Débedas problemáticas
Editorial - martes, 21 de agosto de 2007
En tempos, particulares podentes proveían a intereses moi rendibles dos fondos que precisaban os máis humildes para progresar ou sobrevivir.
Os bancos e entidades de creto teñen na actualidade a práctica exclusiva desta función, constituíndo un elemento imprescindible de progreso ó permitir investimentos que doutro xeito sería imposible afrontar.
Bancos e entidades de creto son así elementos poderosísimos da nosa sociedade, porque das súas decisións depende o rumbo que tomen as empresas e polo tanto a economía. E establecése simultaneamente unha relación de dependencia entre debedores e acreedores, de xeito que unha débeda bancaria é moito máis ca unha pura operación comercial onde alguén vende diñeiro que outro merca, ou alguén aluga diñeiro polo que o alugado pagará o xuro que se estableza.
Pero cando o debedor é un partido político, a relación especial existente entrámbalas dúas partes refórzase nesa especialidade.
Os partidos políticos de Galicia adebedan ás dúas primeiras Caixas do país cantidades que nos parecen moi importantes: 672.000 o PP, 962.000 o Psoe e 2.700.000 o Bng. A mesma situación, con moi diversos importes, rexistran concellos e deputacións provinciais.
Cabe supoñer que esta situación non inflúe nas decisións que os políticos teñen que tomar sobre as entidades de aforro e o seu funcionamento, e que os políticos que forman parte dos consellos das caixas teñen mans libres para decididir. Seguro que non inflúe, porque o negocio é o negocio, pero estas débedas parécennos problemáticas para o diario funcionamento das institucións do país.

Editorial
Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los
autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora