Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

ISGA Collective, máis alá da música folk

viernes, 09 de febrero de 2018
Testemuñas da memoria:
ISGA Collective, máis alá da música folk

Dúas tardes seguidas sulfatando non dan para moitas alegrías, pero aínda así, cando volviamos para a casa a segunda tarde, a do 3 de agosto, díxenlle á muller que me deixase ante o parque da Solaina da Valenzá, porque ás nove da noite actuaban alí ISGA Collective. Como non os coñecía de nada e como me imaxinaba algo así como música roqueira (quizais polo nome do grupo), pensei que pouco aguantaría e que axiña trataría de que a miña canseira se estomballase no sofá da casa vendo unha película. O meu espírito non estaba para festas. Non obstante, foi oír a primeira canción e... quieto parado!; isto semella que empezan a ser palabras maiores. Aquilo non era rock. Aquilo semellaba música seria, moi seria e moi ben feita.
ISGA Collective, máis alá da música folk
E tan pronto como vin no grupo a dous compoñentes coñecidos (Isaac Garabatos e David Outumuro), souben ó instante que alí había moito material e moi bo. Porque a eses dous artistiñas xa os vira actuar con Xardín Desordenado, ós que, como non, lles fixera unha reportaxe no mes de novembro, vai xa para un ano. Despois aínda os vería outra vez máis, o que demostra a súa categoría.

Pois ben, eses dous compoñentes ou artistiñas participaban tamén neste ISGA Collective, que nos descobre unha música das máis atractivas e orixinais da escena galega. Aínda que semellan temas de corte intimista, sorprenden pola súa vitalidade e frescura, amosando unha Galicia que vai máis alá do típico folclore, unha Galicia moderna e bastante actual, chea de jazz, de post rock, minimalista ou incluso oriental.

O grupo ISGA Collective formouno o propio Isaac Garabatos polos anos 2004-2005 cando, por encargo da compañía Druída Danza (na que habitualmente traballa de compositor) lle pediron algo con aderezos galegos. Como quen non quere a cousa, compuxo “A Redeira”, na que conxuga a súa música absolutamente contemporánea coas cantigas de Martín Códax do século XIII. As críticas foron tan boas que non lles quedou outra que dar a coñecer o seu traballo polos escenarios de medio mundo; desde Liverpool a Múnich e de Edimburgo a Frankfurt. Entre uns e outros lugares estranxeiros metíanse polo medio escenarios do noso país nacional e autonómico.

Axiña lle meteron o dente ó seu segundo álbum, “Etheria”, un traballo se cabe máis orgánico que o anterior e onde seguen coa súa investigación na mestura de diferentes correntes musicais e dándolle tal sabor galego que confirma ó grupo como unha nova e fermosa xoia da nova música galega. Por certo, a maiores dos sete músicos de ISGA Collective, aportaron o seu talento na gravación deste disco a violinista e cantante Patricia Moon, o pianista Xavier Bertolo, a chelista Susana Blanco e o técnico de son Tino Álvarez.

O día que ISaac GArabatos me mandou unhas letras para esta reportaxe, fíxoo de tal maneira que captei o nome do grupo, o de ISGA. Ah, que pillo! Falar aquí dos sete compoñentes sería o conto de nunca acabar e o espazo, xa se ve, é o que é. Por exemplo, vénseme de súpeto á cabeza a cantante Mónica de Nut, e creo que ela soa enchería moi perfectamente outro Testemuñas (que todo pode ser); pola súa voz tan portentosa que ese día, na Valenzá, deixoume máis que abraiado. Canta ópera, jazz, música experimental e participa en montaxes operísticas e teatrais. Nunha ópera actúa con Luís Tosar.

Cecilia Martínez toca o violín. Naceu en Ourense no 1981, pero desde moi cativa tivo que marchar para Vigo. Profesora do Corpo de Educación Secundaria na especialidade de música desde o ano 2008 e profesora de artes escénicas na especialidade de linguaxe musical desde este 2017. Participou como instrumentista en agrupacións como Druadán e Roi Casal, así como formacións de pop e rock como Portrait e MCarballo Band e en formacións clásicas como a Orquesta Clásica de Vigo.

Jesús Andrés Tejada participa no grupo coa guitarra eléctrica e o ukelele. Deseñador gráfico, músico e videocreador. Pasou polos grupos Patricia Moon, Los Deuteronistas, Los Suizos, Gloomy House, Indo Palo, Lassa, etc...

Jean Marc van Loo toca o baixo eléctrico, instrumento que manexa desde os 16 anos. Naceu en Holanda pero vive en Vigo desde 1999. Ten 44 anos e a súa formación musical foi autodidacta ata que realizou un curso intensivo dun ano nos Ánxeles.

Lorena Freijeiro é a que lle dá á gaita e ás frautas. Tamén de Vigo. Titulada superior na especialidade de instrumentos de música tradicional e popular galega polo Conservatorio de Vigo. Empezou a súa andaina musical en 1990 na Escola de Gaitas de Coruxo (Vigo). Recibiu clases de gaita do gran Carlos Núñez. Chegou a colaborar con Rosa López, Rosa Cedrón e Hevia. Profesora do Conservatorio Profesional de Ourense. E tocou con The Chieftains e o propio Carlos Núñez. Palabras maiores.

Deixo fóra (querendo e por falta de espazo) a Garabatos e David Outumuro porque deles xa falara na citada reportaxe sobre Xardín Desordenado. Así é que remato: ISGA Collective, do mellorciño que teño escoitado en anos.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES