Falar hoxe de teatro infantoxuvenil galego e non referirse a Carlos Labraña é tarefa case que imposible. Logo de case tres décadas traballando na súa creación, divulgación e representación ben poucas son as iniciativas neste eido nas que, dunha ou doutra maneira, non teña estado presente.
Esta incansable dedicación fíxoo acredor de premios como o Concurso Xeración Nós de Textos Teatrais Infantís, o Premio Estornela de Teatro para Nenos ou o Concurso O Facho de Teatro Infantil, entre outros. Máis aínda, as súas obras son toda unha referencia neste ámbito e así o

demostran títulos como Espantallo, Moito Morro Corporation ou O apalpador, por citar só algúns dos máis recentes.
A esta recoñecida andaina suma agora a aparición de O valo, peza coa que obtivo o Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil na pasada convocatoria, un volume que coeditan a Axencia Galega das Industrias Culturais e mais Xerais e que conta cunhas espléndidas e moi suxestivas ilustracións da artista Nuria Díaz.
O valo é unha obra que fai boa a máxima do menos é máis: estruturalmente presenta un só lance no que participan soamente dous personaxes nun escenario único. En consecuencia, a acción dramática figura tamén concentrada e o tempo da historia transcorre apenas nunhas cantas horas.
Este adelgazamento dos elementos constitutivos da peza, lonxe de desarborala, contribúe decisivamente a fixar a atención no esencial da súa mensaxe: a traxedia á que nos arrastran os conflitos entre os pobos, coa lacra das guerras, as fronteiras que nos dividen e os odios raciais e xenofobias que tantiñas veces fan presa en nós.
Unha nena (Sahara, a rosa do deserto) e mais un neno (o Soldadiño de chumbo) son os protagonistas desta historia. El representa o acatamento á orde preestablecida, o control das alfándegas que impiden a libre circulación das persoas, tamén os prexuízos que amosan o temor e a desconfianza dos que non se coñecen, impedindo a chegada de inmigrantes por consideralos indesexables. Ela é a encarnación da sensatez e a tenrura e todas as súas actuacións se ven presididas pola bondade e a solidariedade. É unha nena que foxe da guerra que asola o seu país, que perdeu os seus pais e demais familia e que tan só procura un lugar no que vivir en paz.
O Soldadiño e Sahara establecerán un revelador diálogo no que a visión do mundo inicial amosada por el irá mudando segundo coñeza máis e mellor a traxedia palpitante dela. As súas conviccións sobre o Ben e o Mal entrarán en crise e, como resultado dese proceso de iluminación interior, o novo Soldadiño acabará renacendo como un individuo ben máis xusto, xeneroso, comprensivo e fraterno.
Por tanto, O valo non é só unha obra esteticamente notable, senón tamén un documento sociolóxico que nos convida á reflexión sobre o mundo que vivimos, verbo das súas irracionalidades e lacerantes exclusións. Como o propio autor indica nunha nótula inicial, a peza foi escrita en homenaxe a todas as persoas que teñen que abandonar a súa terra en procura de refuxio por mor das guerras, como Marwan, un meniño de catro anos que tivo que fuxir do conflito sirio cruzando o deserto coa súa familia. En memoria destas persoas para que as súas historias non caian no esquecemento e constitúan o xerme da loita contra os valos, aramados, muros e fronteiras que dividen o mundo naceu O valo, que ten no derrubamento do elemento que lle dá título a conclusión simbólica da súa aposta.
Cando remato de escribir estas liñas están xa en marcha as sesións para asistir á montaxe de O valo, da que se responsabilizou Iván Prado e protagonizan Fran Rei e mais Saleta Fernández. A estrea será esta vindeira semana no Salón Teatro en Compostela. Inmellorable ocasión para abeirarse e coñecer, de primeira man, unha historia fonda e conmovedora.