Sin palabras
Santalla, Iago - miércoles, 21 de febrero de 2018
Hai unha nova serie en FOX titulada Sin palabras. Conta o día a día dunha familia que ten un membro con diversidade funcional. Faino dende a comedia, dende a naturalización da vida e reproducindo esceas plenamente cotiás. O núcleo familiar componse de tres irmáns, os pais e o asistente persoal que dalgunha maneira está presente no desenvolvemento da vida.
A historia toma forma en esceas que se producen na vida de calquera persoa e trata de desenvolvelas sen ningún tipo de condescendencia, o que lle imprime un grao de veracidade que non é frecuente cando o audiovisual trata o tema da diversidade funcional. No cotiá sempre está a verdade, non imos dicir obxectiva pero si unha verdade que nos permite acceder á persoa en plenitude.
Esta é unha familia loitadora que se enfronta a ventos e mareas. É fácil sentirse identificado coas personaxes mesmo ver nalgunha delas a amigos ou amigas cun forte carácter loitador. A medida que unha visión se afasta da condescendencia para dar paso á realidade desenvólvese toda unha pedagoxía da naturalización na que a vida simplemente empeza a funcionar.
Sin palabras amósanos unha familia feliz que sabe vivir vencendo os límites vencibles e aceptando aqueles insalvables. Neste marco, hai espazo para o humor, un humor que fuxe dos dramas para xestar ledicias. Na medida de que esta visión familiar se traslade á sociedade, as familias non se verán obrigadas a vivir vencendo límites, simplemente vivirán facendo un futuro a medida dos soños como calquera persoa ou calquera familia embarcada nun proxecto vital.
Sin palabras ten que ser unha fonte de inspiración para unha sociedade que se salve a sí mesma fuxindo da exclusión para fundirse nunha aperta coa súa propia diversidade.

Santalla, Iago
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora