Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Victoria, o señor dos seus nenos

viernes, 23 de febrero de 2018
Victoria, o seor dos seus nenos
Testemuñas da Memoria:
Victoria, o señor dos seus nenos

Hai uns días andou en boca de todos porque foi o pregoeiro das festas patronais do Barco de Valdeorras. Estou a falar de José Luis Gómez Álvarez, seica máis coñecido por Victoria, adestrador de baloncesto. Aínda que é dous anos máis novo ca min, non me queda outra que chamarlle señor. Porque O Victoria é un señor. Ó que cataloguei como tal nun chiscar de ollo o día que o vin por primeira vez nun pavillón deportivo do Barco. Eu andaba arrastrado por pavillóns e lugares (como todo pai que ten fillos facendo actividades) detrás dos meus fillos e detrás do seu club de baloncesto, o ABO. Non sei con que rapaz foi (ata creo que foi cos dous, polo que contarei máis adiante), pero tan axiña como nos enfrontamos ó Muebles Victoria e tan pronto como vin a aquel señor falar cos seus cativos, ou mellor dito, ver os xestos e as formas en como se dirixía a eles, souben ó momento que era un adestrador que baballaba polos seus pupilos. Viñéronseme á cabeza o adestrador de fútbol Arsenio Iglesias e o adestrador do ABO das categorías infantís Carlos Abellás, que tanto un coma o outro trataban ós seus xogadores coma se foran fillos seus. Non me estraña entón que O Victoria sexa un home tan querido polos seus.

Desde aquel primeiro partido, foi un dos candidatos a encher os dous folios dun Testemuñas da Memoria. Pero como xa teño confesado neste xornal máis dunha vez, a maldita timidez miña… En cada partido, zas: “para o próximo falo con el”. Tiven un día no que lle faltou un tris para decidirme. Incluso xa lle dixera á muller que ía falar co adestrador do Barco “para unha reportaxe”. Foi un día no que me volveu demostrar a súa humanidade, a súa xenerosidade. Resulta que un rapaciño dos nosos mancárase nun pé e o seguinte partido de Alán ou de Xoel, ou viceversa (cando se vai ó Barco de Valdeorras, e por iso da distancia, inténtase que varias categorías dos clubs xoguen ese mesmo día), era noutro pavillón, do que nós non sabiamos onde quedaba. Foi saír José Luis Gómez pola porta do pavillón e abalanzarnos a el de boas maneiras para que nos indicase a localización do outro polideportivo. El axiña se decatou da situación do rapaz e ofreceuse ó instante para levalo no seu coche (coma un pai), e a nós, claro, explicounos o sinxelo traxecto. E digo que aí tiven case a ocasión de “entrar a matar”. Pero había demasiada xente ó meu lado e… non houbo maneira. Demo de vergonza!

Cando Xoel pasou á categoría de sénior e non tendo esta categoría o ABO, empezaron, os dous, a deixar o baloncesto de lado e alá se esfumou a ocasión de falar con José Luis Gómez. Pero aínda así o seguín intentando. Por medio dun veciño e moi amigo molgués que traballa nos xulgados do Barco. Polas explicacións que lle daba (moi sinxelas: adestra ós nenos de baloncesto desa vila) non me soubo dicir nada. Ata que asomou nos xornais por iso do pregón das festas do Cristo. Mandeille un guasap ó amigo: José Luis Gómez Álvarez, O Victoria. Contestoume ó momento co número de móbil. A iso chámaselle eficacia!

Confeso que aínda non botei man dese número. Porque penso que non é necesario molestalo para esta pobre reportaxe. Xa digo que me chegou cuns simples xestos seus e con ler un chisquiño sobre o que atopei del pola Internet e polos xornais para seguir pensando e dicindo que debe ter un corazón coma unha trabe de ouro e que vive por e para “os seus nenos” e “as súas nenas”. Hai persoas que, cunha simple ollada ou cun simple aceno, descobren todo un mundo. Chégalles unha palabra ou unha pequena frase para amosarnos todo un libro de sabedoría, de dignidade, de nobreza e de saber estar. E por algunhas declaracións, sei que “os seus nenos e nenas” adórano e tráeno en andas. E con razón. Repito: a min chegoume o primeiro partido para saber que aí había e estaba todo un señor, todo un “pai”.

José Luis Gómez Álvarez, O Victoria, naceu no Barco de Valdeorras no 1961 e o alcume non lle vén polos partidos que puido ganar no baloncesto, senón polo negocio familiar, que respondía ó nome de Muebles Victoria (o mesmo que agora levan todos os seus equipos). Case 40 anos sendo a cabeza visible, a alma máter, a esencia do baloncesto en Valdeorras. E iso que, como practicamente todos os rapaces daquela época, non era o seu deporte favorito (o cume xa se sabe que é o fútbol). El empezou no balonmán cando, ós 10 anos, tivo que marchar a estudar ós Agustinos de León. Foi volver ó Barco, sete anos máis tarde, cando os seus amigos o instigaron para que xogase ó baloncesto. Foi a partir dese momento cando empezou a súa auténtica vida, a súa paixón. Penso, non obstante, que esa paixón polo baloncesto era máis ben unha escusa, un pretexto para entregarse ó que realmente anhelaba: o trato ós cativos.

Agora mesmo teño ganas de coñecelo… ben, a fondo, persoalmente. Confío en facelo. Xoel parece que volve a este deporte e igual, algún día, ten que ir xogar ó Barco; ou senón xa estarei eu pendente dos partidos dos seus “pequenos tesouros”, como lles gusta chamar. Malo será que non xoguen algún partido no Otero Pedrayo, por exemplo. E, agora, guindados, lanzados xa estes sentimentos meus no papel, a vergonza xa non é tanta, polo que sei que o saudarei como se xa fora un amigo desde o ano da polca ou desde o tempo dos mouros.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES