Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Anxo Lamas, marchounos na nevarada

Otero Canto, Xosé - miércoles, 14 de febrero de 2018
Amigo Anxo, xa estás entre as ás dos teus paxaros, os teus namorados, no ámbito das outras extensións chairegas, mais deixaches o teu canto de primavera e de eternidade nestoutra Chaira largacía, nos teus debuxos, lenzos, esculturas e nas táboas recuperadas dun lume antigo onde as paisaxes escríbense en cores e en ventos de recordos, tamén se escriben na túa vida de setembros apenados, onde a gadoupa da morte levara a túa nai, o teu tesouro, e quedaras cos teus chifres de ameneiro, as túas árbores e o teu silencio.

Cando a Parca vén recuperar a infancia, márchasnos nesta aperta de febreiro coa esperanza de abrazarte a ela, vela e acariñala como corresponde a un fillo orfo que arela a chegada deste instante.

Caro Anxo, para facer solemnidade do teu nome, vástenos entre a brancura imposibel da neve que nos vén visitar estes días co firme propósito de levarte canda ela, e ti, namorado da sua beleza cándida e anxelical non fuches capaz de deixar os seus arrolos de home apaixoado, o seu frío sólido e os seus mantos de armiño arroupáronte de soños e de procuras e fundícheste con ela nunha aperta de eternidade no mundo das cousas, para acceder ao mundo das ideas platonianas, pero sempre entre a beleza que procuraches ao longo da túa vida, e fixéchela tamén extensión como paisaxe da túa viaxe última, que, ben seguro, no espazo que che levou o tránsito, aprovisionácheste dunha morraleta coas cores e cos pinceis e trazaches bosquexos de instantes acariñados por un branco fértil que daban renda solta á creación e aos teus pensamentos de paisaxe pura e inmaculada, mais na que o teu franciscanismo recolleito no Seminario de Mondoñedo che iría facendo ver tamén como entre a candidez da nevarada quedan esas pequenas cousas que son como folerpas mainas, que irían branqueando os teus ánimos para fundirte na extensión do branco e na luz coa perpetuidade.

Velaí o noso Anxo.
Otero Canto, Xosé
Otero Canto, Xosé


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICIDAD
HOMENAXES EGERIA
PUBLICACIONES