Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

En defensa do Papa Francisco

miércoles, 31 de enero de 2018
As viaxes do Papa Francisco sempre teñen para min algo de sorprendente que humanamente cativan a moita xente e a moitos cristiáns lles fai retomar a esperanza, cunha ollada rexeneradora, nesta Igrexa en tantos aspectos dexenerada.

A este Papa, que se presenta tan próximo, non lle cadran os nomes de Santo Padre nin moito menos Pontífice, por aquelo do Evanxeo: “a ninguén chamedes pai, pois un só é voso pai, o celestial”; e tampouco “pontífice”, pois iso ven do imperialismo romano”. A este papa vaille moi ben chamarlle o Papa Francisco, ou, en moitos escritos xa vexo, simplemente Francisco. Pois el sae ao mundo para mesturarse coa xente; con ela dialoga e discute abertamente dos problemas da xente; e así libre, deixa a curia que o apreixa canto pode para telo atado no cumio do papado clásico que el tanto quere derrubar.

Poren, para vermos a comparanza, quero lembrar aquelas outras viaxes de Juan Pablo II, concretamente, aló polos días 2 e 3 de abril de 1987, fora tamén a Chile con resultado non moi pastoral, ao contrario do que acaba de facer o Papa Francisco.

En primeiro lugar lembramos o desgraciado asomo do Papa, de par con Pinochet, á balconada da Casa de la Moneda, bendicindo á plebe golpista ateigada na praza como se na de Oriente franquista se tratara.

Segundo, o pánico que produciu a brutal intervención da policía con disparos de metralleta, gases lacrimóxenos naquela misa contra a multitude; pois fora que militantes do MIR (Movimiento de Izquierdas republicanas) abriran pancartas con esta frase: “SANTO PADRE, EN CHILE SE TORTURA”, naquela misa multitudinaria. E terceiro, para rematar, naquela viaxe de escándalo, a fotografía da Comuñón de
Pinochet de mans do Papa.

Imos ver o contraste coa viaxe doutro Papa con un estilo e maneiras pastorais ben distintas, e con problemas totalmente distintos.

A Chile chega para implicarse en dous temas: un interno co episcopado e clero, cal é o escándalo de abusos sexuais da Igrexa; e outro político e social na defensa dos dereitos dos Mapuches-

Este pobo é dono das terras que lles pertencen dende tempos inmemoriais. Mapuche significa xente da terra ou nativo; o nome de araucano puxéronllelo os españois, que eles rexeitan.

Hoxe están baixo o poder arxentino e, sobre todo, chileno. Foi o único pobo que se mantivo firme fronte aos conquistadores da cruz e a espada do reino de España no descubrimento de América.

Cen anos despois, en 1641, logra un tratado de independencia deixando a liberdade de actuar aos misioneiros de sotana. A este pobo chega o Papa nun momento de bastante violencia. Houbo emporiso unha acollida de multitude chegada de arxentina e outros pobos. A concentración celebrouse no campo onde a ditadura de Pinochet implantou unha grande represión non só da esquerdas senon tamén da raza mapuche; e aí nese campo o Papa fixo unha lembranza en honor desas vítimas do terror pinochetista. Mais nas súas palabras non apareceu o recoñecemento do xenocidio do pobo mapuche nin a petición de perdón por parte da Igrexa, como esperaban algúns representantes. Insistiu na advertencia aos mapuches de que poñan fin a violencia: “la defensa de la cultura del reconocimiento mutuo no puede construirse en base en la violencia y destrucción que termina cobrándose vidas humanas. No se puede conseguir el reconocimiento aniquilando al otro”.

Apreciamos no Papa Francisco que estivo moi condicionado polo poder eclesiástico e civil e moito máis polos actos violentos da queima de igrexas neste momento preciso como resposta á súa visita.

Aínda que para os mapuches a chegada do Papa foi unha deferencia de proximidade con acollida e celebracións indíxenas, no fondo faltoulle ese carisma de involucrase moito máis cos seus problemas relacionados coas autoridades chilenas, e coa vida de abusos históricos que leva sufrido este pobo.

Mais deteñámonos un pouco máis no obxectivo desta viaxe a Chile que aparece nos xornais como primordial. O escándalo dos abusos sexuais dentro da Igrexa, que, ao meu entender, nunca foi un abuso xeneralizado, aínda que nestes últimos tempos chegan escándalos soados, e por conseguinte, o suficientemente grave como para tratalo coa consigna de Francisco: “tolerancia cero”. Se se analizan ben estes casos, a miña opinión da gravidade parte no só das mentes retorcidas do tal pederasta, máis ben parte do poder de mangoneo que adquiren certos dirixentes espirituais que abusan das conciencias débiles das e dos menores; acontece coa dirección espiritual, unha práctica usada na pastoral eclesiástica, que cando chega ao abuso da imposición, aparentemente como unha grandeza do espírito, somete á esa pobre mente do débil, de tal forma que xa non pode desprenderse do impostor e xa non é quen de liberarse do monstro, coa imposición engadida do silencio e a ocultación, que nada se saiba.

E cando hai medo de que pase a coñecemento público, a xerarquía toma as medidas do cambio de lugar do vitimario ou castígalo a facer exercicios espirituais nun convento. A vítima descomposta e avergonzada para toda a súa vida queda esquecida. Nunha xustiza ben entendida non se trata de protexer ao vitimario, máis ben de protexer á vítima.

E aquí ao Papa Francisco podémoslle aplicar o dito castelán “con la Iglesia hemos topado”, porque ten que apeitar cos bispos, que non actuaron coa “tolerancia cero”. Ao chegar proclama con claridade: “No puedo dejar de manifestar el dolor y la vergüenza que siento ante el daño irreparable causado a niños por parte de ministros de la Iglesia. Me quiero unir a a mis hermanos en el episcopado, ya que es justo pedir perdón y apoyar con todas las fuerzas a las víctimas, al mismo
tiempo que hemos de empeñarnos para que no se vuelva a repetir”.

Mais aínda así nas paredes do metro aparecían cartaces denunciando a tolerancia da Xerarquía. As asociación contra a pederastia dentro da Igrexa de Francia, Alemaña, EE.UU. etc... viñeron para estar presentes na denuncia e para dialogar co Papa. A organización episcopal cortou esta posibilidade. Os implicados nesta lacra eclesiástica en Chile chegan a 80, cito a Fernado Karadima, como prototipo, sacerdote famoso nunha parroquia El Bosque, persoeiro importante na curia chilena, actualmente nun convento, e Juan Barros, bispo de Osorno, amigo e encubridor -din- de Karadima. Este bispo estivo, nestes días, en todos os actos na compaña do Papa. “O Papa fala, mais non actúa”, é a frase das vítimas
denunciantes.

Emporiso, coa práctica propia deste Papa, dialoga cos periodista e dilles: “El día que me traigan una prueba contra el obispo Barros, voy a Hablar. No hay una sola prueba. Todo es calumnia”. Mais tres vítimas de Karadima, entre outras moitas, Juan Carlos Cruz, James Hamilton, José Andrés Murillo, que deron a cara e levan xa anos denunciando ao bispo Barros dende o seu nomeamento por este Papa, contestan:

“El Papa desaprovechó una gran oportunidad, de escuchar a la comunidad de Osorno y a quienes hemos afirmado que el obispo Barros había encubierto los abusos de Karadima, con pruebas a la vista, como durante años hemos entregado”.

Nun Twitter engaden: “como se fora posíbel sacar unha foto durante o abuso”.

Podemos dicir con toda certeza que este foi outro encerro do episcopado chileno.

Mais o Cardeal de Boston, Sean O ́Malley, o principal conselleiro do Papa no tema de abusos sexuais na Igrexa, criticouno dicindo: “as palabras do Papa son unha fonte de grande dor para os sobreviventesde abuso sexual”.

Cando estamos a escribir este artigo, sorpréndenos este Papa coa súa maneira senlleira, o único dos papas que na súa actuación pastoral rectificara e pedise perdón. No regreso, xa libre da presión dos seus declara: “Ben sei que a moita xente abusada non pode traer unha proba, porque non a ten; ou aínda que a teña tápaa por vergoña. Pido perdón; escoitar que o papa lle diga que traia unha proba é unha labazada”. Mais o bispo Barros, mentres non teña “evidencias”, vai seguir aí”.

Esperemos que con esa liberdade escoite ás vítimas que tiñan grande ilusión en teren un encontro, mais negáronlles o acceso ao diálogo co Papa. Parece ser que as vítimas que deron a cara nunca tiveron moi fluídas as relacións coa xerarquía.

Nestes días, os bispos aínda se cerraron máis diante dos actos violentos contra das igrexas, e frearon sen dúbida a valentía do diálogo.

Eu remato este artigo coa nova, tan radical, do evanxeo de Xesús de Nazaret, que, por certo, nunca a vin citada cando se trata deste problema, di así: “Máis lle valera que lle colgase unha pedra de muíño no pescozo e que o guindasen ao mar antes de escandalizar a un destes pequeniños".
Ferreiro Currás, Anxo
Ferreiro Currás, Anxo


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES