
Despois do listado de festas dedicadas a Santa María no Camiño de fai uns días, velaí as do último domingo de agosto. Son as de Ferreiros de Mirallos e a dos Miragres de San Martiño, no concello de Paradela e vencelladas ao Camiño Francés e á Encomenda de Portomarín.
En Santa María de Ferreiros (alusión ao gremio encargado de amañar calzados e trebellos de ferro de cabalos e cabaleiros) queda aínda a igrexa románica (XII), trasladada a Mirallos. Agora hai un pequeno albergue de peregrinos chantado nunha grande e fermosa carballeira, onde se celebraron grandes festas ao correr dos séculos e seguen.na actualidade..
En San Martiño de Castro (igrexa do XIX, construída sobre outra primitiva e as dúas sobre un castro celta romanizado) celebran a Festa dedicada á Madre de Deus dos Milagres, preciosa imaxe adquirida polo pobo no ano 1896 e situada nun fermoso baldaquino feito de pedra. Tivo unha Confraría fundada polo crego D. José Varela López, nativo de Cabodevila.
A devoción popular mantense firme xa que en ámbalas dúas parroquias retornan, cada ano, por estas datas, os emigrantes forzosos do grande e último éxodo (anos 50/60) cos seus fillos.
Nesta etapa do Camiño Francés (Sarria/Portomarín) peregrinos e veciños poden gozar (pola mañá) dunha malla tradicional en Barbadelo (igrexa do XII) e da última sesión dos domingos folclóricos de Portomarín (igrexas fortaleza de San Xoán e San Pedro (séculos XII e XIII).