Opinión en Galicia

Buscador


autor opinión

Editorial

Ver todos los editoriales »

Archivo

Nas lindes da Chaira

viernes, 26 de enero de 2018
Neste tempo cando entramos na Terra Chá polo sudoeste sentimos máis folgos ao descubrir os avances na planificación dos terreos onde vai erguerse unha planta procesadora de leite de alta tecnoloxía no polígono industrial de Teixeiro destinada a transformar 70 millóns de litros a remates deste ano e converterse nun centro de investigación en colaboracion coa universidade.

Non é que se esté rebaixando ningunha serra como as que bordean a nosa comarca, pois dende Guitiriz os pasos e portos que unen as provincias de Lugo e Coruña son vías abertas con horizontes amplos que enxergaron unha historia, literatura oral, economía..., comúns.

Dende a civilización romana con asentamentos importantes en Sobrado ou Guitiriz, ata o apoderamento do Mosteiro de Sobrado nesta beira chairega, polas doazóns reais de parroquias coma Mariz ou Os Vilares..., asistimos á humanización dunha mesma paisaxe que arestora inza en proxectos produtivos que veñen a animarnos...

Xa fixemos un camiño en común de soños e frustracións, como a loita contra o esquecemento dos paseados nas cunetas polos falanxistas en Santa Mariña, Aranga..., e contra o peche de Sidegasa que reforzaron a memoria e a conciencia social desta rexión. De feito hai máis obreiras e obreiros de Guitiriz traballando no polígono de Teixeiro ca no da súa vila. Sen esquecer a construción dunha mentalidade colectiva nas distintas abas da Serra da Cova da Serpe coma nos transmitiron en lendas e cantigas, mesmo a través do ensino pois no século pasado algún mestre de Guitiriz e Parga foron a pé a Aranga a desenvolver a súa vocación e agora alumnas/os deste concello comparten a secundaria e bacharelato cos desta beira.

Esta parentela e empatía está a tecerse cada día, mesmo nas festas, o Festival de Pardiñas conta co voluntariado de Teixeiro e viceversa, así un dos seus fundadores, Paco Ja, escribeu con tanta emoción o que consideramos o himno de Pardiñas: “Fun a Parga e Guitiriz, Guitiriz e máis Teixeiro. Fun a Parga e Guitiriz. Hoxe fun ao mundo enteiro”, que agora escoitamos coa música de Os Diplomáticos.

Abofé para os que compartimos esta paisaxe, o noso universo é toda esta Chaira sen as fronteiras administrativas, xunguidas/os pola amizade e o compañeirismo, tripando sempre este terrón.
Blanco Torrado, Alfonso
Blanco Torrado, Alfonso


Las opiniones expresadas en este documento son de exclusiva responsabilidad de los autores y no reflejan, necesariamente, los puntos de vista de la empresa editora


PUBLICIDAD
ACTUALIDAD GALICIADIGITAL
Blog de GaliciaDigital
PUBLICACIONES