Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Adeus a Anxo Lamas Muinelo

lunes, 05 de febrero de 2018
Cando a parroquia de Bazar, a través do seu Centro cultural, quixo honrar a veciños destacados da parroquia, comezou polo seu máis coñecido artista, e nomeou –no 2009- a Anxo Lamas Muinelo “Veciño de honra”. Especial veciño de Bazar.
Adeus a Anxo Lamas Muinelo
Para todos os que o coñecimos, era un entrañable amigo, entregado, xeneroso, sensible e forte; deixaba sempre moi claro que a capital do seu mundo era Castro de Rei, e que en Bazar radicaba un dos puntos máis sensibles desta terra na que naceu e á que volveu para reforzar raíces, e coller forza para espallar a súa arte polo mundo. Porque Anxo naceu artista –pintura, escultura, poesía…- e sábese que xa aos cinco anos, modelaba en barro figuras de pitiños que súa nai cocía no forno cando facía o pan…

A vida levouno fóra de Bazar, desaparecidos moi axiña seus país, primeiro ao Seminario, logo ao Instituto de Lugo onde quizais por afinidade artística, foi amigo do músico e escritor Baldomero Iglesias Dobarrio e do poeta de Ponte Outeiro Xosé Otero Canto. Logo, emigración en Francia… despois a Catalunya onde coñeceu a Dalí e se empapou da súa arte. E, por fin, a Bazar, principio e fin de todas as súas cousas.

E en Bazar, Arte con maiúsculas, e o seu taller sería (que o é) proba de intensa/extensa obra, se non souberamos que polo mundo adiante teñen vida propia máis de 10.000 obras de Anxo, moitas vendidas, moitísimas regaladas, que era xeneroso en extremo e os amigos tiñamos que decirlle que xa estaba ben de ser agasallados por el dun xeito garimoso interminable.

Anxo tiña a especial virtude de dar vida. A arte, de por sí, insufla vida especial aos materias que a soportan. Pero Anxo sabía que a madeira da nosa terra non debía morrer comida polo lume ou pola intemperie, e adicouse a rescatar vellas madeiras de cangos, portas ou fiestras e salvalas da morte anunciada, e facelas soporte e esencia de pezas agora inmortais a circular polo mundo como mensaxe de ecoloxía, de natureza e de paz.

Nestas taboas Anxo honrou a persoeiros destacados de Castro de Rei e da Terra Chá, a escritores e artistas, e fixo doazón especial de obras a Xermolos e a Irmandade Manuel María, para mellor honrar á Chaira e aos Chairegos, taboas que no seu día han honrar a Casa do poeta Díaz Castro.

Despedimos hoxe a un artista, un amigo, un loitador… Sabíase invadido por unha enfermidade irreversible (despedímolo precisamente o Día contra o Cancro), pero loitou con todas as súas forzas, co resultado de pequenas victorias cotiáns, que lle foron permitindo remontar moitas veces o curso do río da vida que (como dixo Jorge Manrique), chegou ao mar para xa nunca mais morrer.

Descanse en paz o amigo loitador Anxo Lamas, sempre na nosa lembranza, con obras espalladas por todo mundo, con impacto en todos os que o coñecemos. Valuro senlleiro, chairego imperecedeiro, galego de vocación e de exercizo, Veciño de honra de Bazar. Ata vernos, Anxo!.
Xiz, Xulio
Xiz, Xulio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES