Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A música ten máis valor que os euros

viernes, 09 de febrero de 2018
Contábao Paloma, luguesa que dedicou as vacacións a ensinar clarinete nos barrios duros de Costa Rica: Teñen paixón pola música, son como esponxas aprendendo. Non queren recreos, só tocar, ensaiar, traballar. A música é ferramenta de cambio social, fermosa porta para escapar da pobreza'.

En Cateura, o maior vertedoiro de Paraguai atopan violíns no lixo: uns poucos cartos para investir en música, espazo cultural liberador. Rapaces ameazados pola droga, violencia sexual, analfabetismo, pandillas: montañas de lixo. Aporta a materia prima para fabricar violíns, guitarras e saxos. Aprenden que non ter nada non é escusa para non facer nada. A Orquestra de Instrumentos Reciclados de Cateura viaxa polo mundo enteiro mostrando o que define a toda orquestra: traballo duro en equipo. A música está a cambiar as súas vidas, as das familias e comunidades. Velaí o seu agasallo: transformar o lixo en valores, beleza. En música.

Les que no exquisito mundo do Palau en Barcelona, a música alimentaba a depredadores, pagaba a boda da filla de, e financiaba campañas de partidos turbios. O fastoso salón asistía á traición da música que nos fai mellores, linguaxe universal que dignifica.

Veñes de ler, xusto agora, que no barrio deprimido de La Vera en Gran Canaria, constrúen con violíns soños no cerebro dos nenos. Teñen entre 3 e 16 años e queren ser músicos. Senten felicidade e inmensas ganas de aprender cada vez que o arco acariña as cordas. Están a construír un fermoso soño: amar o violín, divertirse tocando e rescatalos dos problemas dos pais. Aprender música éche moito máis que música: unha orquestra é algo compartido, pertence a todos. Nun país de becarios o soño do barrio tinerfeño só é posible con voluntarios. Cun escaso amor pola música as autoridades non poden entender que 'unha partitura chea de formigas' ou semicorcheas, poida facer tan feliz a un neno. Os instrumentos van chegando a través de axudas de USA, Alemaña, Arxentina, tamén España. Os violíns, clarinetes, contrabaixos teñen moitas dificultades para entender os boletíns oficiais e onde os esforzos persoais nunca chegan tan lonxe como as inextricables redes clientelares. Por iso, un voluntario conta que 'pouco hai que facer mentres a cultura do país dependa dunha calculadora'. Un pobo culto e preparado é aposta a longo prazo, sementeira de cariño, coidados precisos, colleita que leva anos e pouco ten que ver co curto prazo, o balbordo, o panem et circenses. A danza, as artes, a pintura, a música, os clarinetes de Costa Rica, os saxos de Cateura, os violíns de La Vera en Puerto de la Cruz requiren o cultivo do amor, coidados intelixentes e tempo pausado. Boa inversión de futuro: a fin de contas, a música ten máis valor, moitísimo máis valor que os euros.
Pinto Antón, J.A.
Pinto Antón, J.A.


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
Deputación de Ourense
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania