O San Blas
Fernández, Suso - sábado, 03 de febrero de 2018
O día 3 de febreiro, é San Blas; e ten lugar a primeira festa do ano do concello de Foz; celébrase no barrio de Vilaxoane. A ermida, sinxela, pero moi coidada e conservada, dado o interese dos veciños, atópase, en fermoso lugar,no inicio da estrada que da vila leva á basílica de San Martiño.
É dunha nave cuberta ás dúas augas, con arco de trunfo, e capela maior. Nela óllanse as imaxes de San Blas, San Xosé, San Roque e a Virxe co Neno, éstas dúas últimas do século XVIII. Posúe retablo dun corpo, con catro columnas salomónicas, nas que se contempla un Cristo e unha imaxe de San Caetano. As mesmas, según as crónicas, viñeron de Nápoles, e atribuen a construcción da mesma ao Conde de Gimonde, Conselleiro nas Indias a quen, según contan, débese o nome de Vilaxoane a unha filla dos seus devanceiros, chamada Xoana.
A de San Blás é romaría entrañable, á que acude xentío da vila e da bisbarra, pois en boa medida pervive a crenza de que o santo é abogoso das doenzas da gorxa, ao que os crentes se encomendan, ao tempo que se realiza o vello rito de poñer o Santo.
O aspecto lúdico tradicional xira en torno ós bailes que hai moitos anos tiñan por marco a aira de Morán; logo serían no salón da Corredoira (Xoíña), onde se competía co baile da escoba, que se ben non era espectáculo artístico nen estético, era divertido e moi participado.
O tempo desapacible, que en tales datas acostuma, deixou unha referencia histórica: en 1954 o contorno viviu a mais grande nevarada que lembramos; tanto que impidiu que se celebrase a festa, pois a orquestra Ritmo, de Mondoñedo, non díu chegado ó lugar da mesma. Hoxe unha ampla carpa protexe das inclemencias e alí terá lugar, amais dos consabidos bailes, o día dos callos que, co pan de San Blas, son as singularidades gastronómicas da ocasión.
Ogallá que a climatoloxía sexa favorable, e que alguén poida facer a encomenda: Se vas ao San Blas tráeme un Blasiño, que non sexa moi grande nen moi pequeniño
.
A capela de San Blas, coas do Pilar na Espiñeira e a desaparecida de San Xoan, na finca que arrodea o Asilo, pertencían ó Condado de Guimonde, cuxas propiedades que tiña por toda Galicia, foron liquidadas polo Maiordomo, a finais do S. XVIII, ó finar sen descendencia o último Conde e, polo tanto, desmantelado o Condado.
(Suso Fernández é Fillo Predilecto e Cronista oficial de Foz).

Fernández, Suso