
progresamos na economía e no social
e os de Radio Popular medrábamos en anos, en experiencia, en coñecemento e goce dunha profesión na que nos parecía imposible que ao ser tan fermosa non fósemos invadidos por milleiros de aspirantes a acariñar un micrófono coa voz para que se lles puidera escoitar urbi et orbe.
Un 23F de hai moitos anos escoitamos disparos dun garda civil no Congreso dos Deputados, no que hoxe parecerían un efecto radiofónico nunha ópera bufa
e a radio foi a triunfadora no que puido ser unha noite triste pero resultou unha festa da liberdade.
Pasaban os anos; mozos e mozas radiofonistas maduramos, e o vento inicial convirteuse en atmósfera de frescura e liberdade, onde xa se podía informar e se comentaba, onde se festexaba a música e o deporte
e eses anos foron encargándose de actuar como natural fenómeno de dispersións
uns, para a capital nacional da radio, outros para cometidos similares ou diversos
a algúns Charo, Joaquin, Rafael, Marcial
- levóunolos o éter para un ceo máis etéreo que o ceo da radio
e fomos chegando case todos a ese nirvana da xubilación onde se vive de presentes e pasados, onde a radio segue a ser omnipresente, onde sen a radio se pode vivir pero esta vida é máis vida se escoitamos profusamente as novas voces, e de xeito especial se de cando en cando nos asomamos en incursións moitas veces nostálxicas a esas ondas entrañables e queridas sen as que o mundo non podería entenderse e todos nós rapaces de hai medio século- non saberíamos vivir.
E no momento para Radio Popular, glorioso- en que se cumpren cincuenta anos do momento en que se encheron de vida os 1.430 kilociclos da Onda Media, os que hoxe somos resistentes e daquela expectantes da vida miramos por riba do tempo e poñendo a man sobor do corazón, poñémonos en posición de firmes e contendo unha bágoa de ledicia e nostalxia escoitamos no corazón un coro de voces xuvenís que lle cantan a esta nosa radio Parabéns para ti!.
Parabéns, Radio Popular de Lugo. Medio século despois, un mundo (diferente) despois, acreditamos que valeu a pena, que nos facía falla esta radio, que esta Radio encheu os nosos corazóns, e fixo desbordar deles sentimentos que os micrófonos se encargaron de transmitir a todos os oíntes. Por moitos anos máis, e que nós os escoitemos. Por moitos anos máis, e que Lugo volo premie!.
(Este traballo de Xulio Xiz forma parte do libro MEDIO SIGLO DE RADIO, publicado por Radio Popular de Lugo polo cumprimento dos seus primeiros 50 anos).