Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Vilalba: Que doce era a miña vila!

viernes, 02 de febrero de 2018
How green was my valley é para moitos, entre os que me inclúo, un dos mellores films da historia. John Ford adapta maxistralmente a novela de Richard Llewvellyn que narra a idealizada infancia dun Huw Morgan, interpretado cunha marabillosa perplexidade por Roddy McDowall, na pequena localidade galesa de Cwm Rondda, presidida por unha omnipresente mina de carbón que goberna, para ben e para mal, a sinxela vida do pobo.

Os primeiros minutos do filme evocan con morriña e lirismo a vida dunha numerosa familia galesa, un auténtico clan que representa a todos os habitantes do pobo, un grupo relixioso, patriarcal, orgulloso, vitalista, compoñendo un retrato costumista con imaxes como a dos fillos chegando da mina cantando e deixándolle á nai o diñeiro gañado no duro traballo para que ela administre a casa.

Unhas poucas desas moedas gañadas arrincando negro carbón son para o pequeno Huw. Con elas, “ía directamente á tenda da señora Tossel, onde mercaba uns caramelos que duraban horas, ou iso me parece agora. E aínda despois de que desapareceran, se tragaba saliva, seguía a conservar o sabor. Aínda agora o noto despois de tantos anos, e lémbrame todas as cousas boas que xa desapareceron”.

Venme á memoria esta escena ao saber polas redes sociais do falecemento de Mª. Josefa Quintela, Pepita, que rexentou durante anos unha popular tenda de golechadas, e que ven coincidir no tempo co peche doutra mítica tenda vilalbesa, Lambuxos. Se, como dixo Rilke, a verdadeira patria do home é a infancia, para a inmensa maioría dos vilalbeses que vagamos polo mundo a labor da Pepita, da Columba ou de Lambuxes era o equivalente á dun ministerio, o ministerio das gominolas, das pipas, dos vasos de cinco e de dez, das palmeritas de chocolate, das fragolosinas, dos chupas e, en fin, de todo canto acompañou as longas tardes de xogos nas rúas e prazas vilalbesas, de dolce far niente infantil e adolescente en torno aos castiñeiros de indias da Alameda ou nos cinseiros do Cementón. Doces lembranzas que compartimos todos os que fomos nenos naquela Arcadia feliz e que, o mesmo que a Huw, nos lembran todas as cousas boas que xa desapareceron.

A evocación infantil de Huw Morgan vai, paseniñamente, incorporando outros elementos menos líricos. Os recortes salariais, o desemprego e a consecuente emigración que parte en pedazos á idílica familia Morgan, o amor imposible entre a súa irmá Angharad –a belísima Maureen O´Hara- e o predicador, Mr. Gruffydd, salpicada coas murmuracións das veciñas, e a escoura negra que vai invadindo o antano verde val, metáfora da desintegración dunha sociedade que culmina coa morte, na mina e nos brazos do mozo Huw, do patriarca Gwilym Morgan.

Inevitablemente, a nosa lembranza ten que transitar tamén desde o doce ao amargo, a través do desemprego ou a precariedade laboral, da falta de oportunidades, das drogas que arruinaron a vida de tantos, da obrigada emigración e do omnipresente caciquismo que, como escoura negra, foi afogando pouco a pouco o pasado, o presente e, se ninguén o remedia, o futuro.

Se cadra por iso é maior o noso agradecemento a aquelas persoas que, como Pepita ou como Pili de Lambuxos, forman parte dos nosos recordos máis doces e nos lembran todas as cousas boas que desapareceron.
Naseiro, Paulo
Naseiro, Paulo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES