Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Aldaolado ou o Cabaret Lírico

viernes, 16 de febrero de 2018
Testemuñas da Memoria
Aldaolado ou o Cabaret Lírico

O normal é que os poetas reciten versos e os cantantes canten ou toquen música. O dúo feminino Aldaolado recitan temas musicais e musicalizan fermosos poemas. Dunha maneira ou doutra, fano estupendamente. Aldaolado ou o Cabaret Lírico Presenciei a súa actuación o xoves, 17 de agosto, no parque da Solaina da Valenzá e xa no primeiro tema me engancharon de tal maneira que axiña sentei na herba do parque para escoitalas a gusto. Logo, ó final, cando as quixen coñecer persoalmente e cando elas souberon case ó momento de que era de Baños de Molgas (gozo puclicitando a miña vila), confesáronme que actuaran alí o ano pasado. Aínda lembraban os parques Ansuíña e As Mestras. Como comprenderedes, foi dicirme isto e confesarlles que acababan de entrar neste Testemuñas da Memoria.

Desde o primeiro momento imaxinaba un recital en plan serio, porque, a ver!, a poesía sempre tivo fama de seria, de sentimental e ata de carraxe ou de protesta. Poida que sexa así… ata que chegaron Aldaolado. Porque non soportan a idea dun poeta aburrindo ó público cos seus textos. Lucía Aldao dicíalle á súa amiga María Lado, cando se coñeceron, que lle gustaba moito recitar pero que en moitas actuacións aburríase como unha ostra e que non sabía como cambiar iso. “A ver, Lucía, ti e máis eu que sabemos facer ben?”. Esta mirouna estrañada e díxolle cun medio sorriso na cara: “Ir de festa, non si?”. “Pois iso! Daquela temos que facer do recital unha festa!”. “Que caralluda es, María! Onde estea un cubata que se quite un soneto!”. E con esta marabillosa frase naceu o seu primeiro gran espectáculo.

Como testemuña da súa actuación na Valenzá confeso que é un auténtico espectáculo velas en escena. A verborrea de María, as súas laretadas fante rir aínda que non teñas ganas. Claro que, ás veces, ata me compadecía un chisquiño de Lucía porque á súa compañeira e amiga non lle deixaba meter baza. Non obstante, vese e nótase ás leguas que se compaxinan moi ben. Normal, levan xa 15 anos xuntas e 12 cando inventaron un formato de lectura (“o aldaolado”) no que cantan as súas cancións favoritas, contan historias abondo simpáticas que teñen que ver cos seus poemas, a literatura ou a súa azarosa, aventurada vida de escritoras. Tamén lle propoñen ó público que se convertan en autores dadaístas a través de divertidos xogos. Como elas mesmas din: “o que faga falta para que o respectable asista a unha velada chea de poesía, emoción e divertimento”. Prometo que divirten. Cos seus poemas cantados e coas súas cancións recitadas.

Lucía Aldao e María Lado coincidiron por primeira vez no mes de novembro de 2002 nun congreso da Asociación de Escritores que se celebraba en Mondoñedo, xusto o mesmo día no que o Prestige seica deixaba escapar os “hilillos” de Mariano Rajoy nas costas galegas. Menos mal que para este dúo o encontro non foi unha desgraza, un afundimento, senón que aboiaron marabillosamente para as xentes que amamos a poesía e a música.

Empezaron con vídeopoemas e con actuacións que lles custaban os ollos da cara e que eran “un cristo de carallo”, en clara referencia ós aparellos que había que instalar escenario tras escenario e que, moitas veces, lles fallaban. Así é que pouquiño a pouco decidiron cargar só cos seus poemas, unha guitarra e moitas risas. Suficientes para facer gozar ó público. Os lugares das súas actuacións tamén teñen o seu aquel; desde igrexas ata muíños, desde parques de bombeiros ata barcos, pasando por vodas e bautizos, museos e institutos, cafés e casas de cultura… ata o Luar.

María Lado naceu no taxi número 124 de Cee a noite do 14 de abril de 1979 camiño de Compostela. Como de neniña quería ser Agatha Christie, pensou que escribindo ó mellor conseguíao. E niso anda, aínda que o que máis escribe é poesía. Con esta iniciouse entre as xentes do Batallón Literario da Costa da Morte, onde participou das tres antoloxías poéticas editadas do colectivo. Publicou xa varios libros individuais, un conto para nenos e a novela “Entre os dous hai un río”. Conta con numerosas colaboracións en volumes colectivos de diversa índole. Os seus textos xa se publicaron ó castelán, catalán, portugués, ruso, croata e irlandés; aí é nada!. É guionista de radionovelas, dirixiu versións teatrais de contos e en ocasións convértese en actriz. Unha todoterreo.

Lucía Aldao naceu no mítico barrio dos Mallos, na Coruña, en 1982, e empezou a recitar por todos os lugares habidos e por haber á idade de 16 anos e baixo a tutela desa marabilla chamada Yolanda Castaño. A súa obra aparece en diferentes publicacións periódicas, así como en varias antoloxías. No 2005, publica o volume “Un ducia (máis un)”, acompañando os poemas con fotos do arquitecto Luis Muñoz. Colabora en programas de radio e televisión. Como cantante leva desde o 2004 ofrecendo concertos por toda Galicia e nos escenarios máis variados. Logo, iso si, tamén ten que aguantar as bromas de María. As dúas ofrecen un cabaré lírico de auténtico prestixio.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES