Non hai quen lle asubíe
Estou vendo as imaxes dun novo atentado nun instituto de Estados Unidos. E digo o de sempre: que o sinto polas vítimas pero son indiferente ante a acción, ante a propia acción do atentado. Ese rapaz, se non tivera armas, e aínda que fose un tolo ou un energúmeno, non lle quedaría outra que tirarse contra a parede ou, como moito, atacar con algunha arma branca, que aínda que fose mortal, non creo que alcanzase a cantidade dos 17 falecidos a base de balas e máis balas. Segue agora mesmo a noticia pero falando xa da facilidade que existe para conseguir armas neses país. Ese é o gran problema. É certo que o gran culpable é a persoa, pero sábese que ás veces ou incluso moitas veces, por unhas ou por outras causas, crúzansenos os cables. E cando nos cabreamos ou cando queremos chamar a atención botamos man do máis mortífero. Non sinto aflición pola acción en si. Dóenme as vítimas. Eran nenos. Agora, os pais e os cidadáns que lles vaian bicar o cu ó presidente da Asociación Nacional do Rifle, James W. Porter II, e ós seus vasalos, principalmente políticos, por negarse a prohibir as armas. Non será o último atentado. Porque non hai quen lle asubíe á industria do armamento.
O AVE por Baños de Molgas en 1908
O AVE aínda non pasa por Baños de Molgas, aínda que poida que non tarde moito en facelo (xa veremos), pero o que a xente non sabe é que no mes de agosto de 1908 xa existía tal transporte desde Ourense a Baños de Molgas, pasando por Maceda. Non era en forma de tren, pero si de boas carruaxes, que cando son boas corren que nin o demo. Resulta que a partir do 15 dese mes circulou un novo servizo de coches. Os donos da empresa non omitiron ningún sacrificio para proporcionarlle ós señores viaxeiros toda clase de comodidades, para o que mandaron construír carruaxes cómodos e elegantes ó mesmo tempo que adquirían gando inmellorable. É dicir, uns bos cabalos, ou burros, ou mulas; vai ti saber, naqueles anos. Non contentos con ese AVE, durante a temporada oficial de baños, ou sexa, o verán, e cando as circunstancias o esixiron, estableceuse un dobre servizo e houbo coches á chegada do tren mixto (entendo que de Madrid ou do Padornelo para alá) á estación de Ourense para recoller ós viaxeiros que desexaron continuar viaxe ata a miña vila. Que eran uns cantos, claro, porque as augas quentes (agora chamadas termais) de Baños de Molgas curaban ata ós mortos. É unha esaxeración, pero de algo hai que fardar. Digo eu.
Mellor unha de Marcial Lafuente Estefanía
Patria, de Fernando Aramburu. 642 páxinas. Cando estaba lendo na 175 chega unha mensaxe ó móbil de que ó día seguinte vence o prazo de préstamo. Eu tranquilo, xa o sabía. O día seguinte quixen renovalo e, zas, está reservado. Non podo renovalo. Imposible rematalo. O compañeiro díxome que me deixaba o del cando o acabase. Pois vale. Pero, que carallo!, a ver se me dá tempo Quedan case 500 páxinas, pero... Pero nunca lera tanto na miña vida. Ata vin o Xetafe-Celta sen voz (só lla daba cando o Xetafe meteu os tres goles. Tiven que rematar o libro en menos dun día porque, o día da entrega, para máis caralladas, tocaba meterlle esterco á viña. Acabeino pero tamén acabei coa cabeza coma un bombo. E total para que?; se o que me contou Aramburu en 642 páxinas contábamo Marcial Lafuente Estefanía en tan só 96 nas súas

noveliñas do Oeste, cando escribía, por exemplo, sobre o conflito entre os gandeiros e os ovelleiros. Así de simple, pois a de Aramburu, pódese dicir, é tal cal. Non explico nada máis a causa daqueles que aínda o queren ler. Sinceramente, esperaba unha análise moito máis profunda tocando o tema que toca. Para un servidor, demasiado bombo a unha novela moi voluminosa e moi simple.
Con música e co ordenador
Loito contra a dor das costas. E dos brazos. Loito contra o cansazo que está en min. Loito con música e co ordenador. Para plasmar sobre el ideas, pensamentos, esbozos, parvadas, nostalxias e o que caia. Agora mesmo dáseme polo rap escoitando Mandrágora, de VKR. Pero hai un cacho bailou sobre os meus oídos o Conquest of Paradise, de Vangelis. E despois desta eran Xil Ríos e Juan Pardo cantando aquilo de Xirarei. Xirar xiran os meus lamentos, os meus queixumes, os meus latexos medio amorfos e moi doridos. Hai traballos que te deixan deslombado e baldado. Nin tiven ganas de ler a fondo o xornal e moito menos de ver o Alavés-Deportivo. Cama e lectura. E ó poñerme a ler, uff, íaseme a vida. Pero hai que aguantar coma os heroes. Como aguantarei ós EPMD co seu álbum Strictly Business. Como se ve, escoito de todo. É que me gusta a música, en xeral, e o jazz, en particular. As bandas sonoras xa son tema á parte. Hoxe ata pode que non toque nada de jazz. Teño os meus métodos para escoitar música cando estou co ordenador; as miñas rutas, os meus listados. Se non fora por isto, estaría escoitando sempre as mesmas bandas sonoras ou as mesmas cancións. Hai que escoitar algo de todo.