Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

O enterro da Sardiña na cidade de Lugo (2)

miércoles, 28 de febrero de 2018
O Enterro da Sardiña na cidade de Lugo
(1985-2002)

II. O Enterro da Sardiña en Lugo no último tercio do século XX
1. O Enterro da Sardiña no ano 1985

En Lugo, capital, logo de cincuenta anos de ausencia, volveu a celebrarse o Enterro da Sardiña no ano 1985 da man de José Barreiro, fundador da «Real Confraría da Parranda», e do Departamento de Cultura do Concello. A comitiva saiu do Círculo das Artes ás oito da noite, integrada na súa maioría polos membros da «Real Confraría da Parranda». Abría a procesión «o gran pendón», levando un estandarte cunha caraúta do Antroido, franqueado por dous capuchóns, tamén con sendos estandartes nos que figuraba «o porco de San Antón» e «o burro do Antroido», aos que se dedicaban sendos estribillos nas cantigas:

Este é o burro do antroido
levántalle o rabo
e bícalle o coiro
bícallo ben
ata o ano que vén.

Este é o porco de San Antón
desde o fuciño
ata o xamón
todo él sabe ben
in secula seculorum. Amén.


Logo dunha ringleira de confrades ía O gran Espetón, representado por Antonio Penedo, o moro Muza e os mariñeiros protexendo á sardiña ben ensartada nun tridente. Os incensarios acompañaban a Do Carnal e a Da Cuaresma, sen que faltasen á cita as choronas, que ían de luto, chorando a perda irreparable da sardiña. A continuación, camiñaban as autoridades coas sus elegantes donas e encabezadas polo rexidor da cidade, seguidas da banda e o coro. Pechaba a comitiva o público desexoso de participar no evento.

1.1. O percorrido do Enterro da Sardiña
O percorrido iníciábase na Alameda ao carón do Círculo das Artes, onde se entonaba o primeiro canto, anunciando deste xeito o comezo da escenificación. Logo proseguía por Conde Pallares e a rúa da Cruz, onde adoitaban deterse diante do bar Anda, para dedicarlle a súa peña unha das estrofas do «Canto Patético», interpretado na procesión.

A primeira parada importante tiña lugar na Praza do Campo, onde o Gran Espetón, representado por Antonio Penedo, recitaba as primeiras estrofas do Enterro da Sardiña, sendo coreado cun estribillo pola confraría en pleno.

A comitiva fúnebre, logo desta parada, continuaba a súa marcha pola Ruanova ata chegar á Praza da Soidade, onde se detiña de novo para dedicarlle outras estrofas á Praza do Rastro e á capela da Soidade. Así ao San Antón Abade pedíaselle que resolvera os problemas, que temos no noso Concello.

Logo de cubrir o traxecto por Santo Domingo e a rúa da Reina, a comitiva dirixíase, atravesando a Alameda, ao templete da música, onde se atopaba o cadaleito da sardiña por riba dun catafalco.

Neste lugar, ao igoal que fixera na Praza do Campo e da Soidade, o Gran Espetón, Antonio Penedo, recitaba un longo repertorio de «ferretes» onde a crítica ao Concello constituía a nota esencial.

Finalizada a interpretación da última salmodia, o director da confraría Pepe Barreiro, que ía acompañando á banda, vestido de capuchón e cun semáforo en ristre, procedía a enterrar á sardiña entre os lamentos das choronas.

Como colofón ao acto, o alcalde Vicente Quiroga fixo entrega dunha placa conmemorativa a José Barreiro no nome da Corporación Municipal, en recoñecemento ao seu labor por recuperar, logo de cincuenta anos, o enterro da sardiña.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania