A que sabe un libro prohibido?
Santalla, Iago - miércoles, 28 de febrero de 2018
Esta semana seguín tanto o tema do libro de Fariña de Nacho Carretero como a polémica suscitada polo monólogo de Carlos Santiago. Respecto a Carlos cómpre dicir que é un monólogo que leva facendo moitos anos en diversas versións e en diversos espazos. Pode que un pregón non sexa o mellor espazo para este monólogo pero outra cousa é demonizalo ata o punto que se fixo.
Respecto ao secuestro do libro de Carretero, coido que quen se dá por ofendido, máis que facer valer o seu dereito á honra sementa unha gran dúbida sobre si mesmo para boa parte dunha poboación que non repararía nin na persoa nin no libro. Recoñezo que se teño a posibilidade de ler Fariña, fareino e por suposto declárome dende hai moitos anos, seguidor de Carlos Santiago.
Investiguei durante un tempo o movemento estudantil dende o 68 ata o 81 en Galicia. Nunha ocasión entrevistei a un gran amigo que formou parte daquel tempo: Xulio Cuba. Entre as preguntas que lle fixen está a que dá título a este artigo. Segundo me contou, os libros prohibidos saben moito máis porque levan a descubrir un mundo oculto, negado ao que por dereito pertences. Por iso, non hai democracia sen liberdade de expresión e limitala baseándonos en supostas razóns morais ten o risco de caer na arbitrariedade ideoloxizando a liberdade de expresión.
Por outro lado, os defensores da censura (porque aínda que queira sustentarse en razóns morais é censura) deben ter en conta que causan o efecto contrario ao desexado. Volvendo ao tema de Fariña se é necesario rectificar algo, non hai nada de perxudicial en recoñecer un fallo; agora ben, o secuestro dunha publicación sempre é algo sombrío e gris que nos leva ao medo e, como xa dixen, causa o efecto contrario ao desexado...

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora