Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Ter autoridade

domingo, 28 de enero de 2018
Sempre me chamou a atención o que se nos di hoxe no Evanxeo de Marcos sobre Xesús: “Todos estaban abraiados da súa doutrina, pois ensinaba coma quen ten autoridade, non coma os letrados”.

Non fixen a carreira de Dereito (si a de Filosofía), mais imaxino que algúns dos profesores desa Facultade de Dereito explicarán os temas das leis algo así como o facían os letrados dos que se nos fala no Novo Testamento. Xa sabemos que as leis que rexían o comportamento dos xudeus do tempo de Xesús eran moitas, moi minuciosas e tamén moi concretas e exteriores. E para iso o pobo precisaba dos chamados mestres da lei que dunha maneira bastante impersoal e aséptica lle explicasen con precisión e detención as cousas.

Mais xa sabemos que, como tantas veces temos oído, a letra mata, mentres que só o espírito vivifica. O que importa, pois, é o espírito da lei, non a súa letra. E ós letrados da época de Xesús semella que lles preocupaba máis a letra có seu espírito.

De Xesús, a quen se lle chamaba tamén “Mestre”, lle estrañaban poderosamente á xente as cousas que dicía, mais tamén o seu modo de dicilas. El era algo así como un podente volcán, semellante a eses dos que algunha vez se nos conta que son capaces de abrollar dende o fondo do mar cara á superficie, chegando a formar se cadra incluso unha nova illa por enriba do mar. Os volcáns emiten tamén desde o fondo de si mesmos a súa palabra e son capaces de formar novas realidades. Tamén Xesús dicía de si mesmo: “lume vin traer á terra e que máis querería eu ca que xa estivese a arder”... Algo así, pois, coma un volcán, mais un volcán non destrutivo senón construtor, benfeitor, ou sexa, facedor de bens.

Quero dicir que Xesús falaba con quente emoción e convencemento, desde a súa experiencia máis fonda e íntima. Falaba do que sabía e vivía. Desde a conciencia do seu saberse unido intimamente co Pai Deus e cos seus irmáns todos da terra. Cos irmáns do seu tempo, cos do noso tempo e cos dos tempos que virán despois de nós. Era un falar comprometido, apaixonado, fraternal, divinamente humano.

Quen puidera estar alí presente e oílo falar! Sobre todo, sería un falar libre e animoso, engaiolante. “Nunca ninguén falou así!”, dicían uns. Outros, abraiados, non podían entender o que ocorría e comentaban: “¿Non é este o fillo do carpinteiro?”.
Coma quen di: ¿Non é este o fillo da panadeira veciña ou dese obreiro en paro?... Isto resultaba ser un verdadeiro escándalo, mais por outra parte o que el dicía tiña que ser verdade porque, se non, como podía namorarse o corazón tanto do que el dicía? Tiña que ser verdade o que saía da súa boca e do seu corazón. Porque Xesús, o profeta e mestre, ofrecía confianza e paz ós corazóns da xente, convertía as persoas en verdadeiramente libres e felices.

É lóxico que a xente non puidese menos de dicir o que nos refire Marcos que dicían: “É unha nova doutrina, e con autoridade”. Marcos dinos, efectivamente, ata dúas veces neste curto texto, que Xesús falaba e ensinaba con “autoridade”.

Importante expresión esta, a da “autoridade”, que pode prestarse a confusión! Cando se nos anuncia, por exemplo nun acto político ou social, que están a chegar as autoridades, un pode pensar, se non se está informado, que vai vir o alcalde de Vigo, ou quizais o Presidente da Xunta ou alguén máis importante aínda... Por máis que vivamos en países chamados democráticos, as autoridades case sempre provocan en nós un non sei que de cauteloso respecto ou incluso de medo, posiblemente atávico.

Cando nos di Marcos que Xesús falaba con “autoridade” non era este tipo de autoridade humana (civil, militar ou relixiosa) a que alí se estaba a presenciar. Non. Á fin e ó cabo, todos saberedes máis ou menos que a palabra “autoridade” provén, nas linguas nosas que proveñen en boa parte do latín, da raíz “augere”, que significa “aumentar”. De modo que alguén ten “autoridade” cando sabe e é capaz de aumentar, de conseguir agrandar os demais, de facelos medrar, de encher coa forza do seu vento propicio as velas das nosas barcas e facelas así camiñar con suavidade e dereitura polo mar. Con ese vento amigo, co espírito da fala de Xesús a xente notaba que os seus corazóns se enchían e despregaban coma as velas dunha lancha con bo vento. En consecuencia, podían vivir e camiñar con ilusión.

Sumos Pontífices, bispos, cregos, frades, párrocos, xente normal e corrente coma todos nós, deberiamos aprender a ser xente de “autoridade”, é dicir, xente revestida interna e externamente daquela sinxela e amigábel autoridade de Xesús, que se algún diploma ou currículo tiña era o de ser e sentirse fillo benquerido de Deus Pai e irmán maior de todos nós.

Se queremos, pois, ter algunha autoridade (e sería ben bo que queiramos iso) ten que ser sempre unha autoridade fondamente democrática e humana que, coma a de Xesús, faga medrar os demais na fraternidade, na humanidade. Se Xesús é o Deus feito home, non nos queda outro camiño para nos achegarmos a ese Deus ca comportarnos como el se comporta: facérmonos plenamente humanos, ben achegadiños á todos, empezando polos máis necesitados.

Temos que obedecer aquel imperativo do poeta grego Píndaro: “Chega a ser o que es”. No contexto no que estamos a falar: Cheguemos a ser o que somos, persoas humanas, plenamente humanas. É así como chegaremos a ser verdadeiramente divinos. Foi isto o que nos veu dicir Xesús ó traernos a mensaxe do Pai. Xesús foi ese fermento da humanidade que fixo “aumentar” coa súa autoridade as nosas vidas. Foi esta ademais unha das comparanzas das que Xesús botou man algunha vez: a mensaxe de Xesús é como esa pequena cantidade de fermento que fai levedar e inchar toda a masa de millo ou trigo que se converterá en pan.

Coa nosa participación na eucaristía, recibindo en nós o “corpo de Cristo” (tal como nolo di, ó recibirmos a comuñón, quen preside a eucaristía), cada un de nós e a comunidade toda que entre todos formamos iremos medrando no seguimento de Xesús grazas a “autoridade” engrandecedora do Fillo de Deus.
Cabada Castro, Manuel
Cabada Castro, Manuel


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES