Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Traizón, incongruencia, falacias...

viernes, 09 de febrero de 2018
Descoñecer que cada clase de realidades esixe a súa propia razón equivale a abrir as portas á traizón, á incongruencia, ás falacias, etc., empregándoa inadecuadamente. Penso que o mesmo metafísico Xavier Zubiri apunta nesta dirección cando nos advirte do erro da identificación do natural exclusivamente co elemental.

Considerar, por exemplo, que un átomo é máis natural que a complexidade dun obxecto con millóns de átomos; que o home, na súa constitución biolóxica única, é máis natural que o corpo social do que forma parte, esquecendo que a realidade persoal, modelada para desempeñar o seu rol social, exerce un certo control sobre as tendencias e instintos biolóxicos para manter o nexo que lle esixe a súa dimensión social, cos semellantes, leva a toda clase de condutas aberrantes e irrisorias.

O filósofo vasco sostén que o nexo entre os homes, na sociedade, non é algo PRIMARIO, senón CONSECUTIVO á unión biolóxica entre eles; pero é natural, e exprésao afirmando o seguinte, traducido ao galego: “O que queda claro é que o carácter formal e primario, radical, do fenómeno do nexo entre os homes non é unha UNIÓN senón unha UNIDADE PERFECTAMENTE NATURAL”. (Resáltoo con maiúsculas).

Penso, por conseguinte, que atentar contra esta unidade, é dicir, contra o corpo social, equivale a traizoarnos a nosoutros mesmos no desenrolo da nosa dimensión social, marxinando nada menos que todo un sistema de propiedades solidarias, en tanto que POSIBILIDADES, ignorando que é un sistema estabilizado mediante o cal se producen as reaccións e respostas adecuadas e correspondentes ás mesmas, cuxa garantía esixe comportamentos morais e, no seu caso, medios xurídicos para depurar as responsabilidades dos elementos humanos constitutivos do nexo social e das distintas clases institucionais derivadas.

Escuso dicir que o home, dende esa condición social, trata de converter esas POSIBILIDADES en REALIDADES; pero non só no ámbito social, senón que, tamén, e principalmente, abre vías de acceso ao coñecemento doutras realidades de carácter estritamente físico, e hoxe en día investigando nunha realidade supra–obxectiva, que se manifesta en todo o obxectivado, e que esixe un cambio nos paradigmas epistemolóxicos clásicos, como é o caso, por exemplo, da realidade cuántica, onde está esvaecida a dualidade suxeito / obxecto. (Reparen no Indeterminismo de Heinsenberg).

A necesidade destes cambios paradigmáticos tivo un lugar destacado na Escola de Francfort. Os membros desta Escola tiveron moi en conta a coñecida como RACIONALIDADE TELEOLÓXICA (Zweckrationalität), que Javier Muguerza explica así, en tradución ao galego: “Por racionalidade teleolóxica, á que sería máis apropiado cualificar de ´mesolóxica`, enténdese aquel uso da razón no que esta se aplica á determinación dos medios máis eficaces para a consecución dos fins perseguidos por un axente dado”. Este mesmo filósofo fai alusión a Max Weber, que se ocupou de constatar a implantación desta razón na vida social moderna, sobre todo no ámbito científico e técnico, con invasión da actividade económica e a organización burocrática da sociedade.

Pero Max Weber, aínda que considera que esta racionalidade descarga o pensamento humano de supersticións, prexuízos e erros, DUBIDA de que con ela se puidera acadar un progreso moral, porque só persegue fins que son medios para outros (económicos); pero non se ocupa dos fins últimos ou valores (que dignifican), é dicir, queda fora unha necesaria RACIONALIDADE VALORATIVA (Wertrationalität).

Xurde, pois, a necesidade doutra racionalidade non estritamente teleolóxica, para dar solución aos problemas morais, e xurídicos, da que se fai eco Habermas, introducindo a RACIONALIDADE COMUNICATIVA, con base na súa teoría da linguaxe.

Fago estas referencias, non para remansar teoricamente nelas, senón só para documentar e resaltar aquí a NECESIDADE de contar con esta diversidade de racionalidades, a fin de evitar as incongruencias e falacias que se producen na aplicación pouco coidadosa da razón ás distintas modalidades da realidade, sen excluír o USO INCORRECTO DAS FORMALIDADES DOS RACIOCINIOS E RAZOAMENTOS, nin o empeño en apresurarse a obter conclusións que concorden coas nosas actitudes, aínda cando sexan manifestamente incorrectos. Hai abundantes exemplos nos eventos cataláns.

E xa que viñemos caer nestes frecuentados eventos, prégolles a vostedes que me concedan unha pouca de benevolencia, para, considerando o exposto máis arriba, non desaproveitar a ocasión de incidir na temática farto aburrida do separatismo catalán, que non só nos regala chuscos exemplos de descarada e vergoñenta irresponsabilidade, senón tamén un exemplo de teimosía salpicado de traizóns, incongruencias e falacias.

Porque, cando menos, a TRANSMUTACIÓN que adoitan facer, algúns independentistas, proxectando a súa individualidade biolóxica na modalidade que lles impón a condición de membros da UNIDADE do nexo social (como moi ben se evidencia en certas actuacións parlamentarias e outras intervencións públicas) lévaos a incorrer no erro ao que se refire Zubiri; e traizoando non só a UNIDADE do nexo social, senón tamén desconsiderando a súa dimensión social en canto tales realidades persoais, aldraxan a propia dignidade persoal, e activan o motor de toda clase de incongruencias e falacias, seguidos servilmente por aqueles que non razoan de forma autónoma.

Pero resta dicir algo que, con toda modestia, paréceme relevante. Os independentistas gozan cubrindo falazmente a España de insultos, e semellan ignorar que eles pertencen á SOBERANÍA desta Nación, a ese nexo do pobo organizado, do que emanan “todas as manifestacións do poder”, que traducido aos termos que estamos usando aquí, poderíamos afirmar que a “transmutación”, á que fixemos referencia, é unha incongruente funcionalidade infiel ao pobo español, a esa “unidade perfectamente natural”, que non é PRIMARIA, senón CONSECUTIVA –aplicando analoxicamente o criterio zubiriano– á UNIDADE HISTÓRICA DOS TERRITORIOS ESPAÑOIS, que a fundamenta.

Polo tanto, quen racha esta “unidade territorial”, atribuíndose un poder soberano que non ostenta, avalado por unhas maiorías dun Parlamento, con competencias “consecutivas” á soberanía española, da que el mesmo forma parte, evidénciase traidor a si mesmo e ao Estado Español, e incorre nunha ilegalidade e nunha ilexitimidade que vician calquera intento de xustificación, arrastrándoo a caer nas máis puerís incongruencias e a artellar razoamentos non concluíntes por falaces, e, a veces, fundamentados en premisas mendaces.

Acaso non sabían os independentistas que se presentaban a unhas eleccións AUTONÓMICAS, NON AS DESE ESPERPENTO DE REPÚBLICA?. A que veñen, entón, todas esas ocorrencias coas que se despachan a diario?. Pode caerse en maior grao de estupidez, con eses estraños comportamentos de signo atrabiliario, incluso solicitando unha impunidade que luxa a honorabilidade e ridiculiza as actitudes, e fai dubidar das aptitudes, de quen o fai.
Rubal, Pedro
Rubal, Pedro


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES