Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A devoción popular ao S. Adrián (3)

miércoles, 07 de febrero de 2018
IV. Análise sobre os diferentes santuarios adicados ó San Adrián

1. O San Adriano de Bretoña (A Pastoriza)

O recinto sagrado está situado na aldea de Fitoiro, parroquia de Sta. María de Bretoña, pertencente dende o punto de vista eclesiástico ao arciprestado de Bretoña e á diócese de Mondoñedo-O Ferrol e, dende o civil, ao concello de A Pastoriza e, xa que logo, á provincia de Lugo.

1.1. Trazos artísticos
A construcción do santuario data do ano 1917, aínda que xa existía referencia documental deste santuario no ano 1749. En visita pastoral dese ano ordéouse ao seu dono D. Manuel de Puga que realizase varios arranxos na capela, sendo multado en 1750 por non cumprir coa devandita orde. No ano 1801, mándouse reedificar a capela por encontrarse nun deplorable estado de conservación. En 1912, os veciños de Afoz e Fitoiro (Bretoña) solicitaron licencia ao bispo de Mondoñedo para cambiar a capela ao lugar coñecido como “campo de Abelleira”. Un ano despois o bispo concedeulles a correspondente autorización para trasladala e bendicila. Actualmente érguese unha cruz de pedra baixo un cobertizo no coto de Afoz, en lembranza do lugar orixinario da capela.

A capela, de planta rectangular, posue un pórtico de entrada; os seus muros son de cachotería; e a cuberta, de dúas augas, é de pizarra. Na parte superior do lado dereito do pórtico hai unha placa de mármore, que amosa unha inscrición na que se lee:
“Esta capilla con todos sus enseres / fueron costeados los gastos de ella / por cuenta de D. Domingo Mourelle / D. Jesús Mourelle y D. Ricardo Gordás / con la ayuda de los vecinos del barrio / de Fitoiro y Afoz que portearon los materiales / bajo la administración de D. José Iglesias / Año 1917”.

No seu interior, consérvanse as tallas do Santo Estevo, San Adriano e á Virxe do Carme. Antano os seus titulares eran Santo Estevo e San Lorenzo, que se trocaron polo San Adriano debido á prevalencia do seu culto sobre os outros dous Santos.

Esta capela foi reparada a finais da década dos oitenta, levandose a cabo varios arranxos nas paredes, pavimento, ventás e interior. Asi, Xurxo Pena, axudado polos seus veciños, deu cemento e cales ás paredes laterais da capela debido ao seu deterioro. Asi mesmo, Eduardo Iglesias de Afoz construíu por devoción as ventás e Gonzalo de Seselle restaurou o altar, a Virxe do Carme, e o San Adrián. Hai dous anos, o escultor de Bretoña, Villapol, construiu unha imaxe pequena do San Adrián coa que se leva a cabo o ritual de “poñer o santo”.

1.2. Piedade Popular
A festividade do San Adriano conmemórase o cuarto sábado e domingo do mes de xuño. Acoden fieis dos concellos de A Pastoriza, Castro de Rei, Cospeito, Meira e Riotorto. Deste último concello, veñen tódolos anos un grupo importante de devotos procedentes da parroquia de Orrea (Riotorto).

Os pedimentos máis usuais ó santo fan alusión as doenzas ligadas coa pel, vultos, osos e bocio.

Así mesmo, os fieis que acoden con pedimentos, ou para dar grazas no caso de que fosen concedidos, cumpren cunha serie de promesas.

Así, ao chegaren ao recinto sagrado, levan a cabo o “ritual de circunvalación”, consistente en dar unha ou máis voltas ao redor da capela de pé, portando nas súas mans unha imaxe pequena do santo. Logo realizan no interior do santuario dous rituais de contacto coa imaxe do santo, a saber, o de “poñer o santo” e o do “coitelo do San Adrián”. O de “poñer o santo” consiste en que un fregués do lugar de Fitoiro, chamado Xurxo Pena Seco, realiza unha cruz por riba da cabeza dos devotos cunha pequena imaxe do santo. Os devotos bican a imaxe e deixan unha esmola nunha boeta, mentres o poñente recita a seguinte xaculatoria:

“Cristo vive, Cristo reina,
S. Adriano che dea a sanidad,
e che quite a enfermedad,
polo poder que Dios ten
e a Virxen María. Amén”

Tocante ao coitelo do San Adrián, cómpre dicir que é unha variante do ritual anterior. Antano os devotos tocaban cuns coitelos de madeira a imaxe do santo e logo pásabanos polas súas partes doentes. Pola contra, outros dábanllos ao sancristán para que tocase a imaxe do santo e deste xeito podían pasalos polas súas partes doentes. Este ritual podia realizarse en calquera día do ano, sempre que o sancristán estivese disponible. Na actualidade, os devotos adoitan levar os coitelos para as súas casas onde realizan o ritual habitual. Noutrora os coitelos de madeira realizounos José Lugilde Pena, Germán Lugilde Pena, e Plácido Lugilde Pena; este último facíaos de madeira de loureiro, bendicido o Domingo de Ramos. Hoxe, fannos Xurxo Pena Seco e Eduardo Díaz Pena.

Ás 13,30 horas (o sábado) e as 14 horas (o domingo) os devotos oen a única misa que se celebra no recinto sagrado. Logo participan na procesión que percorre o perímetro da capela. A disposición dos seus elementos é a seguinte:

En primeiro termo, a cruz do recinto sagrado, levada por un fregués do lugar de Fitorio. A continuación, as imaxes do San Adrián, San Estevo e a advocación mariana do Carme, portadas nas andas por devotos da parroquia. Finalmente, vai o crego concelebrante e algúns devotos colocados sen distinción de idadde e sexo.

Noutrora ían devotos ofrecidos por baixo das andas do San Adrián. O trazo característico é que as andas do San Adrián son levadas por mulleres mentres que as da Virxe do Carme por homes..

Finalmente, os devotos ofrecen esmola en metálico que adoitan entregar no intre de “poñer o santo” ou ben no esmoleiro da capela que posúe unha abertura de cara ó exterior. Tamen entregan candeas, flores e velóns que logo permanecen acesos nun lampadario situado o carón do altar.

2. O San Adrián de Goiriz (Vilalba)
O santuario está situado no barrio do Terrío, parroquia de Santiago de Goiriz, pertencente dende o punto de vista eclesiástico ao arciprestado de Vilalba, e a diócese de Mondoñedo-O Ferrol e, dende o civil, ao concello de Vilalba e á provincia de Lugo.

2.1. Peculiaridades Artísticas
O santuario está composto por unha nave cuberta con sinxelo artesoano e unha espadana dun só van. Diante da fachada principal hai un pórtico con catro columnas de pedra e sinxelo enreixado. No muro lateral dereito está encaixado un sartego que ten un burato exterior polo que se introducen esmolas en especie que se recollen dende o interior por outro burato feito no muro.

No presbiterio hai un retábulo renancentista popular que consta de dous corpos:

No primeiro hai unha imaxe barroca do San Pedro; ós lados unha imaxe primitiva do San Adrián, popular, do século XVII, e outro San Adrián, popular tamén, e máis recente. O segundo corpo presenta unha imaxe da Virxe da Inmaculada do século XVII. O retábulo remata cun frontón triangular (3).

No retábulo da capela existe unha inscrición que fai mención ó ano en que se fundou e as persoas que o fixeron. Lese o seguinte: “Esta capilla fundó D. Ramón y Luaces y su mujer Doña Ramona de Montenegro, año de 1685 y este retablo año de 1703”.

Ata ben entrado o século XX a capela pertenceu á “Casa do Rego” de Santadrao. Os seus membros encargáronse de ter conta dela e de comprar os ornamentos sagrados para celebrar os oficios relixiosos.

2.2. Rogativas e promesas
O domingo seguinte á festividade da Ascensión e o 29 de xuño celébranse as festividades do San Adrián e o San Pedro, respectivamente. Hai anos, a festividade do S. Adrián celebrábase o mércores antes da Ascensión.

Nestes días acoden devotos de tódalas parroquias dos arredores e tamén de concellos próximos como Abadín, Begonte, Cospeito, Muras... Veñen suplicantes perante o santo para que lles conceda unha petición ligada con doenzas humanas e animais, mais tamén acoden logo de que o rogo foi atendido. Polo tanto é mester que cumpran cunha serie de promesas:

Así, realizan o “ritual de circunvalación”, que se fundamenta en dar unha ou máis voltas ao redor da capela de pé, portando nas súas mans unha imaxe pequena do santo e figuras de cera, representando a animais; e ao corpo humano, enteiro ou parcial.

Oen unha das misas que se celebran no santuario á maña, ao mediodía, e comezos da tarde. Participan na procesión, acompañando ao San Adrián no seu percorrido ó redor do recinto sacro; ás veces, tamén polo campo da festa.

Levan a cabo os rituais de “poñer o santo” e o “coitelo do San Adrián”. Con respecto ao primeiro ritual, antano “os poñentes” estaban ligados a “Casa do Rego” de San Adrao, que usaban a mesma dinámica que en Fitoiro (Bretoña) mais empregando as seguintes xaculatorias:

“Por tu corazón bendito / San Adriano, vos ilumine con su rostro./
El Señor vos bendiga / e sobre ti vos conceda su favor, / y vos proteja,/
se fije en ti, / y te conceda la paz”/
“San Adrián bendito / che quite a enfermedad,/ e che dea sanidad,/
polo poder que Dios ten / e a Virxen María. Amén”/

En canto “ao coitelo do San Adrián”, noutrora houbo persoas relacionadas coa “Casa do Rego” como Manuel Blanco Lozano, Rosendo Rego Rego, Xosé María Rei Rego, e Xosé Antonio Blanco Teixeiro, que aparte de facer os coitelos, logo pasabanos pola imaxe do San Adrián e dábanllos aos devotos, quenes cumprían co ritual ao igoal que en Fitoiro (Bretoña) (4). Hoxe, xa os propios devotos tocan a imaxe cos coitelos e, logo, pasanos polas partes doentes cunha finalidade sandadora. Hai devotos que seguen co ritual nas suas casas e tamén os hai que realizan o seu propio coitelo de madeira e ben dun xeito directo ou indirecto bendiceno ou mandano bendicir -se eles non poden- para poder facer o ritual. Foi o caso de José Grandío da parroquia vilalbesa de Martiñán que no ano 2016 veu cun “coitelo de madeira” moi personalizado, pasouno polo pescozo da imaxe; logo, pola pía de auga bendita; e finalmente entregoullo á persoa, que lle delegara o ritual.

Ademais, realizan dous rituais específicos deste santuario, a saber, o ritual do sartego e o ritual da fonte.

No exterior, e no lado dereito da capela está encaixado un sartego que ten dous buracos: un deles na parte interior do santuario e o outro na súa parte exterior. É costume depositar neste sartego crinas dos animais ofrecidos, como cabalos, eguas e vacas. Asi mesmo, hai fieis que sacan algunha crina do sartego e lévana canda eles para cadansúa casa como elemento protector da cabana de seu.

Ao sur da capela, a uns douscentos cincuenta metros, hai unha fonte que leva o nome do San Adriano. Nela, realízanse actualmente dúas prácticas rituais:

Por unha banda, algúns devotos lavan cuns panos de mesa e de tea as doenzas ligadas, dun xeito preferente, con garganta, osos e pel, e logo deixanos pendurando por riba dunhas silvas. Tamén adoitan levar botellas de auga para as propias casas coa finalidade de poder continuar co ritual. Ademais había o costume de pedir por si mesmo e por algúns familiares botando miolos de pan na fonte, mentres ían nomeándoos un por un. Segundo Xabier Rego, este ritual segue usándose, aínda que menos que antano. Ademais destes rituais, os devotos ofrecen esmola en metálico, candeas, velóns e figuras de cera, que simbolizan o corpo humano parcial e totalmente, así como a unha serie de animais, como, cabalos, cochos, eguas, vacas, etc...
Tamén, algúns fieis seguen ofrecendo unha serie de productos como unllas, cacheiras, queixos, etc... que ao rematar os oficios relixiosos son poxados por un fregués da parroquia.

Logo, os devotos, tanto en Fitoiro (Bretoña) como en Terrio (Goiriz), denantes de iniciar a marcha para os seus lugares de orixe, percorren o campo da festa para comprar rosquillas e outros productos de tipo lúdico. Ademais, aproveitan esta ocasión para comer o polvo e outras viandas. Pola noitiña veñen os mozos da parroquia e doutras comunidades a divertirse na verbena e contribuir deste xeito a que a festa prosiga ata o mencer.

NOTAS:
1. GARCÍA Y GARCÍA, Antonio.: Historia de Bretoña, Lugo: Deputación Provincial, 2000, páxs. 72-78.
2. RIELO CARBALLO, Nicanor.: Inventario Artístico de Lugo y Provincia. T.I, Madrid: Ministerio de Educación y Ciencia, 1975, páx. 272.
3. SANTOS SAN CRISTÓBAL, Sebastián.: Inventario Artístico de Lugo y Provincia, T.III, Madrid: Ministerio de Cultura, 1980, páx. 211.
4. BLANCO PRADO, J.M.: “A Recuperación da Romaxe do San Adrián de Goiriz, Vilalba (Lugo)”, en Boletín do Museo Provincial de Lugo. T.IX. Lugo, 2000, páx.26-49.
Blanco Prado, José Manuel
Blanco Prado, José Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PROMOCIÓN
PUBLICACIONES
Publicaciones
Publicaciones Amencer
Revista Egap
Obradoiro de Artesania