Estes días dun febreiriño curto, xélido e nivoso, tráenos ao recordo o pasamento de Carlos Casanova o pasado día tres do corrente, facendo xa uns trece anos da súa ausencia que quero conmemorar coa lectura da súa

primeira obra, o poemario titulado Hamlet y otros poemas, publicado no ano 1985 polas sempre gratificantes e luguesas Ediciones Celta.
Neste poemario, Carlos Casanova ten unha poesía referida ás pequenas cousas, ás cousas simples, ordinarias non no sentido pexorativo- ou correntes: o chineiro, a sopa quente, os tallaríns, o bote vermello, o mantel verde ou rosa, os caixóns, a mesiña de noite, a cortina, o estante, as colchas, as lámpadas... como el nos di no poema Hamlet revisten la gran importancia de su vulgaridad e por iso déixanos entrever a relevancia e o valor das cousas normais, comúns, como as cousas simples da cociña ou do salón, mais estes obxectos sinxelos acadan como unha morte suave, lenta e apreciada que vai saíndo dos seus poemas acompasados como se tivesen unha vida que se vai soltando e caendo a cada instante.
Se cadra o que mellor representa a súa poesía sería quel cadro do reloxo de Dali, que se vai caendo de enriba dunha mesa e o mesmo reloxo engórdase cara a terra nun intento de gravitación imposibel en busca do chan; pois ben, eses momentos captados polo pintor como unha temporalidade que se vai administrando paulatinamente sería a poesía desas pequenas cousas que se van soltando e que nos fan a vida posible e nos engrandecen.
Parece unha poesía feita detrás dun cristal, onde o poeta está vendo o que acontece, sabendo o que ocorre, impasibel, esperando o tempo diluído que acaba coas cousas en silencio, despacio, pero incansabel na súa mansedume.
Carlos Casanova non é o actor, é o demiurgo máxico, o deus visualizador e visionario dun mundo simple, onde a simpleza é a verdade, e onde as cousas sinxelas son as grandes cousas, as poéticas cousas que nos fan reflexionar e reflectir un tempo pasado ou un tempo intemporal, sempre ... esperando.
Grazas Carlos, por estas apreciacións do natural e polos sentimentos que lles fas desprender.
P.D.- Aínda que a palabra cousa é un verba omnibus que non debemos empregar, penso que é a palabra máis axeitada neste caso dada a súa amplitude semántica.