Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

A diversidade de 'Os do fuelle'

viernes, 26 de enero de 2018
Testemuñas da memoria
A diversidade de 'Os do fuelle'

Xa tiña ganas de meterlle o dente. A Os do Fuelle. Porque son coñecidos. Porque son veciños. E porque moitos deles son amigos. Convivo con eles A diversidade de 'Os do fuelle'desde practicamente toda a miña vida, e como agrupación musical desde hai cinco anos, desde 2012, desde que se fundou. Non obstante, xa vedes, todo un lustro para falar deles. Pero, ollo ó dato, desde o día 18 de agosto de 2015 (hai dous anos), desde que iniciei esta sección de Testemuñas da Memoria estiveron sempre na miña cabeza. Sempre. E iso que, en directo, teño que recoñecer que non os escoitei máis alá de dúas ou tres veces e tan só ós cachiños (nas festas patronais de Maceda), pero sempre os seguín polas redes sociais e por eses amigos que me mandan as súas cousas polo guasap.

Por fin, hai uns días, cando os dous coincidimos mercando unhas barras de pan, pillei a Tito González, o director musical do grupo e director tamén da Escola de Música (por certo, a condición esixente para pertencer á agrupación Os do Fuelle é a de estar, antes, matriculados nesa escola municipal), e concretamos unha pequena cita para que se me "enrollara" un pouquiño. A ver!, como lle dixen un chisco antes, sentíame e síntome competente para escribir así, "ás cegas", sobre Os do Fuelle. Polo dito ó inicio: coñecidos, veciños e amigos; onde se ve que aquí teño para dar e tomar. Emporiso, sempre é bo contrastar ou cotexar certos asuntos ou datas ou temas ou puntos ou materias ou datos.

Desde o momento, é dicir, desde sempre, en que asimilei que tiña que escribir sobre esta agrupación, tan só unha palabra me bombardeaba, me encaixaba na cabeza unha e mil veces. Souben que na reportaxe (e como se ve ata no título) tiña que aparecer á forza a palabra "diversidade". Porque Os do Fuelle son unha auténtica pluralidade. Diversidade de oficios. Diversidade laboral. Diversidade de afeccións. Diversidade de concellos. Diversidade de caracteres. Diversidade administrativa. Diversidade de idades. Diversidade de xénero. Diversidade política. Hai funcionarios e comerciais e gardas civís e policías locais e operarios municipais e alcaldes e ex alcaldes e ex banqueiros e estudantes. Ata hai labregos, carallo, ata hai labregos, que iso xa son palabras maiores, xa é máis ca mérito. Hainos de todos os concellos da contorna, ou sexa da comarca de Maceda (a este respecto, un amigo da agrupación sempre me premía con que remarcase a convivencia entre os concellos de Baños de Molgas e de Maceda, porque é sabido que nos anos da polca, da pera había certa rivalidade entre as dúas vilas, xa sabedes, algo así coma no fútbol os típicos derbis. Eu tamén opino que esas rivalidades hai xa tempo que deron ó esquecemento, que pasaron á historia. Eu mesmo levo case 25 anos estando máis en Maceda que na miña propia vila... como non lle vou querer a Maceda, entón). Hai dous integrantes que non son da contorna, que pertencen ós concellos de Celanova e de Chantada, en Lugo. Isto é porque son profesores da Escola. Dobre mérito para eles ó ter que desprazarse para uns actos e para outros desde tan lonxe.

A agrupación dá para moito máis dos dous folios cos que teño que cubrir este Testemuñas. E como vexo que cada vez queda menos espazo para completar a sección, non queda outra que empezar a dicir cousas sen parar mentes e a treu, tal como pillei os apuntamentos que me foron cantando Tito e máis Mino, o cal entrara desde un principio na conversa.

Os do Fuelle é unha agrupación sen ningún ánimo de lucro, que nunca cobra polas súas actuacións nin pensa cobrar. Son 40 compoñentes con tan só dúas mulleres. E recalcáronmo, sinaláronmo de tal maneira que me deron a entender (polo menos así o entendín eu) que tiñan que animarse a entrar moitas máis, que o grupo está aberto a todos. O membro máis veterano ten 80 anos e o máis párvulo 16. Ensaian dúas veces á semana. Os que poden, claro. Pásalles coma coas actuacións: que nunca conseguirán xuntarse os 40 por esa diversidade laboral, xa que se non traballan uns traballan outros. Proba disto é que precisamente este ano tiveron que rexeitar unha invitación de Nigrán porque a ver quen era o chuliño que lle esixía a algúns dos compoñentes que deixaran as súas vacacións coas familias para ir actuar. E entre os que xa fallarían polos traballos...

O nome Os do Fuelle débese a que a maioría dos instrumentos son acordeóns. Adoitan celebrar actos solidarios gratuítos polo Nadal nas residencias xeriátricas ou da terceira idade en Esgos, Baños de Molgas e Maceda. Tamén no instituto para os rapazolos. Gravaron xa un CD cos seus propios medios nos Milagres e están preparando outro. Hai pouco fixeron unha peculiar versión do famoso "Despacito" que empeza a circular polas redes como a pólvora. Eles, faltaría máis, titulárono "Despaciño".

Non podía faltar nunha agrupación altruísta, e na que hai moitos integrantes, o detalle sensible, esa acción sentimental que penetra no peito de cada un, de cada lector, de cada oínte. Resulta que un dos membros de Os do Fuelle, e a causa dun accidente, perdeu unha perna que case o fundiu mentalmente ó verse con esa minusvalía; mais o seu amor á música, o seu altruísmo á agrupación e o seu propio ánimo fixérono rexurdir das súas cinzas. O que nos acontece máis ou menos a nós cando escoitamos os temas da agrupación. A verdade é que Os do Fuelle, coa súa música, resucitan ata un morto. Ou como diría Juan Luis Guerra, ó escoitalos, sóbesenos a bilirrubina.
Rivas Delgado, Antonio
Rivas Delgado, Antonio


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES