Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Na lembranza de Ricardo Couto, traballador infatigable dos silencios

lunes, 19 de febrero de 2018
Moitas veces é cuestión de sentirse afortunado, celebrar a vida por ter coñecido a esa persoa que traballou tanto e nos facilitou a nosa estancia, que fixo tanto polos demais e, por riba, en silencio.

Así viviu toda a vida de setenta e moitos anos, silandeiro e traballando. Era o amigo que estaba presto para calquera esforzo, para botar a man naquel problema que viña a condicionarnos a nós. Facíao seu, ata xuntos resolvelo.

Estaba sempre aí, disposto e despois marchaba aos seus mesteres. Traballou moitos anos en Lalín, por Latinoamérica, volveu a Lugo, na radio, onde exerceu de puntualísimo e disciplinado relator dos tempos e dos afectos. Despois, por ser un bo escritor, dedicouse máis á escrita e foi, co tempo, director de El Ideal Gallego.

Daquelas marchou para A Coruña, tamén botou alí uns anos, ata que regresou ao seu Lalín. Nos territorios do Deza estaba o seu curro orixinal e quixo regresar, axudar nun enorme labor potenciador daqueles eidos no ámbito empresarial e de deseño de porvir. Volveu, tamén, para asesorar aos políticos do Concello cando a expansión enorme daquela comarca.

O día 15 deste febreiro marchou de novo en silencio, a penas sen facer ruído, sen provocar sequera á luz para facer sombra. Onte, día 16 no seu Lalín enterramos a Ricardo Couto, o noso amigo desde a noite dos tempos.

Estaba D. Xesús Mato, o seu mestre e condutor, estaba Xulio Xiz, compañeiro nos eidos de Lugo e na radio e unha morea de xente enorme que, baixo a choiva miúda, quíxoo acompañar á terra onde naceu, onde por fin descansará. Aquel que trazou milleiros de cores polo espazo para que os demais non quedaramos coa imaxe pálida dos grises, da palidez dos brancos, dos negros da represión e os medos, nos tempos daquela tristura en soidades, alí estaba el, na derradeira viaxe camiño da nostalxia.

Todo será distinto e moito máis triste sen el, pero aínda teceremos fíos de lúas en calquera momento, en calquera lúa de agosto, entre soños, nas albas luminosas dos amenceres para beber canda el, na nosa memoria agradecida, brillos de luz e de cores.
Iglesias, Baldomero
Iglesias, Baldomero


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES